A Casa Branca usa o Bloqueo como recurso contra a maioría anti-cubana do Congreso

G. Luca – Terra Sen Amos

A presidencia norteamericana di que o Bloqueo é absurdo, e ao tempo eleva a máximos históricos as multas por comerciar con Cuba. Todas as forzas comprometidas no remate do inhumano e interminábel cerco contra o povo cubano, denuncian a incoheréncia mentres os republicanos de Washington ven no dobre discurso de Obama un recurso do presidente contra a maioría do Congreso, contraria á apertura con Cuba. A Casa Branca procura mover a opinión dos grupos de presión mediante un aumento extraordinário de sancións contra empresas de todo o mundo por comerciaren con Cuba. A banca francesa BNP Paribas foi obrigada a pagar 6.500 millóns de euros a Estados Unidos por ter servido de intermediaria financeira coa administración cubana; de a pouco, o banco Crédit Agricole recibiu unha sanción de 694 millóns de euros por admitir un pago en dólares dende Cuba. O peso da Lei Helms-Burton caeu tamén sobre Banca Morgan, por unha imputación semellante e contra innúmeros provedores. Tres meses antes do histórico anuncio de 17 de nadal de 2014, o presidente estadounidense renovara a inxeréncia contra Cuba ao amparo da Lei de Comercio co Inimigo, de 1917. Obama repite de feito un esquema clásico da coerción imperial norteamericana no que obriga a convivir a reconciliación formal coa dilación, a escalada e o ultimato, como sucedeu por acaso cos criminais Bombardeos de Nadal contra Vietnam do Norte en 1972, cando xa o FNL fora invitado ao diálogo constructivo. Disparando con multas contra os grupos de capital da maioría republicana do Congreso, Obama agrava o Bloqueo e agranda o aillamento de EUA denunciado por Kerry, que presuntamente debería remediar o cambio da política para Cuba.

Raúl anúncia na TV Cubana o restablecemento de relacións diplomáticas cos EUA en decembro de 2014.
Raúl anúncia na TV Cubana o restablecemento de relacións diplomáticas cos EUA,  decembro de 2014.

O feito de Obama defender o remate do Bloqueo e potencialo simultaneamente, indigna a opinión democrática internacional mentres os medios reaccionários gardan silenzo, se cadra coa esperanza de veren esmorecer un restablecemento da xustiza que chega con 60 anos de retraso. Non é a primera vez que un presidente norteamericano é mortificado na casa por querer safarse dun herdo político indefendibel. Como recorda Ryan Lizza, «Cando Obama fai campaña para reformar un proceso político fracturado, sempre segue un camiño marcado polas regras existentes, e non polas que el mesmo querería». Visión contemporizadora dun xornalista washingtoniano acubillado no Partido Demócrata que non ten conta das prerrogativas de Obama para recortar o Bloqueo. Por exemplo, autorizar o uso do dólar para comerciar con Cuba, consentir o uso do sistema bancario de Estados Unidos, así como autorizar entidades cubanas abriren contas en bancos de Estados Unidos, permitir exportacións diretas a Cuba de productos norteamericanos, importacións de mercadorías con máis do 10% de componentes norteamericanos, contratacións de servizos cubanos nos Estados Unidos e investimentos en Cuba, amais de autorizar que avións e barcos cubanos transporten viaxeiros, carga e correo postal entre as dúas beiras do estreito da Florida.

A opinión partidária de Obama lembra a derrota das prerrogativas presidenciais contra o valado dos poderes fácticos nos casos do peche do campo de concentración de Guantánamo, da reforma migratória, da retirada de Iraq, da reforma financeira e do control de armas. No solpor dunha presidencia que chegara coma un sismo á política norteamericana, o herdo vai limitarse á asistencia médica básica e a un acordo con Irán. No medio da disputa entre os poderes reais e fictícios da Casa Branca, Raúl Castro lanza en 1914 un aviso inequívoco: “O camiño para o final do Bloqueo preséntase longo e sementado de atrancos”.
(Sobre o Bloqueo como recurso da política interior dos EUA, lér o artigo de Paula Costa, publicado neste mesmo portal 07.07.2014)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará