A Francisco Villamil esixe unha rectificación das acusacións verquidas contra o Goberno de Cuba por un deputado do PP no Hórreo

A Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, sae ao paso da desatemperada declaración do deputado fraguista Alberto Pazos,  quen dixo no Parlamento que o goberno de Cuba debería seguír as indicacións dun rapeiro de nome Yotuel. Eis a nota, divulgada sábado 6 de Marzal,  pola Asociación:

Maio de 2016, Nuñez Feijoo, recibido por Raul Castro na Habana, augurou que a reforma económica emprendida polo goberno revolucionario conduciría “ás maiores cotas de felicidade ao pobo soberano de Cuba”.  
 

“Alberto Pazos, deputado do Partido Popular no Parlamento de Galiza, lanza un insólito chamamento en defensa do rapeiro Yotuel, ao que describe como vítima dun ataque do Goberno Cubano. A declaración do deputado abraia á opinión pública porque non explica en absoluto en que basea tan grave acusación contra a representación da vontade popular de Cuba, que, na realidade, mantén relacións de amizade e colaboración coa Xunta e a Cámara lexislativa da Autonomía de Galiza.

Produce estrañeza que o deputado Pazos declare precipitadamente “a solidariedade do Parlamento de Galiza” a un cantante que, carecendo de ningún expediente de ofensa ou maltrato, arrógase a desmesurada condición de vítima do Goberno de Cuba. En todo caso, o Parlamento de Galiza está constituído por varias formacións políticas que non puxeron a súa opinión aos pés do grupo conservador.

A precipitación imprudente do deputado Pazos non só contradí unhas relacións cordiais entre Cuba e Galiza, estabelecidas sobre unha rica historia común e renovada con frecuentes visitas institucionais de ambos os gobernos, senón que discrepa da propia Lei de Acción Exterior do Parlamento, aprobada en febreiro de 2020, que busca a mellor relación da Galiza con outras nacionalidades, entre elas a de Cuba.

A Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” esixe unha rectificación en toda regra da acusación infundada contra o Goberno de Cuba, verquida por un deputado que se apropia da representación do Parlamento de Galiza para favorecer intereses particulares dunha persoa que non conta con máis apoio nin garantía legal na súa demanda cá presunta expresión aritmética das redes dixitais creadas polo goberno de Washington para derruír o goberno lexítimo de Cuba”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *