A Asemblea da ONU aplaude a Cuba nunha nova sesión de crítica mundial ao bloqueo

Información de Granma e axencias

O ministro de Estado de Cuba, Bruno Rodríguez Parrilla, recordou perante a Asemblea Xeral da ONU a irrenunciabel vocación soberana de Cuba, e recusou con enerxía a soberbia imperialista empregada no foro por Nicky Haley, embaixadora de EUA nas Nacións Unidas, para se referir ao Estado Cubano e ao seu Goberno. O ministro denunciou o proceder inmoral de Trump ao defender un bloqueo, que non nacera no 62 pois non deixa de ser unha manifestación contemporánea da cobiza histórica dos EUA sobre Cuba. Só EUA e e o Estado de Israel defenderon co seu voto o cerco ilegal a Cuba.

Caricatura de Martirena (diario Granma)

Rodriguez Parrilla recordou que EUA incorre en flagrantes violacións de dereitos humanos que son causa de preocupación da comunidade internacional, polo que á embaixadora Haley carecia de autoridade moral para criticar a Cuba, un país pequeno, solidario, de ampla e recoñecida traxectoria internacional, nobre, traballador e amistoso. “A embaixadora fala en nome do xefe dun imperio causante da maior parte das guerras libradas hoxe no planeta, que asasina inocentes e é factor decisivo de inestabilidade mundial, ao tempo que ameaza a paz e a seguridade mundial, con desprezo do Dereito Internacional e a Carta da ONU, que ela invoca con falsidade”.

Para o ministro cubano, o bloqueo non conta 55 anos senón máis dun século , se consideramos a orixe dos feitos sancionados pola Asemblea. “Mente –dixo o ministro sinalando a Embaixadora dos EUA- e usa o estilo de hoxe na política estadounidense, porque todo comezou antes mesmo de existir a nación cubana. Cando o pobo cubano álzase en armas en 1868 por vez primeira, xa se desataron os apetitos de anexión do que despois sería imperio estadounidense”.

O pretexto da “falsa bandeira” ou agresión finxida, foi empregado en1898 a conta da voadura do Maine no porto da Habana, como expresión da vontade anexionista dos EUA sobre Cuba. Os imperialistas argallarian esta mentira unha chea de veces na historia contemporánea. O do Maine valeulles para entraren na illa coma aliados das forzas independentistas cubanas e ocupar o país como invasores, sen transición; valeulles para impor a Enmenda Platt e minguar a independencia e soberanía de Cuba; para tres ocupacións militares e 60 anos de dominio absoluto que remataron o primeiro de xaneiro de 1959 coa entrada do Exército Rebelde na Habana e o triunfo da Revolución. “Hoxe, Cuba libra as mesmas loitas que inspiraron ao pobo fai mais de cen anos”, dixo entre aplausos do plenario.

“Ela mente”, repetiu o orador referíndose a unha frase presuntamente cubana, citda pola embaixadora dos EUA en relación a Crise de Outubro “Invítolle a citar fonte e autor; que presente evidencia”.

A mesma vella política contra Cuba

Retomando o fio do relato histórico, o ministro recordou o propósito de cambio de réxime» trazado polos EUA para afogar a Revolución Cubana. “Non é nova a política enunciada 16 de xuño polo presidente Trump. É a mesma política, a vella política ancorada no pasado”.

Sobre a mención do embaixador Adlai Stevenson, sinalou  que no discurso da voceira dos EUA faltaba o engano do goberno de Washington, na Crise de Outubro (chamada tamén dos Miseis Soviéticos) ao seu diplomata, ao que correspondera mostrar ante o Consello de Seguridade as fotos de supostos avións cubanos co emblema da forza aérea da Illa,  que o 15 de abril bombardearon A Habana, provocaron baixas e constituíron o preludio da invasión de Praia Girón.

“Eses bombardeos, e a mentira involuntaria do embaixador Stevenson, enganado polo seu Goberno, producíronse antes da declaración do carácter socialista da Revolución Cubana. Eses bombardeos foron anteriores. Fálase nestes días do asasinato do presidente Kennedy, co gallo da apertura de arquivos secretos. Foi ocultada ao pobo de Estados Unidos a verdade por demasiado tempo: publiquen todo!”

O ministro cubano desafiou a embaixadora a falar deses asuntos e a ler antes o libro  Trained to Kill, (Adestrado para asasinar a Fidel) escrito polo axente da CIA Antonio Veciana, quen conta do seu encontro co tamén axente da CIA David Phillips e con Lee Harvey Oswald en Dallas, na terceira semana de setembro de 1963. “Unha historia de crimes e mentiras”

Mentou operacións da CIA para derrocar ao Goberno cubano coma Mangosta, e dixo que naquela altura 261 000 soldados de Estados Unidos estaban listos para unha invasión directa a Cuba. Operaba daquela na Florida unha base da CIA con máis de 700 oficiais, a máis grande até a creación da de Saigón.

“Falo polo meu pobo -dixo Bruno Rodríguez- e mais polos pobos que non poden chamar ao presidente Trump e a Embaixadora dos EUA polos seus nomes, mais que senten e pensan coma min”. Un aplauso da Asemblea acolleu estas palabras.

EUA está illado

“Alomenos a embaixadora recoñeceu o absoluto illamento dos EUA nesta sala e no mundo; están sos na teima do bloqueo a Cuba”, asegurou no medio de aplausos.

A seguir fixo memoria da agresión militar, a fabricación de pretextos, os plans de invasión directa a Cuba, as medidas de asfixia económica, do terrorismo de Estado e subversión, seguindo ao memorando estadounidense de 1960 que ditaba provocar desengano e desalento en Cuba mediante descontento  económico e malpasar , cerco económico e comercial para reducir salarios, provocar fame, desesperación e derrocamento do Goberno. Para iso foi creado o bloqueo contra Cuba, argumentou.

Bloqueo e violación dos DDHH

Con todo, cando os presidentes Raúl Castro e Barack Obama realizaron os anuncios de decembro de 2014, o inquilino da Casa Branca dixo que o bloqueo fracasara e era pertencía a unha vella concepción da política, causante de danos ao pobo cubano e de illamento para o Goberno dos EUA; inútil para facer avanzar os intereses estadounidenses; errado, inviabel e gravoso para os cidadáns.

Botouse decote en falla unha definición do bloqueo coma violación flagrante e sistemática dos dereitos humanos dos cubanos. “A embaixadora dos EUA omitiuno cinicamente; non se referiu ao bloqueo como un acto de Xenocidio definido pola Convención de Xenebra, nin renunciou aos seus manifestos obxectivos de asoballamento do noso pobo”.

Lembrou a seguir que depois de o presidente dos EUA manifestar a súa decisión de empregar facultades executivas do seu cargo e traballar co Congreso para levantar o bloqueo, producirase a abstención dos EUA no debate da Asemblea Xeral sobre o bloqueo, en 2016, un feito do que a Embaixadora desprezaba.

A cita dos avanzos naquela altura en materia de diálogo e cooperación, contrastaba co mantemento do bloqueo, continuado no fundamental naqueles dous anos mália decisións executivas limitadas, que variaban a súa aplicación. A proclama do bloqueo coma eixo básico da súa política para Cuba, por parte de Trump, era o regreso dunha política resesa, da guerra fría, tanto coma apelacións artificiais sobre dereitos humanos para xustificaren o regreso ao bloqueo.

Trump carece de autoridade moral para cuestionar a Cuba, aseverou o Ministro, quen dixo que aquel presidente dun Goberno de millonarios destinado a tomar medidas contra os pobres, as minorías e os inmigrantes e sementador de xenreira e división, pregoa o estado de guerra e de excepción que han producir máis violencia.

“Trump ignora aos seus electores: dous terzos dos estadounidenses están polo fin do bloqueo”, dixo antes de denunciar a corrupción da política dos EUA, secuestrada polos intereses do diñeiro e a falla de garantías de educación, saúde e seguridade social. “Merecen condena o uso da tortura, o asasinato de afro-americanos pola policía, as mortes de civís a mans da tropa, as sentencias desiguais de pena de morte, segundo a raza, e o asasinato e represión de inmigrantes; a separación de familias con deportación de menores e a ameaza sobre menores criados nos EUA, fillos de inmigrantes.

O discurso centrouse logo nunhas relacións bilaterais pendidas dende Washington aos círculos extremistas e a un pequeno grupo de orixe cubana na Florida; con novas prohibicións ás relacións de compañías estadounidenses con empresas de Cuba e a limitación de voos estadounidenses a Cuba. E a respecto da repetida ameaza de Trump de non arriar o bloqueo antes de ver cambios drásticos no sistema legal da illa, dixo que Cuba non aceptaba  imposicións, un sistema que nunca funcionou nin poderá ter resultados xamais. “Será unha máis na conta dunha política ancorada no pasado”.

As doenzas non probadas dos diplomáticos dos EUA na Habana, serviran de pretexto para o goberno de Trum adoptar novas medidas políticas contra Cuba. O ministro de Estado falou da suspensión de visas a viaxeiros e emigrantes, de parte do Consulado dos EUA na Habana, o que prexudica o dereito dos cidadáns estadounidenses de viaxaren a Cuba e aos da Illa a visitar os EUA, como fixeran conmáis de 163 mil cubanos no que vai de ano, e os atrancos a reunificación familiar doutros ao abeiro do acordo bilateral de outorgar non menos de 20 000 visas anuais a cubanos para visitar Estados Unidos.

O ministro ponderou as vantaxes de Cuba e EUA poderen cooperar e convivir respectando as diferenzas e promovendo medidas para mutuo beneficio, avances que non poderian nunca depender de concesións sobre a soberanía e independencia de Cuba, dos seus principios, ou de hipotecas políticas.

Os danos do bloqueo

Tratando da vixésimosexta vista na Asemblea da Onu da sancion politica dos EUA contra Cuba, o Chanceler definiu o ilegalintervencionismo coma o maior obstáculo para o desenvolvemento do país e para atinxir os obxectivo da Axenda 2030 da ONU.

No exercicio agora vencido, o bloqueo causou danos por 4 305 millóns de dólares, o dobre do que precisa a illa como investimento directo anual. Sobre o máis de medio século de imposición do bloqueo, os danos totais atinxen 822 280 millóns de dólares, tomando en conta a depreciación do ouro. A ilegalidade dos EUA impediu a Cuba no ano vencido adquirir equipos humanitarios vitais, como un reactivo para diagnosticar enfermidades virais coma o dengue, o zika ou a cikunguña.

En abril, sinalou o Rodriguez Parrilla, unha casa alemá negouse a fornecer á Illa un xerador, cos seus compoñentes, para diagnóstico de cancro de próstata, de alta incidencia en Cuba. A compañía aduciu que lle non era posibel servilo a causa do bloqueo; o servizo cardioloxía do hospital Irmáns Ameixeiras precisa un dispositivo de asistencia circulatoria para astenias cardiacas graves, no que se especializa unha compañía estadounidense que foi contactada pola empresa cubana MediCuba. O goberno dos EUA impide o trato.

Rodríguez Parrilla agradeceu e nome de Cuba a gobernos, pobos, parlamentos, forzas políticas, movementos sociais, representacións dos pobos e de organizacións internacionais que apoian a Cuba ano tras ano. Tamén expresou a gratitude de Cuba polo apoio recibido da ampla maioría do pobo estadounidense. “Ofende á conciencia da humanidade que a embaixadora dos Estados Unidos fale con tanta soberbia do Goberno Bolivariano de Venezuela. Ofende ao heroico pobo venezolano, á súa unión cívico militar, ao Goberno bolivariano chavista de Maduro», dixo Rodríguez, antes de sentenciar que o Goberno de Estados Unidos mente cando declara a Venezuela como unha ameaza á seguridade nacional dos EUA. “É curioso que a primeira reserva certificada de hidrocarburos do planeta sexa por ventura Venezuela”.

A sentenza de Simón Bolívar “Os Estados Unidos parecen destinados pola providencia a inzar de miserias a América en nome da liberdade» resoou na Asemblea na voz do Chanceler que chamou a atención da embaixadora dos EUA e Estados Unidos por se tratar de palabras do Libertador.

O chanceler de Cuba rematou a súa intervención con estas palabras: “Persistiremos, co respaldo do noso pobo e, en particular co da mocidade, na loita pola nosa independencia, pola que entregaron a vida decenas de miles de cubanos e cubanas afrontamos perigos maiores coma o de Girón. Gardaremos lealdade ao legado de Martí e Fidel”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *