A opinión pública, a prol dos defensores da Embaixada de Venezuela en Washington

Carme Glenn Ribeira – Albany

Na quarta feria, cando Jesse Jackson, arquetipo da loita polos dereitos civis nos EUA, entregou verbas de ánimo e víveres aos catro activistas norteamericanos que defendían a Embaixada Venezuelana en Washington, un relente debeu pasarlle polas costas a Mike Pompeo, ministro de Estado do goberno Trump, porque a cada que os valedores do dereito internacional contra a soberbia e o abuso de Trump precisaren de novo auga ou alimentos, unha figura pública poderia levárllelos e sería imposibel que axentes do servizo secreto ou do golpe organizado contra o goberno lexítimo de Venezuela de parte da Casa Branca, puidesen evitar que a foto cruzase o mundo tal e como pasou todas as veces que a febre rompeu a compostura dos arrabeados sitiadores do espazo da Embaixada defendida por norteamericanos amigos leais de Venezuela.

Axentes do FBI ocupan a Embaixada Venezuelana en Washington contra toda norma internacional

O arrepio porque a foto con cornos do ministro imperial do golpe falido contra Venezuela puidese correr o mundo, decidiu aos alabardeiros de Trump lanzar a ocupación da Embaixada, mesmo que violasen os artículos 32 e 45 da Convención de Viena, que garante que o Estado receptor debe defender a sede diplomática e, no caso de una ruptura de relacións,  a custodia da embaixada seria responsabilidade dun terceiro Estado aceptado por ambasdúas  partes.

O colectivo que defendeu a embaixada xerou unha onda de simpatía e apareceu como vitima palmaria do abuso do goberno dos EUA e da grea dereitista que debece polo golpe contra o goberno elexido por maoria de votos en Venezuela. O que logrou Pompeo co seu desmande, foi romper o cerco imposto a verdade sobre o que está a acontecer en Venezuela. A fenda que deixa aberta a orde de botar violentamente da Embaixada de Venezuela ao feixe de defensores norteamericanos, mal pode ser pechada. Moitos a comparan ao andacio que padeceron tres presidencias estadounidenses en Vietnam, cando as imaxes do xenocidio imperial brillaron nos media mentres a Casa Branca e o Pentágono miraban de fite o plano de operacións e desprezaban a opinión pública democrática, convencidos de a superioridade armada ser a fin de contas quen escrebe o nome do gañador, un erro capital que ten contraste e sentenza nos anais da historia, mesmo que adoite ser desprezado polas grandes acumulacións de armas e diñeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará