“A guerra híbrida do bloqueo, líbrase nos planos simultáneos da economía, as finanzas, a sanidade e a información e propaganda” (Rosa Miriam Elizalde)

MESC –TSA

Dentro da ofensiva híbrida do bloqueo contra Cuba, existen planos diferenciados e simultáneos: a guerra económica, a financeira, a sanitaria e a de información e propaganda. Rosa Miriam Elizalde, colaboradora solicitada por importantes medios internacionais, asegura que entre todas as ofensivas dirixidas contra a illa, “a guerra comunicacional é  por  demáis xa que se desenvolve en varios planos: mediático, tecnolóxico e psicolóxico”.  Unha guerra con moitas variábeis: a mediática, a tecnolóxica e a psicolóxica; xa non se fala de guerra de cuarta xeración, senón de quinta e neste novo xénero de combate, o territorio de conquista é o cerebro da persoa”.

Anuncio da participación de Elizalde no Encontro Estatal de Solidariedade con Cuba, que ven de celebrarse en Sagunto.

Elizalde acrecenta que a nova guerra contra Cuba conta con grandes laboratorios, diñeiro arreo e ciencia aplicada dende os EUA co aporte de equipas de neuroloxía, psicoloxía e técnicos en comunicación”. O foro do Encontro Estatal de Solidariedade con Cuba, que decorreu de 15 a 16 de outubro en Sagunto (Valencia) gabou a intervención de Elizalde pola súa claridade interpretativa e orixinalidade crítica, nun intre no que a arma escollida polo bloqueo é a propaganda mentireira.  

A xornalista explica que a resposta práctica de Cuba contra esta criminal ofensiva de información manipulada “non é unha mera cortina de fume, senón que depende da práctica política, do que se fai e pensa nas comunidades e na rúa”. Coida que Internet é unha prolongación dos espazos físicos de toda a vida, e di que por tanto compre desenvolver unha politica territorial. “Iso é o que estamos a facer”.

As decenas de medios dixitais que se arrogan o nome de cubanos, malia estaren subvencionados por USAID, NED e outras axencias a soldo do Goberno dos EUA, realizan un labor de propaganda contra a Revolución. Rosa Miriam explica que responden a unha estratexia de segmentación de públicos, aos que se dirixen de maneira específica, pero cun obxectivo e unha estratexia comúns no marco dos “programas para conseguir o cambio de goberno en Cuba” pagados polo goberno de Washington. A iniciativa da maioría destes medios nace en 2017 arredor da campaña de apoio ao entón presidente Donald Trump, e son o resultado da aplicación da sección 109 da Lei Helms-Burton, que obriga ao executivo estadounidense a financiar estes programas.

Malia a incidencia que ten sobre a opinión pública cubana a guerra de propaganda lanzada dende os EUA,  Elizalde recorda que “a sociedade de Cuba está moi por diante de todas estas estratexias de laboratorio, pensadas para crear certas arelas dunha realidade alternativa de Cuba; esas fantasías non deron enraizado; se triunfaran, non dariamos gañado o último referendo; gañouse porque hai uns valores e unha comprensión, por parte da sociedade cubana, de que os gravísimos problemas que sofre dependen dunha agresión e dunha ofensiva histórica que devén na que agora padecemos”.

A ciber-guerra e a estratexia comunicacional son campos nos que Rosa Miriam Elizalde é especialista, amais de ser vicepresidenta primeira da Unión de Xornalistas de Cuba, profesora da Universidade da Habana e do Instituto Internacional de Xornalismo José Martí. O título da súa Tese de Doutoramento expresa a súa vocación de profesional comprometida: “O consenso do posíbel: principios para unha política de comunicación social no escenario da converxencia mediática dende a perspectiva dos xornalistas cubanos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *