A irmá de Fidel e a filla maior de Raúl inauguran a Casa Museo dos Castro en Armeá (Láncara)

Terra Sen Amos – Redación

Enma Castro Ruz, irmá do líder da Revolución Cubana e Mariela Castro Espín, filla maior de Raúl e de Vilma Espín, heroes da Revolución, asistiron a inauguración da Casa Museo instalado na vivenda familiar dende a que Ánxel Castro Arxiz emigrara a Cuba en 1869. A casa de unha planta situada na aldea de Armeá, en Láncara, foi reformada para se acomodar ao proxecto , defendido pola solidariedade galego-cubana na altura da visita de Fidel (1992) para conservala como museo dunha saga familiar emigrante que ten protagonismo decisivo na historia contemporánnea de América. No acto estiveron presentes Marcelino Medina González,  embaixador de Cuba en Madrid, Yahima Martínez Millán, Cónsul Xeral de Cuba en Galiza e a presidenta da Asociación Francisco Villamil  en representación da solidariedade galego-cubana. Tamén asistiu o delegado da Xunta en Lugo.

Visita de Fidel a casa familiar dos Castro en Armeá, 28 de xullo de 1992

O diario Granma dá conta de que Mariela Castro foi encargada de transmitir o agradecemento do seu pai, Raúl Castro, polo “esforzado labor de restauro da casa familiar de parte de amigos de Cuba e autoridades locais”. Raúl cita no seu escrito a visita de Fidel en 1992 e a súa propia en 2005 e lembra que na soleira da vella casa familiar unha inscrición en pedra recorda a Anxel Castro como o galego que emigrara a Cuba e sementou na illa árbores que non deixan de daren froitos.

O embaixador Cuba foi recibido por Xosé Tomé, presidente da Deputación de Lugo e deixou unhas palabras de recordo nas páxinas do Libro de Honra. Medina González dixo que 45% das persoas emigrantes procedentes do Estado Español a comezos do século XX foron galegas. Unha información do acto publicada polo Diario Nós, cita a explicación de Medina de os españois en Cuba recibiren nome de Galegos en razón de seren “unha maioría que deixou unha grande pegada na historia, na economía e na Cultura de Cuba”.

Nunha entrevista publicada dia 31 por La Voz de Galicia na súa sección de Internacional, o embaixador explica o acontecido no 21 de xullo de 2021 en Cuba: “Aquilo foi unha grande operación político-mediática dirixida dende os EUA, con fondos federais e do Estado da Florida, coa que tentaban aproveitar a situación tan difícil da coincidencia da Pandemia co agravamento do bloqueo, nunha altura na que aínda non dispuñamos da nosa propia vacina en aplicación masiva. Eles tentaron alterar a orde no pais e produciron algúns incidentes que duraron un día nalgunhas localidades, e só iso. A magnificación destes feitos é parte da política de máxima presión contra Cuba . Malia as dificultades do bloqueo e e dos efectos da Pandemia, o país vai adiante co seu proxecto”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *