A cómica impaciencia das dereitas pola aparición dun Gorbachov cubano

Iroel Sánche recupera no diario dixital La Pupila Insomne un seu comentario aparecido en decembro de 2012 no que ironiza sobre o desacougo de certos medios occidentais ao non veren aparecer o seu esperado Gorbachov cubano. A seguir, o artigo resgatado : “No seu libro A caída do imperio do mal, un dos disidentes soviéticos de máis sona no tempo da Guerra Fría, e non menos crítico dos efectos da Perestroika na URSS, Alexander Zinoviev, di: Un dos dos efectos máis poderosos utilizados por Occidente para escanambrar a sociedade soviética, foi a vaidade dalgúns dos seus persoeiros.
Gorbachov foi considerado providencial polo semanario de referencia da extrema dereita norteamericana “Time”.

Con lixeireza que conmove, deixáronse levar polo vértixe da fachenda moitos persoeiros e occidente aproveitou esta fenda vulnerábel contra políticos e figuras da cultura, do mesmo xeito que colonizadores e conquistadores occidentais souberon aproveitar a debilidade dos pobos orixinario americanos polo alcol. Enviciaban aos os indios na bebida para lles deixaren a porta aberta a terra e riquezas sen límite. Só por unha garrafa de «auga de lume».
Os primeiros en morder o engado da notoriedade foron os disidentes soviéticos, seguidos dos homes da cultura e os deportistas. Os burócratas do partido e o estado non tardaron en sentir envexa daquela «sona mundial», e debruzáronse sobre o «auga de lume» da nombradia abrindo paso a golpellóns entre disidentes, críticos, escritores, músicos e moitos outros aloumiñados nos medios de comunicación occidentais. Os burócratas avantaxaron aos que lles precederon, arrincándolles a bandeira do antisovietismo e o anticomunismo. Mijaíl Gorbachov, xefe do estado soviético e do PCUS, superou a todos no devezo da «auga de lume» da notoriedade, distinguido pola súa traizón sen precedentes con toda clase de honras e títulos, como o de «figura anual» e até  «da década».
Gabeando por pantallas e capas de revistas de Occidente, Gorbachov non só virou costas a historia do seu pobo senón a toda a humanidade. En realidade iso foi o que fixo cos seus aliados en Europa e outras rexións do mundo. Outros persoeiros soviéticos sentíronse tentados pola sona de Gorbachov: Yakovlev, Shevardnadze, Yeltsin. A cobiza sen límites pola relevancia e as gabanzas de Occidente foron engado irresistibel para os reformadores soviéticos.
Arestora provoca riso nos grandes medios de prensa cando parecen albiscar reformas na actualización do modelo de xestión da economía cubana e falan de resistencias internas dentro do aparello partidista. Están a deitar a isca na procura dun Gorbachov cubano e esperan da dirección revolucionaria unha inxenuidade incompatibel con máis de cincuenta anos de enfrontamento victorioso ao país máis poderoso do planeta. “Falaran marabillas de nós e, daquela, si que teriamos motivos para a inquedanza”, dixo Raúl Castro a súa intervención do 1 de agosto de 2010 ante a Asemblea Nacional do Poder Popular. Pero os donos do «auga de lume» teiman e non saben senón espreitar nos demais a réplica das súas propias debilidades.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *