A Coordenadora de Solidariedade con Cuba renova a súa confianza na Revolución

A transparencia de medios e obxectivos da Revolución Cubana e a plena declarabilidade da súa prática diaria dende 1959, contrasta coas incoerencias do capitalismo e o mal social que producen, sempre superiores aos remedios da crise. A Coordenadora Estatal de Solidaridade con Cuba CESC, reunida en Alcalá de Henares no 20 aniversario da súa fundación, renovou nun comunicado final a confianza en Cuba socialista, que é quen de avanzar na resolución dos problemas comúns mediante a discusión aberta e a participación solidaria, no entanto o capitalismo propón intensificar a explotación para superar os atrancos producidos pola insolidariedade e a inxustiza. A CESC representa a máis de cen colectivos de solidariedade con Cuba.

A Asemblea condenou a inxerencia imperialista en Cuba e o criminal bloqueo a que somete ao povo cubano e denunciou a connivencia dos poderes públicos do Estado español con organizacións terroristas coma Alpha 66 que teñen producido atentados graves en territorio cubano contra obxectivos civis. As instancias de solidariedade con Cuba foron especialmente críticas coa manipulación informativa como clave de tratamento imposto polos medios do capital contra a realidade cubana, con silenzo ou menosprezo de todos os avances do proceso transformador, e tratamento nesgado ou falsificado cando se trata das dificultades dun sistema sometido a bloqueo. A recente proclamación de excelencia, por parte da ONU, da atención de Cuba a infancia, superior á dos Estados Unidos ou España, non mereceu nin por acaso mención na prensa do sistema.

A Coordenadora de Solidariedade con Cuba renova a súa confianza na RevoluciónA CESC reafirmou a solidariedade coa causa dos cinco revolucionarios cubanos presos nos Estados Unidos por loitaren contra o terrorismo e esixiu a libertade inmediata de René González despois de ter cumprido a pena á que fora inxustamente condenado mediante acusacións non probadas e un xuicio sen garantías.

Luisa Cuevas e Moncho Leal representaron na reunón comemorativa da CESC á Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”. Cuevas recordou na declaración liminar da Asemblea, a situación na que nacera a CESC, despois da perda das alianzas económicas do socialismo, fins do 80, e a renovada agresión dos Estados Unidos.

Nunha entrevista para Cubainformación, Leal centrou no Periodo Especial a cifra e resume da agresión padecida por Cuba durante os vinte anos de existencia da CESC. “Debemos situar un antes e un despois do Periodo Especial -sinalou o ex-presidente da Villamil-.

Antes, dábase un intercambio básicamente cultural, de grande intensidade; durante o tempo de excepción, un sospeitoso andácio de retinitis, no 93, requerira a recollida de vitamina B, que esixira moito labor en pouco tempo, con grande éxito. Outras campañas de recada material reforzaron a idea das conquistas sociais de Cuba e a existencia simultánea do bloqueo que lle impide dispor de medios e materiais precisos para avanzaren”.

A membro da CESC e profesora da Complutense Ángeles Diez, tratou na Asemblea a información deturpada que sobre Cuba ofrecen os medios do capitalismo e sinalou que non se pode perder de vista que a loita contra os medios dominantes é a loita contra o Capital o que quer dicer que non se poden abordar nin realizar ailladamente das outras batallas nas esferas produtivas, culturais e ideolóxicas.

XX Aniversario da CESC

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *