A Federación Sindical Mundial reclama a intervención da ONU a prol dos Cinco

A Federación Sindical Mundial (FSM) reclama da ONU intervir perante os Estados Unidos para a urxente liberación dos Cinco revolucionarios cubanos que están a piques de cumpriren trece anos de castigo nas cadeas norteamericanas. A organización obreira mundial entende que Ban Ki Moon, secretario xeral da ONU debe instar ao presidente Obama para que este produza un indulto que poña fin a inxusta tortura de cinco persoas condenadas nos Estados Unidos por teren impedido a violencia asasina no seu propio país.

O texto da resolución fora proposto ao XVI Congreso da FSM pola delegación do sindicato canario Intersindical Canaria, organización de traballadores e traballadoras activamente implicada dende o seu comezo na campaña internacional pola liberación dos Cinco. A Asemblea da FSM, refrendou a carta como aportación á Campaña Europea por Un Millón de Asinaturas para a Liberdade dos Cinco, o que suma de feito os votos dos douscentos delegados do continente europeo aos seiscentos do resto do mundo.

A Federación Sindical Mundial reclama a intervención da ONU a prol dos CincoO escrito denuncia que “os Cinco non cometeron delito contra os Estados Unidos nin puxeron en ningún momento baixo ameaza a seguridade da nación norteamericana senón que procuraban co seu traballo protexer a Cuba e ao povo cubano fronte actos de terrorismo planificados por organizacións mafiosas establecidas nos Estados Unidos.

En xaneiro pasado, o secretariado da FSM dirixira aos compañeiros Gerardo Hernández, Antonio Guerrero, Ramón Labañino, Fernando González e René González, unha carta na que sinalaba que os traballadores representados na Federación Sindical Mundial non esquecían a loita dos detidos “contra o imperialismo bárbaro, sistema brutal que os mantén lonxe do seu país e das súas familias, baixo falsas acusacións polo delito único de defenderen a Revolución Cubana e o povo de Cuba”. O documento do Secretariado da FSM está dirixido aos anti-terroristas “en nome dos 80 millóns de afiliados en 120 países dos cinco continentes”.

A implicación da ONU, esixida pola FSM, eleva a a campaña pola liberación dos Cinco ao ámbito do dereito internacional en defensa da paz e dos dereitos humanos, despois de instancias coma Amnistia Internacional ou mesmo o Grupo de Traballo sobre Detencións Arbitrarias da ONU teren asumido a defensa dos Cinco.

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” segue a recadar apoios para a campaña europea “Un Millón de Sinaturas pola Liberdade dos Cinco”. Calquera persoa interesada en asinar o documento que vai ser entregado en setembro ao presidente dos Estados Unidos, pode concertar a súa visita no número 986 432892

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará