A mentira ao servicio do imperio

Fidel comenta a noticia da saída de Miret e Cienfuegos do goberno cubano.

A Reuters encabezou onte a lista das axencias internacionais de noticias que presentan a Pedro Miret e a Osmany Cienfuegos como figuras históricas destituídas por Raúl Castro

Séguelle en orde a EFE, que textualmente afirma: “foron destituídos como Vicepresidentes do Consello de Ministros o pasado 2 de marzo”.

O pretexto para esta intriga, amplamente divulgada no mundo, foi a publicación na Gaceta Oficial, o día 24 de marzo, do Decreto sobre a reestruturación do Consello de Ministros do Goberno de Cuba, aprobado o día 2 deste mes.

Pedro Miret é un magnífico compañeiro, con grandes méritos históricos ao que todos respectamos e polo que sento grande afecto. Hai varios anos, por razóns de saúde, non pode ocupar cargo ningún. A lenta instalación da súa enfermidade deu lugar ao cesamento progresivo da súa actividade política. Non é xusto presentalo como un “destituído”, sen consideración ningunha.

Osmany Cienfuegos, irmán de Camilo, realizou importantes tarefas, non so como Vicepresidente do Consello de Ministros, senón tamén como membro do Partido ou cumprindo instrucións miñas cando era Comandante en Xefe. Foi sempre e é revolucionario. As súas funcións foron cesando progresivamente, dende moito antes que eu enfermase. Xa non exercía como Vicepresidente do Consello de Ministros. O compañeiro Raúl Castro, Presidente do Consello de Estado, non ten responsabilidade ningunha nisto. Tratábase, en ambos os dous casos, de trámites simplemente legais.

Reuters e EFE son dous das axencias occidentais máis próximas á política imperialista de Estados Unidos. A segunda ás veces compórtase peor, aínda que é moito menos importante que a primeira.

Facendo uso dunha técnica habitual, EFE toma as palabras de Joaquín Roy, director do European Union Center, de Miami, para publicar noutro cable do 24 de marzo, o seguinte: “Redescubriuse a España como país clave en certas rexións do mundo de interese para Estados Unidos como América Latina e en particular, en dous países: Cuba e Venezuela”.

De inmediato EFE engade: “O experto considerou que o maior interese de Estados Unidos, máis que premer para a apertura, os cambios, etcétera, é a estabilidade na Illa”.

“Dende hai anos, explicou, os estudios das axencias de seguridade estadounidenses non sinalan a Cuba como unha ameaza militar, senón que permanecen atentos ao desenvolvemento de cambios para evitar que as eventuais friccións internas poidan desestabilizar a rexión”.

“A Estados Unidos non lle interesa que o resultado da apertura sexa unha guerra civil en Cuba”.

“A Unión Europea e España, segundo Roy, non teñen inconveniente en traballar conxuntamente con Estados Unidos pero, “con cautela” para que non se dea a entender ou se lles acuse dende Cuba, de que seguen a guía de Washington”.

Máis claro nin a auga: as ideas do vello imperio español en muletas, tratando de axudar ao corrupto, cambaleante e xenocida imperio ianqui.

Nada aprenderon a superpotencia de Estados Unidos e a minipotencia española da heroica resistencia de Cuba ao longo de máis de medio século.

Fidel Castro Ruz

Marzo 25 de 2009

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará