A “Francisco Villamil” chama a aumentar a mobilización contra o Bloqueo

Terra Sen Amos
A Asociación de Amizade Galego-Cubana reclamou o remate do Bloqueo durante a reunión da irmandade revolucionária Galego-Cubana celebrada en Compostela no 63 aniversário do Asalto ao Cuartel de Moncada. O presidente da “Francisco Villamil”, Valentín Alvite, dixo no Centro Socio-Cultural do Castiñeiriño que era hora de elevar a mobilización contra o cerco ilegal imposto sobre Cuba polos EUA dende 1960. A súa beira, a cónsul de Cuba Laura Urra, asegurou que ninguén poderia pretender de Cuba a renúncia dos princípios da Revolución, esperar concesións relacionadas coa súa soberanía e independéncia, nin postergar a defensa dos seus ideais ou do exercício da súa política exterior comprometida coas causas xustas e a defensa da autodeterminación dos povos. Durante a homenaxe aos herois do Moncada, a directiva da Villamil Erea del Rio, leu un poema de Yanicet Brioso Leyva, de Holguin, adicado a Ana Belén Montes, presa nos EUA por ter defendido Cuba dende o seu traballo. A versión Galega do texto, débese á  poeta Maria Rosendo. IMG-20160724-WA0004IMG-20160724-WA0008

Alvite recordou a valentía e a xenerosidade dos homes e mulleres que levaron a cabo o ataque ao cuartel Moncada coa finalidade de provocar a caída da tiranía de Fulgencio Batista, un réxime sanguinario que mantiña estreitos vínculos coa mafia e que saqueou o tesouro nacional cando foi deposto. A seguir referiu ás dúas falacias coas que se pretende xustificar o bloqueo norteamericano a Cuba: a suposta carencia de democracia e de respecto aos dereitos humanos na Illa. Lembrou que, cando se inicia o bloqueo, a partir de 1960, os EE UU eran un país profundamente antidemocrático e violador dos dereitos humanos: posuía un sistema de segregación racial no que a poboación negra carecía de dereitos, patrocinaba ditaduras en Latinoamérica (Batista, Duvalier, Stroesner…) e, había só algúns anos, cometera unha das maiores barbaries do século XX: o lanzamento de bombas atómicas sobre Hiroshima e Nagasaki.

O presidente da “Francisco Villamil” concluíu a súa intervención cunha afectuosa alusión a Ana Belén Montes, a muller portorriqueña que cumpre unha condena de 25 anos de prisión en Estados Unidos por alertar o Goberno cubano sobre algunhas agresións que ese país pretendía levar a cabo contra a Illa.

A Cónsul Laura Urra rendeu homenaxe á Xeración do Centenario e á mocidade que entregou a vida por unha Cuba libre e independiente, e ao Líder da Revolución, Fidel Castro. “Arribamos ao 63 Aniversario do Asalto ao Moncada con importantes proxectos rectores para o desenvolvemento da nosa economía, entre eles os Lineamientos de la Política Económica y Social del Partido y la Revolución, e o Modelo Económico e Social Cubano de Desenvolvimento Socialista e o traballo do Partido en cumprimento dos obxectivos aprobados na Asemblea Nacional. Proxectos de grande complexidade que van marcar o rumo do proceso revolucionário cubano, do Partido e da sociedade na construcción dun socialismo próspero e sostíbel. Ainda coas limitacións económicas presentes, podemos dicer que se preservaron e melloraron os servizos en Educación, Salud, Cultura, Deportes e na Seguridade Social”.

Noutro momento da súa intervención, Laura Urra dixo que se produciran cámbios sustanciais no panorama internacional “entre eles a decisión de restablecer relacións diplomáticas entre Cuba e os Estados Unidos, sobre a base da igualdade soberana, a non inxeréncia en asuntos internos e o respeito a nosa  independencia”.  No complexo camiño cara a normalización das relacións bi-laterais cos EUA, a Cónsul salientou a urxéncia do cese do Bloqueo e a devolución da Base Naval de Guantánamo.

A representante de Cuba lembrou con gratitude no remate da súa intervención a comunidade internacional, partidos e movimentos políticos, organizacións sociais, intelectuis, académicos,relixiosos, artistas, líderes sindicais, labregos, estudantes e amigos solidários, que dende todas partes do mundo acompañaron a loita do povo cubano. “A todos eles -dixo- ratificamos que sempre contarán co apoio incondicional e solidário da Cuba, eternamente revolucionária e internacionalista.  Gloria eterna aos mártires da Patria”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *