A Federación de Mulleres Cubanas cumpre 60 anos con crecente presenza en todos os sectores da Revolución

O 61 por cento da dotación das Brigadas Henry Reeve, en misión a 40 nacións e territorios, son mulleres

Yeilén Delgado Calvo – GRANMA

O presidente Díaz-Canel enviou parabéns ás mulleres de Cuba no 60 aniversario da fundación da Federación de Mulleres Cubanas (FMC), e salientou o protagonismo feminino en todas as tarefas revolucionarias e  nomeadamente na loita contra a pandemia.

En conversa co diario Granma, Teresa Amarelle, secretaria xeral da FMC lembrou que a presenza activa das cubanas contra a Covid-19 fora responsabel e valente, tanto nos seus postos de traballo coma na provisión de servizos ou na producción. Amarelle fixo mención expresa do incremento da forza laboral na agricultura, con máis de 130.500 mulleres, e recordou que  constitúen o 61 por cento da dotación das Brigadas Henry Reeve en misión a 40 nacións e territorios.

A ninguén abraia, na Cuba do 2020, que sexan mulleres boa parte das científicas a cargo da Soberana, o candidato vacinal do país contra a Covid-19.

Coma elas, profesionais, obreiras, amas de casa e estudantes comparten a responsabilidade de manter a vitalidade do país nos días longos e desafiantes desta pandemia. Vémolas en hospitais, centros de illamento, nos barrios asistindo os máis vulnerábeis, como oficiais de Policía…

Conquistaron cada ámbito da sociedade, e non é casual. Hai 60 anos era impensábel que tivesen tal grao de inserción na vida pública, e para conquistar ese dereito e moitos outros nunha Revolución que nacía e non podía ser tal, sen asumirse feminista, xurdiu a Federación de Mulleres Cubanas (FMC).

As loitas polos dereitos da muller non eran novas, viñan da República, da man daquelas que esixiron dereitos civís, como o voto; a necesidade deles para ter Patria independente xa estaba demostrada desde a manigua, e logo na clandestinidade e na Serra.

Non flores nin enfeites, senón guerreiras, protagonistas, así as sabía Fidel. O líder da Revolución concibía pendente outra revolución, a das mulleres, e Vilma encabezou aquel esforzo por darlles oportunidades para alén da casa, o casamento e a maternidade.

Estudos, oficios, emprego, igual salario a igual traballo, acceso ao aborto gratuíto e seguro e a medios anticonceptivos, atención prenatal, licenzas retribuídas; en cada un deses logros está a teimosía dunha organización masiva, que accede a toda a xeografía nacional e batalla pola dignidade.

Se seis décadas transformaron totalmente o escenario inicial, a Federación segue plena de retos; a dobre xornada de traballo -fóra e dentro do fogar-, a carga mental, as nais vistas como únicas responsábeis dos fillos, e mesmo, a incomprensión cara aos homes que desexan exercer a plenitude a súa paternidade, son aínda atrancosimpostos polo machismo.

A FMC é unha das murallas contra os que devecen e propugnan retrocesos con respecto ao conquistado. Ante problemas complexos como a discriminación racial, a homofobia, a prostitución, os feminicidios, a violencia de xénero, o embarazo adolescente, ou a trata de persoas, ten o Estado cubano, nesta organización, unha fortaleza indescritíbel.

Estudos, accións, centros como as Casas de Orientación á Muller e á Familia, colaboración con outras organizacións non gubernamentais… a FMC comparte os rumbos de tantas e tantas mulleres que fan a nación, cos seus desafíos e heroicidades, para preservar e impulsar o vieiro que as fai empodeiradas, loitadoras, soberanas.

Lembremos que en Cuba, o 50,3% da poboación son mulleres (5 629 297), e delas,  936 018 de 65 años ou máis.

Na poboación economicamente activa, 1 812 100 son mulleres, delas 1 790 300 empregadas e 21 800 desocupadas para una tasa de desemprego de só 1.2%.

As mulleres empregadas no sector estatal son 1 405 400 ; no non estatal 384 900.

As mulleres ocupan, por votación directa, o 53,2% dos escanos da Asemblea Nacional do Poder Popular. No ano 1993 só representaban o 22,8%. da Asemblea.

Tradución ao Galego para Terra Sen Amos, de Erea del Rio Iglesias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará