A estrea en Vigo do documental “Matrioskas”, un memorábel encontro coa historia e o compromiso das “Nenas do Exilio”

Nazario Lores Calanda – TSA

Organizada pola Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e pola Asemblea Republicana  de Vigo e cunha sá chea de xente, a proxección nos Cines Norte de Vigo do documental Matrioskas da cineasta navarra  Helena Bengoetxea  converteuse  non só nun feito de carácter artístico senón en todo un acontecemento  de vindicación memorialista e de xustiza histórica.

A xornalista Helena Bengoetxea, presenta o seu filme Matrioskas no Festival Internacional de Cortametraxe e Documental de Bilbo (Zinebi)

Durante os 74 minutos que dura o filme,  Helena Bengoetxea achéganos ás historias  de vida de catro mulleres  nonaxenarias que, con doce ou trece anos, tiveron que fuxir das galloupas do fascismo durante a Guerra que comezaran os fascistas contra a legalidade republicana en xullo de 1936 . Teresa, Araceli, Alicia e Xulia, eran catro rapazas dos máis de 34000 nenos e nenas que entre marzo de 1937 e outubro de 1938 saíron dende distintos puntos da España leal para seren acollidos en fogares solidarios doutros paises. Segundo os datos que barallan os expertos, Francia acollería ao redor de 20.000 menores, Bélxica 5.000, Reino Unido 4.000 (a meirande parte vascos)  México  e Suíza  uns 500, Dinamarca  un centenar e a Unión Soviética  perto de 3.000.

Precisamente na Unión Soviética, recalaron Teresa, Araceli, Xulia  e Alicia. Alí viviron a II Guerra Mundial e a invasión nazi, padecendo o terribel cerco de Leningrado, aqueles  872 días en que o exercito alemán someteu a cidade a un bloqueo de fame e bombardeos criminais. Sufriron na URSS unha guerra contra o fascismo á que elas tamén seguramente chamaron Gran Guerra Patria  pero tamén  na URSS se formaron como profesionais e universitarias (medicas ou inxenieiras) e, nomeadamente empoderáronse como mulleres libres, xusto na antítese do que padecían ás mulleres que por se atoparen na  España franquista, foron condenadas a morte civil e á invisibilidade social, laboral e xurídica.

Polas circunstancia do tempo que lles tocou vivir e por un compromiso político, de seu, transladáronse dende a Unión Soviética para trasladarse a Cuba , atendendo a demanda en 1961 do goberno da illa  que precisou  tradutoras de ruso para atender aos técnicos soviéticos que acudiron á illa para afortalar a Revolución e axudar a illa, xa daquela bloqueada polos USA.

Rodada entre marzo e setembro de 2020, cun parón de catro meses pola pandemia e estreada no 2021, asistimos en Matrioskas a un moi competente  traballo  documental que se construe dende a elegancia da impeccábel fotografía de Iñaki Alforja, e onde a realizadora navarra, formada na prestixiosa escola de cine cubana de San Antonio de los Baños, narra  estas catro historia de mulleres  (onde cada unha por separado  conten ou  complementa e amplía a experiencia das outras, por iso é acaido o  titulo de Matrioskas) cunha tenrura que ultrapasa a eficacia dunha narración formalmente impecábel. Dotada dun tempo narrativo e ritmo ben  precisos,  onde nada falta e onde cada plano que centra a intervención  destas admirabeis mulleres  ofrécenos  unha lección de dignidade e compromiso, Matrioskas aporta experienciae evidencias que nas que reencontramos unha parte importante da  historia que o franquismo e o silencio da chamada transición tentou borrar, pero que  o traballo de Helena Bengoetxea  devólvenos agora, con man mestra, rigor e compromiso  admirábel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *