A Francisco Villamil celebra en Compostela o 62 aniversario do asalto ao Moncada

TSA – SantiagoCompostela
Organizado polo Consulado de Cuba e a Asociación de Amizade Galego-cubana Francisco Villamil, 26 de xullo celebrouse en Santiago de Compostela a tradicional festa de aniversario do asalto ao cuartel Moncada. O acto, no que participou un centenar de persoas, galegos e cubanos residentes en Galicia, tivo un apartado de carácter político, coa intervención de Valentín Alvite Gándara, presidente da Francisco Villamil. Citando a John Kennedy, que definiu o réxime de Batista como “unha das ditaduras máis sanguinarias de Latinoamérica”, rebateu os intentos dalgúns opositores cubanos de falsear a historia, defendendo supostos aspectos positivos daquel período tiránico.
A Cónsul cubana, Laura Urra, centrou o seu discurso na transcendencia do restablecemento das relacións diplomáticas con EE UU, pero insistiu na continuación da loita pola fin do bloqueo e a devolución da base de Guantánamo.

panorámica todos1 grupo1


Posteriormente, o acto proseguiu cun carácter festivo e os asistentes puideron gozar dunha animada tarde, na que non faltaron a música, o baile, a conversa e a gastronomía.
Oitenta degraos ao Oeste, en Santiago de Cuba, máis de 10.000 persoas participaban no mesmo día nun grande acto para conmemoraren o asalto ao Cuartel Moncada, acontecemento que deu orixe á Revolución. Con este asalto, a mocidade revolucionária lidera por Fidel Castro erguéuse contra o réxime ditatorial de Fulgencio Batista. Para conmemorar a data, adolescentes entraron no cuartel acompañados dos comandantes da Revolución e, posteriormente, tivo lugar a lectura do poema “Xa estamos en combate”. A continuación, lembráronse os nomes dos que ofreceron a súa vida no asalto.
O 62 aniversario foi especial, pois nel participaron os cinco antiterroristas cubanos, nun tempo no que se iniciou o proceso para restabelecer relacións diplomáticas cos EUA.
Con motivo da conmemoración do 26 de xullo, o presidente de Cuba, Raúl Castro, ofreceu unas breves palabras para eloxiar o tradicional espírito revolucionario e rebelde das persoas que viven en Santiago de Cuba, “voume coa esperanza de que sempre Santiago sega a ser Santiago”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *