A Homenaxe Nacional ao Che, dá cabo a cinco meses de difusión e honra do seu legado

Rosalia Naveira – Compostela

 Lóstregos dun noticiario en branco en negro de hai 50 anos sobre o foro esquerdo do Teatro Principal de Santiago: o sorriso do Che, de faciana pálida, mirada intensa, camisa aberta, tan diferentes da imaxe dixital. Sobre a figura de Guevara ven a música, a poesia e os discursos da Homenaxe Nacional ao guerrilleiro en Compostela ao se cumprir medio século da súa caida en combate. O Comité Galego de Homenaxe ao Che Guevara, constituido fins de xullo pasado (entre BNG, UPG, MGS, FOGA, PCPG, CIG e a Asociación de Solidariedade Galego-Cubana Francisco Villamil) asumia a proposta internacional de lembranza do heroe, lanzada por Evo Morales. Un programa de cinco meses de debates abertos, proxeccións e faladoiros, remata no encontro de Compostela.

Na mesa de son e luces da Homenaxe, dous voluntarios da “Francisco Villamil”: Alberto López Martinez e Xosé Manuel Viqueira Sende. (Foto cedida por Merchi Santiago)

Iria Sobrado presenta o programa e recupera a razón exemplar do Che ao cabo de medio século. Recibenna os derradeiros compases de “Si el poeta eres tu”, e non ben acaba, escóitanse no corredor os versos de Celso Emilio Ferreiro para o Che, con música de Suso Vaamonde: “…torvo xeneral Barrientos/fouciños e lubicán/ dime que foi que fixeches/ do arriscado capitán”, con cuatro e viola de Roberto Sobrado.

A escolla de Farruco Sesto Novás é para “Elexia dende a tristeza a vitoria”, versos de mágoa e esperanza saidos da man do emigrante galego en Venezuela que formaria parte de varios gobernos do pais, con Hugo Chavez. “E así, sobor da terra/ a vitoria é o teu/ do color da Aurora”.

Manolo Pipas resume en verso a previsión xenial de Fidel cando dixo que a teima imperialista por borrar as pegadas do guerrilleiro espallaria o seu exemplo e pensamento polos catro recantos do mundo. “Comandante Ernesto Che Guevara: quixeron borrar da Historia o teu nome/ e na memoria do mundo inteiro ficou grabada”.

Tanxe Orlis Pineda, e a viola e ten a armonia dun combo. O teatro atende en suspenso a súa síntese política internacionalista, igual que o mundo escoitaba ao Ché na asemblea da ONU, coa novidade de que o de Orlis ven a ritmo de rumba: “Crisis, pobreza, basura, consumismo/ guerra, explotación, corrupción, cinismo/ discriminación, desigualdad, imperialismo…/ Como se llama? Capitalismo!”

O ensaio de Carlos Tablada sobre o pensamento económico do Che vai por 35 edicións en 9 idiomas. O autor visita de novo Galiza para presentar unha antoloxia do seu tratado sobre a visión económica do guerrilleiro e déixanos dúas sínteses do Che: o socialismo que non é quen de criar cultura socialista, acaba mimetizado en capitalismo e todas as burocracias reproducen un centro conservador e temeroso da crítica máis ca dos inimigos históricos.

“Estamos coas persoas que loitan pola liberación dos pobos, e o Che é un símbolo, unha luz fronte a opresión, o medo, a escuridade”, contaba Xosé Luis Rivas “ Mini”. Agora entoa, a carón de Navia Castro, “Quero mirar a luz na que caiches”, da ”Elexia Ao Che”, fronte un público contaxiado de emoción. Co recordo da catástrofe do Prestige, escreben a seguir un argumento internacionalista dende Galiza.

José Antonio Solana, cónsul xeral de Cuba, valorou o compromiso das mulleres Galegas na loita de liberación da illa e puxo como exemplo o caso da Asociación Protectora Fillas de Galiza, “a máis grande organización de mulleres emigradas” e salientou o caso de Maria Arauxo Martins (Maria Carcaño) que percorreu a illa en campaña polos guerrilleiros antifexistas e os comunistas cubanos das brigadas; loitou contra Batista e co triunfo da Revolución participa na campaña de alfabetización, nos CDR e na Federación de Mulleres Cubanas. “O noso respecto e solidariedade para todas as mulleres Galegas ás que cantou Rosalia e para todas as patriotas cubanas”.Recordou que a guerrilla defendia a capacidade plena da muller no combate e no uso das armas, como probaron Vilma Espin e Celia Sánchez e, en Bolivia, baixo o mando do Che, Tamara Bunke.

“Asasinando ao Che en Valegrande hai meio século, tentaron borrar o seu exemplo e principios –engadiu Solana- mais como lembra o verso de Guilén: “non porque teña caido a súa luz e menos alta”, e como quedou probado nas marchas do dia 8 nas que proliferaban cartaces do Che”. No remate da súa intervención, dixo que o Ché chamara a loitarmos por un mundo mellor, co convencimento de que é posibel e que a muller ten un lugar fundamental nesa empresa. “Podemos asegurar co Che, que por moito que ceifen as flores, non daran feito contra a primavera”.

Entregando o seu exacto papel coma presentadora, Iria Sobrado citou estas palabras dunha carta do Che aos seus fillos, escrita dende a selva boliviana: “Sexan capaces de sentir fondamente calquera inxustiza contra calquera persoa nun recanto calquer do mundo: é a vontade máis fermosa das revolucionarias”.

En representación do Comité Galego de Homenaxe ao Che Guevara e como membro da Francisco Villamil, Valentin Alvite, puxo o ramo á homenaxe con esta reflexión: “Hoxe tentamos pagar simbolicamente unha débeda moral con o Che e con moitas outras persoas que en distintos lugares do mundo foron quen de regalar xenerosamente o ben máis prezado, a propia vida, para contribuir ao nacemento dun mundo máis xusto e máis humanizado. En momentos de pesimismo, lembramos do exemplo do Che convértese nunha inxección de ánimo e transfórmasse na certeza de que as utopias do presente acabarán sendo realidade”.

A sala en pé entoou “Aprendimos a quererte”, en letra e música de Carlos Puebla.

Imaxes da Homenaxe:

http://www.cubainformacion.tv/index.php/en-portada/78664-se-celebro-homenaje-al-che-en-santiago-de-compostela-fotos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *