“A intelixéncia defenderá os principios da cultura cubana mellor que as prohibicións” (Diez-Canel na Asemblea da UNEAC)

Granma-Cubadebate-Juventud Rebelde- Terra Sen Amos

Miguel Díaz-Canel invitou á extender o debate ideolóxico, cultural e ético a todo o pobo de Cuba e a integrar os termos da discusión no marco do desenvolvemento. O Primeiro Vicepresidente dos Consellos de Estado e de Ministros de Cuba, dixo no III Consello Nacional da Unión de Escritores y Artista de Cuba (UNEAC) que  a Revolución estaba a vivir unha batalla ideolóxica, cultural e ética e que o debate só poderia dar cabo nunha discusión de base, recordando que moitos proxectos brillantes non se deran cumprido por non teren interesado a sociedade. O vicepresidente propuxo unha cultura “da legalidade e do comportamento público” no que a expresión cultural poda prender no pobo e contrarreste a ameaza dunha liña devaluadora da cubanía. A asemblea da UNEAC levaba por lema Cultura é Patria, lema histórico do intelectual cubano Fernando Ortiz.

Diaz-Canel falando na Asemblea de UNEAC. A súa dereita Miguel Barnet, Esteban Morales e Abel Prieto.

En relación co amor polos símbolos patrios e o que poderia significar para o pais o seu esquecemento, Fernando Martínez Heredia dixo que as situacións desfavorábeis non terian solución exclusiva en reunións de intelectuais. “A posibilidade da recolonización de Cuba, que foi libre dende fai só 55 anos, e colonizada o resto da súa historia, é factibel se perdemos o orgullo da cubanía, e comezamos a distanciar a nación do pobo, e sobre todo o de abaixo, pois foron os de abaixo os que fixeron esta nación e esta revolución. A nación, para defendela ten que ser socialista e ten que estar contra o capitalismo. Naturalizando a corrupción, mañá naturalizarase a explotación entre as persoas, e iso é o que hai que evitar mediante a intervención e o recurso de todos os medios do poder revolucionário que temos”.

Desiderio Navarro, alertou sobre o modo de algúns medios internacionais anunciaren o turismo a Cuba, os elementos utilizados para “vender” as visitas ao pais e as propostas que se oferecen e exhortou aos intelectuais a matinar sobre o asunto, xa que sendo os cubanos obxecto desa manipulación non era de xustiza que fosen outros os interesados por ese mester.

Esteban Morales tratou de algunhas das propostas de traballo da equipa asociada á UNEAC que el preside e que analiza as relacións entre Cuba e EUA e propuxo artellar a cultura da resistencia e lograr unha batalla de ideas máis forte da que se fixera a finais dos 90. “O restablecemento das relacións diplomáticas entre os dous países abre unha nova etapa no intercámbio cultural e académico . A UNEAC ten de exercer un labor activo e especializado nese concepto verbo de organizacións, intelectuais e artistas, editoriais, galerías de arte, institucións musicais e proxectos audiovisuais e televisivos, así como de medios alternativos especializados na cultura, para dar a coñecer a cultura cubana nos Estados Unidos”.

Cecilio Avilés, presidente da Comisión de Cultura Comunitaria,  presentou un audiovisual de traballo comunitario realizado en distintos puntos da xeografía insular. A partir do material, sobre o que Barnet emitiu un xuízo crítico, no que destacou a ausencia do coñecemento da historia e de significativas manifestacións artísticas como a literatura, os presentes debatiron sobre o alto valor da cultura na comunidade.

A partir destas observacións, Abel Prieto comentou a necesidade dunha política cultural atinada pois hai persoas que coidan facer  arte e lonxe diso ornean. “Contaxiaron o traballo comunitario de banalidade e de certa léria tecnocrática”, e compre nomeadamente ter conta do contexto de cada manifestación artística. Referiuse a forzas desintegradoras e a convivéncia observabel de expresións de barbarie e de vulgaridade, un auto-exotismo que propón o disfraz coma auto-caricatura para converter a identidade en cultura popular degradada.

A asemblea requeriu unión e complementariedade do traballo da cultura e recoñecemento da escola como centro cultural básico cuxas portas están abertas para a comunicación dos especialistas cos estudantes.

Díaz-Canel dixo que eran necesarios novos escenarios para debates seminais como o que estaban a viver. “Libramos unha batalla cultural e ética. Se mantemos os nosos principios gañámola, pero con intelixencia non con prohibicións. Se hai un escenario principal onde se conxuga a batalla económica coa ideolóxica, ese é o da comunidade”.

O primeiro vicepresidente recoñeceu que a UNEAC fixera súas ás formulacións do VIII Congreso e que as comisións traballaran arreo nos asuntos de actualidaade na cultura e na ideoloxia. “O labor da UNEAC ten de comunicar a xeito coas nosas institucións culturais porque, de non ser asi, produciríase unha creba das institucións de cultura e mal poderia a UNEAC facer seu traballo. A mellor ideoloxía que se pode facer na cultura é que as institucións, nestes tempos, funcionen e reciban o aporte das avangardas”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará