A guerra híbrida de Washington contra Cuba é a máis longa da historia recente

VIJAY PRASHAD – Rede en Defensa da Humanidade

Vinte anos demorou o goberno dos EUA en retirar a súa tropa de Afganistán. Hai quen di que a de Afganistán foi a guerra máis longa da  nación norteamericana desde 1945. A do Vietnam, foi de 1961 a 1975, 14 anos; na Segunda Guerra Mundial, os EUA interviran menos de catro.

Destruír a base de Al Qaeda era seu propósito no Afganistán, onde querían eliminar aos talibán por teren acubillado Al Qaeda e Osama Ben Laden. Fracasaron nos seus obxectivos bélicos: Al Qaeda permanece na fronteira afgán-paquistaní, e espallou noutras partes do mundo. Arestora está a piques de volver ao poder en Kabul. De Afganistán e de Vietnam, os EUA marchan derrotados.

A guerra contra os afgáns non é a máis longa da historia recente dos EUA. Ese título corresponde a guerra híbrida de Washington contra Cuba desde 1959 (guerra híbrida: a que se libra mediante sabotaxe, atentados, control da información, intervención da economía, multas e ameazas contra os países que comercian con Cuba) EUA e os seus aliados termaron no bloqueo a URSS, con características semellantes ao de Cuba, durante 44 anos; o de Cuba xa sobardou 60.

O desembarco na Bahía de Cochinos (17 de abril de 1961) anunciaba ao mundo que Washington faría o preciso para derrocar o goberno soberano de Cuba e reinstaurar a vella oligarquía refuxiada en Miami. Prevían actos de terror, incluíndo atentados contra avións civís e bloqueo económico para asfixiar Cuba.

En outubro de 1962, durante a chamada Crise dos Mísiles, o xeneral Maxwell Taylor, xefe do Estado Maior Conxunto dos EUA, planificou unha invasión. “De non utilizarmos armas atómicas –dixo- teremos que asumir arredor de 18.500 baixas no primeiros dez días da operación». Baixas dos EUA; as de vidas cubanas non lles quitaban o sono.

Máis adiante, cando o Goberno cubano enviou tropas para axudar na loita de liberación nacional en Angola en 1975, a Casa Branca contemplou un ataque militar a gran escala contra Cuba. O secretario de Estado Henry Kissinger advertiu ao xeneral George Brown, do Estado Maior dos EUA o 24 de marzo de 1976: «Se atacamos, terá que ser para gañar; non pode haber medias tintas». Programaron ataques aéreos e minar os portos de Cuba. «Temos que esmagar a Castro», comentou Kissinger ao presidente estadounidense Gerald Ford. “Paréceme ben”, dixo Ford.

Como entender que o país máis armado do mundo considerase acabar cunha illa tan pequena? Porque a estrutura social de Cuba —o seu compromiso coas persoas e non cos beneficios da acumulación— deixa á vista a falsidade das propostas políticas dos EUA, agora plenamente expostas durante a Pandemia, pois unha ciclópea acumulación non dá controlado o virus (SARS-CoV-2)  mentres o sistema de saúde pública de Cuba si pode, amais de enviar brigadas médicas a outros países.

Mesmo sen ataques militares directos, o bloqueo en si mesmo é unha guerra. Custoulle á cativa economía cubana o equivalente a 144.000 millóns de dólares nas últimas décadas.

Desde 1960 até inicios dos anos 90, Cuba contou co intercambio coa Unión Soviética e os  países socialistas mais coa a caída da URSS, o bloqueo intensificouse e o Goberno estadounidense aprobou unha serie de leis de castigo contra quen se atrevese a comerciar coa nación caribeña. Por exemplo, a Lei de Democracia Cubana (1992) ou a Lei de Liberdade e Solidariedade Democrática Cubana (1996), tamén coñecida como Lei Helms-Burton. Desde 1992, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aproba cada ano desde 1992 unha resolución contra o bloqueo (en 2020, Cuba pospuxo a resolución até 2021, a causa da Pandemia).

O Goberno de Cuba publica anualmente un informe sobre a Resolución, coa posta ao día do impacto económico e social da guerra híbrida dos EUA. En 2020, o documento di que Cuba perdeu 5.000 millóns de dólares, unha suma importante para un país de 11 millóns de habitantes. O informe sinala que no período 2019-2020, o Goberno dos EUA puxo en marcha 90 medidas e accións económicas coercitivas, a metade delas, sancións contra compañías dos EUA ou terceiros países por comerciaren con compañías cubanas.

As medidas chamadas de castigo contra navieiras que transportan combustíbel a Cuba afectaron a 27 empresas, 54 buques e 3 individuos, co obxectivo de disuadir a calquera outro que pretenda facelo. Isto tivo lugar, e hai que subliñalo, durante a Pandemia.

Abril de 2020, un grupo de relatores especiais da ONU redactou unha declaración conxunta na que instaba ao Goberno dos EUA a librar artigos esenciais para a atención médica das medidas de bloqueo. O parágrafo central da declaración di o seguinte: “O Bloqueo é unha carga financeira sumada ao impacto da Pandemia, con aumento do tempo das viaxes de carga debido á imposibilidade de adquirir reactivos, equipos médicos e medicamentos necesarios para o diagnóstico e tratamento de COVID-19 directamente desde Estados Unidos e, por tanto, limita a eficacia da resposta. O Bloqueo atrasa o desenvolvemento da sanidade electrónica e a tele-medicina ao impedir o acceso a unha tecnoloxía alcanzábel. Preocúpannos especialmente os riscos para o dereito á vida, a saúde e outros dereitos fundamentais dos sectores máis vulnerables da poboación cubana, entre eles as persoas con discapacidade e as persoas maiores, con moito maior de contraer o virus».

Pouco antes ter que abandonar a Presidencia, Donald Trump meteu a Cuba na Lista de Estados Patrocinadores do Terrorismo. Preguntado seu sucesor sobre o sentido de manter Cuba na nómina de inimigos públicos do Dereito Internacional, dixo que un cambio non estaba entre as súas priioridades.

A seguir, os senadores republicanos Marco Rubio, Rick Scott e Ted Cruz e o demócrata Robert Menéndez, ergueron outravolta machados de guerra contra Cuba mentres o almirante Craig Fuller, que dirixe o Comando Sur dos EUA, acusaba o pequeno arquipélago de influencia corrosiva.

Mediado xuño, a Asemblea Xeral da ONU volverá solicitar ao goberno dos EUA que arríe seu bloqueo ilegal. O mundo está con Cuba. A norte do estreito de Florida, hai aínda quen teima en enviar aos fillos de Batista contra á Bahía de Cochinos, bombardear a Illa e devolver a mafia ao que fora seu paraiso. Mais a forza de Cuba arrefece ao mundo enteiro. CUBA É A FIESTRA DO MUNDO!

Artigo traducido para Terra Sen Amos por Rosalía Eiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *