Representada en Cuba unha peza teatral norteamericana sobre a “Operación Peter Pan”

Frank Soutullo – Jacksonville

A representación de Sonia se fue, peza dramática sobre a infame Operación Peter Pan que inducira o exilio de 14.000 cativos cubanos e fora organizada pola CIA e a Igrexa Católica, foi a luzada do XVII Festival Nacional de Teatro, en Camaguey. A obra é de Melinda López, filla de exilados cubanos nos EUA, dramaturga de moda en Nova Inglaterra, autora residente do Huntington Theatre de Boston e citada por Barack Obama no seu histórico discurso da Habana polo que ten de exemplo da sinerxia cultural entre as dúas beiras do Estreito da Florida. O drama de López volve sobre o que Fidel chamara unha das agresión morais máis noxentas praticadas contra Cuba. As louvanzas a Sonia se fue, en Cuba e en varias capitais de EUA, contrasta coa censura da obra na Florida de Marco Rubio onde o recordo da Operación Peter Pan é ainda coto vedado.

Cartaz da obra de Melinda López no XVII Festival Nacional de Teatro, en Camaguey

Fidel recordara, nun artigo de 2009, a conspiración contra-revolucionaria para exiliar rapaces cubanos, obra dun cura católico estadounidense de nome Walsh, dependente do Bispo da Habana, e do axente da CIA Angel Fernandez Varela, profesor de economia do colexio dos Xesuitas da Habana e redactor dunha falsa lei da Revolución que presuntamente prometia acabar coa patria potestade en Cuba, para indoctrinar aos párvulos dende o Estado sen interferencias familiares. A campaña da CIA inzou na prensa capitalista e convenceu a moitos pais da urxencia de entregaren seus fillos a custodia do cura Walsh para libralos da inexistente lei de secuestro estatal. Asi acabaron 14.000 picariños en campos de concentración de Florida, Xeorxia e Carolina do Sul, onde padeceron necesidades arreo, abusos e agresións pedófilas de parte dos propios relixiosos e relixiosas que se gababan de telos apartado da ameaza socialista.

Sonia se fue é a historia dunha daquelas cativas da Operación que a CIA prometera conservar na infancia eterna de Peter Pan, o pícaro voador con pucha de dous picos inventado polo escocés James Barrie. No dia de hoxe da mesma familia que padecera a Operación Peter Pan, un fillo é reclamado polo exército para a guerra no Afganistán e as visións retrospectivas do exilio, sucedido entre 1961 e 1962. O relato de Melinda López ten o poder de acordar a persistente traxedia do exilio con premio diferencial, inventado para reforzar o cerco do socialismo primeiro de América. Sonia se fue conmove ao público norteamericano ao tempo que aumentan as protestas por transladar implicitamente a responsabilidade da traxedia aos inventores da Lei de Ajuste Cubano.

Melinda López non é revolucionaria mais a forza da súa construción dramática abroia sempre do acontecer colectivo, da raiz histórica da loita de classes que interfire e condiciona a vida das persoas. Ser Cuba, un drama previo tamén ensalzado pola crítica norteamericana, relata a rebelión da súa bisavó contra o exército colonial e a terminante decisión de procurar, contra a alarma e o escándalo do seu entorno burgués, a  proteción do Manbis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *