Unha teima persoal

Farruco Sesto

Alguén, de esquerdas, fálame mal dun escritor de dereitas e dime que o único que lle perdoa é que sexa tan bon escritor. Respóndolle que, no fondo, talvez non sexa tan bon escritor, malia que a min non che me dá máis porque eu a ese señor non o leo.

E por aí comeza unha deboura cando dí que non sabe o que estou a perder. Que unha cousa é a persoa e outra a obra. Afirma que con esa maneira miña de pensar perdería o goce de boa parte da arte e a literatura de todos os tempos.  Ben, dígolle. Pode ser. Pero a ese señor non o leo. En primeiro lugar, porque non me dá a gana. E en segundo lugar porque tampouco me dá a gana.

El teima. Dime que, mesmo que o home sexa tan reaccionario, non podemos prescindir del por ser un escritor recoñecido e grande.

Ensaio de Atilio Borón que recomenda non confiar no autor obxecto deste artigo

 Eu respóndolle que o de gran escritor non me consta. E non me consta porque non o leo. Se nalgunha ocasión fíxeno, iso xa quedou atrás, case na prehistoria dos meus modestos tempos persoais. E desde logo, como queira que o paso dos anos esvae todo aquilo que non é esencial á mirada do corazón, o feito real é que xa non me acordo daquela lectura que foi, en definitiva, unha máis entre tantas.

Polo que, ao cabo, facendo unha analogía cun fermoso polo margariteño (o Polo é unha forma musical típica das rexións da costa oriental de Venezuela) que di que “o que pode sufrirse, xa o dei sufrido”, eu digo que “o que pode esquecerse, esqueceume”.

De maneira que non me interesa ese señor. Nin el nin a súa obra. Morra o conto.

Por riba, non leo aos imbéciles, e este é imbécil de mérito. Non importa o que me teña que contar e o ben que poida contarmo. Eu non os leo. Digo, aos imbéciles.  Tampouco leo a xente ruín. Quero dicir, á que fai dano, aos desalmados. E este señor é un adaíl da palabra estúpidamente malvada.

De maneira que non. Que non o leo.

Aínda máis: se estivese nesa illa deserta que protagoniza todos os xogos metafóricos sobre o illamento absoluto, e o único libro que tivese fose deste señor, téñase por certo que non o lería. Pois, ademais do que xa dixen, tamén polo moi persoal motivo de que non leo a quen me cae mal. E cáenme mal os marqueses voceiros do capitalismo. Sobre todo, cando se meten con Venezuela. É unha teima persoal.

(Publicado no Correo del Orinoco)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará