A cláusula de dominio da lei Helms Burton busca a recolonización de Cuba

Granma – TSA

O goberno terrorista de Washington tenta aplicar agora a reclamación de propiedades en Cuba prevista na lei Helms Burton, que todos os ocupantes da Casa Branca dende Clinton (asinante do texto) mantiveran en suspenso por temer graves riscos para a política exterior dos EUA. A lei é máis intervencionista ca a Enmienda Platt de 1901 e o Tratado de Reciprocidade, de asinatura forzada aos cubanos para lles daren unha independencia de cartón pintado. O anúncio de Washinton provocou a enérxica protesta do goberno da Habana da que informamos a seguir.



A agresión en avalo do goberno Trump contra a illa, foi contestada por Habana nos termos máis duros. Washington ameaza con permitir, a partir do vindeiro 19 de marzo, que ao abeiro do Título III da lei Helms-Burton, poidan presentarse demandas xudiciais en tribunais dos Estados Unidos contra empresas cubanas incluídas na Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas elaborada polo goberno de Washington en novembro de 2017.

O goberno de Cuba entende que o listado é arbitrario e ilexítimo, e representa unha escalada do Bloqueo, e estende os seus efectos extraterritoriais pois prohibe aos cidadáns estadounidenses realizar transaccións financeiras directas coas entidades sinaladas na lista.


O ministerio de Mike Pompeo anunciou que mantería en suspenso por só 30 días as accións xudiciais por igual concepto en contra doutras entidades cubanas ou estranxeiras con vínculos comerciais ou económicos en Cuba.

Dende a súa entrada en vigor en 1996, a lei Helms-Burton procurou universalizar o bloqueo económico, mediante presións brutais e ilegais de Estados Unidos contra terceiros países, os seus gobernos e as súas empresas. Persegue asfixiar a economía cubana, e promover ou aumentar as carencias da poboación co propósito de impoñer en Cuba un goberno que responda aos intereses de Estados Unidos.

Por súas pretensións ilexítimas e pola violación que implican do dereito Internacional, a lei Helms-Burton e o Bloqueo concitan o rexeitamento universal, reiterado durante case tres décadas, nos máis importantes organismos rexionais e internacionais. O exemplo máis recente foi na Asemblea Xeral das Nacións Unidas cando o pasado 1 de novembro foi obxecto de dez votacións consecutivas de rexeitamento, nas que o goberno dos Estados Unidos ficou so co seu propio voto.

O título II da lei Helms-Burton dispón que o derrocamento do goberno revolucionario, a posterior tutela do país por un interventor estadounidense e o ulterior establecemento dun goberno contrarrevolucionario e subordinado a Washington, terían como tarefa inequívoca a devolución ou pago aos antigos propietarios de todas as propiedades que sexan reclamadas por antigos donos ou os seus descendentes, sexan estadounidenses ou non, despois das nacionalizacións ou de as abandonaren. En todo ese tempo, o bloqueo económico permanecería en pleno vigor.

Reclamantes dos EUA arrogaríanse o dereito, por mor desta lei extra-territorial, de restitución ou pago de casas nas que viven cubanos, predios sobre os que se erguen polígonos, terra agrícola onde cultivan e producen, a escola onde se educan os seus fillos, o hospital ou o policlínico onde reciben servizos médicos, o solar do seu centro de traballo ou negocio particular; a lei institúe aínda acredores dos EUA polos servizos de electricidade, auga e comunicacións subsidiados da poboación cubana.

Para o goberno de Cuba, esta pretensión é só imaxinábel nas mentes de quen identifica o solo e bens cubanos como unha posesión colonial. “O Bloqueo económico só podería cesar unha vez atinxido ese obxectivo da lei Helms-Burton, que descansa sobre dúas mentiras fundamentais: a noción de as nacionalizacións, realizadas a pouco do triunfo revolucionario, seren ilexítimas ou indebidas e a idea de Cuba constituír unha ameaza para a seguridade nacional dos Estados Unidos”

Cuba recorda que as nacionalizacións leváronse a cabo amparadas por leis, con estrito apego á Constitución e en conformidade co Dereito Internacional. “Todas as nacionalizacións contemplaron procesos de compensación xusta e conformada que o goberno dos Estados Unidos negouse a considerar. Cuba alcanzou e honrou acordos globais de compensación con outras nacións que hoxe invisten en Cuba como España, Suiza, Canadá, Reino Unido, Alemania e Francia”.

Para o ministerio de Estado de Cuba, a verdadeira ameaza para a paz e a seguridade da rexión son as declaracións e accións irresponsábeis do goberno dos EUA e a conxura contra América Latina e o Caribe no afán declarado de impoñer a Doutrina Monroe.

A Lei de Reafirmación da Dignidade e Soberanía Cubanas do 24 de decembro de 1996 establece que a lei Helms-Burton é ilícita, inaplicabel e sen valor nin efecto xurídico algún. Considera nula toda reclamación amparada en devandita lei, por calquera persoa natural ou xurídica.

Segundo estipula esa lei, as reclamacións de compensación polas propiedades nacionalizadas poderán formar parte dun proceso de negociación sobre a base da igualdade e respecto mutuo entre os gobernos de Cuba e os Estados Unidos, examinadas de conxunto coas indemnizacións ás que o Estado e o pobo cubanos teñen dereito con motivo dos danos e prexuízos causados polo bloqueo e as agresións de todo tipo cuxa responsabilidade corresponde ao goberno dos EUA. Segundo esta previsión legal, ficará excluído de futuras posibeis negociacións quen invoque procedementos e mecanismos da lei Helms-Burton en prexuízo doutros.

O goberno cubano reitera aos socios económicos e as empresas estranxeiras que operan en Cuba, todas as garantías para o investimento estranxeiro e os proxectos conxuntos. A Constitución Cubana, ratificada por ampla maioría no referendo do pasado 24 de febreiro de 2019, recoñece no seu artigo 28 tamén esas garantías, incorporadas na Lei de Investimento Estranxeiro Nº. 118 de 29 de marzo de 2014.

Recorda o goberno da Habana que o anuncio dos EUA incrementa obstáculos aos obxectivos de desenvolvemento e progreso económico de Cuba. “Porén, os EUA seguirán a fracasar no seu propósito de someter pola forza a vontade soberana dos cubanos e a nosa determinación de construír o socialismo. Prevalecerá o sentimento maioritario dos pobos de Cuba e dos EUA que prefiren melllorar as relacións e criar convivencia civilizada e respectuosa.


















Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará