A prensa galega recorda a Fidel nos seus 90 coma protagonista principal da política contemporánea

Terra Sen Amos – Redacción

A prensa galega recorda a Fidel coma o xefe de Estado que realiza a independéncia de Cuba e polo seu protagonismo en avances de grande trascendéncia na política internacional. Os medios salientan no 90 aniversário do Lider da Revolución, a súa condición de fillo de emigrante de Lugo e recordan o éxito da súa visita a Galiza en 1992. “Dende calquer ángulo que contemplemos a personalidade de Fidel Castro, non hai dúbida de estarmos diante dun protagonista principal da política contemporánea, convencido, asemade, de o xuicio da historia virar ao seu favor”, indica José Manuel Ponte, columnista de Faro de Vigo e La Opinión, quen o cualifica de “heroe romántico que nos descobrera o xornalista Herbert Mattews nas páxinas do New York Times, cando comandaba a guerrilla na Serra Maestra, e lider anti-imperialista mundial que levou a revolución ao resto de Latinoamérica e África”. 

No 90 aniversário de Fidel, a prensa recorda o éxito da súa visita a Galiza no 92.
No 90 aniversário de Fidel, a prensa recorda o éxito da súa visita a Galiza no 92.

No mesmo diário canovista de Vigo, o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín di que “se alguén nacera para transformar a sociedade dos humanos, tal foi Fidel Castro, de castimónia galega, igual ca o infortunado Frank Pais e outros e outras camaradas do 26 de Xullo en Cuba,” e recoñécelle a fazaña de ter erguido a OSPAAL e convertido Cuba en líder do Terceiro Mundo. No parágrafo final do seu artigo, o autor di que a Revolución “vai moldeando en Cuba un método asembleário nacional-popular e a mellor sanidade e a mellor instrucción pública do planeta; cada minuto morren nenos no mundo a causa da pobreza e ningún deles é cubano; Cuba salvou Angola, acabou co Apartheid e fixo posibel que Mandela saise en liberdade; Fidel veu a Galiza, desenmascarou a Perestroika, conseguiu que durase o socialismo en Cuba e asistiu ás emerxéncias de Venezuela, Ecuador, Bolívia…”

O dixital diario Sermos Galiza recorda que “en 1992 o país estaba gobernado por Manuel Fraga, ex-ministro franquista, fillo de emigrantes galegos en Cuba. Fronte a el, Fidel Castro, un cubano fillo tamén de migrantes procedentes, no caso do pai, Ángel Castro Argiz, da localidade luguesa de Láncara. As distancias ideolóxicas entre ambos os dous non impediron a visita, dinque por vontade do propio Fidel, mesmo as loubanzas e tamén a emoción de Castro por coñecer a casa e os predios familiares.  Fidel reivindicouse “neto de campesiños pobres” e “fillo lexítimo de Galiza” recollendo das mans do goberno municipal da localidade o título de Fillo Predilecto que, en 2016, lle foi concedido tamén ao seu irmán Raúl, actual presidente de Cuba”.

O xornalista Francisco Espiñeira di no xornal dereitista La Voz de Galicia que o Lider da Revolución entra nos 90 coa discreción dun dirixente non amigo de prodigarse publicamente. Entre outras razóns para esta reserva, o xornalista explica que “Fidel está afeito á clandestinidade, primeiro coma loitador contra o réxime de Batista, e depois para esquivar aos seus inmigos, os que segundo a súa propia lenda teimaron por asasinalo en non menos de 600 ocasións”.

Os principais medios galegos deron aliás conta da celebración pública no Parque Eirís de A Coruña,  sábado 13,  dunha homenaxe pública ao Lider da Revolución Cubana no seu 90 aniversário, organizada por amigos de Cuba de toda Galiza coa colaboración do Consulado Xeral e da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará