A realidade cubana actual a discusión

Debates, realidades e concertos.

José Miguel Arrugaeta / Joseba Macías

A chegada do outono trae, unha vez máis, o cuestionamento do intransferible e habitual “ritmo cubano” á hora da toma de decisións que, en opinión de moitos, non poden ser postergadas por máis tempo. A outra cuestión esencial é se o debate social de novo formulado será capaz de incitar as vontades e os apoios necesarios entre unha poboación maioritariamente escéptica e cansa. A situación cubana, interna e externa, adquire por momentos matices difíciles de prever.

A realidade cubana actualAs transformacións na estrutura económica e na cadea de distribución social aparecen nestes momentos como procesos de baixo perfil informativo, difíciles de entender fóra de Cuba. Pero malia os silencios interesados dunha parte importante dos medios internacionais os “cambios sen ruído” van marcando determinadas pautas internas a ter en conta. É o caso da eliminación progresiva do xantar para os traballadores ofrecido nos comedores de ministerios e determinados centros estatais, convertido de feito nun gasto social realmente considerable que viña acompañado en moitas ocasións do desvío de produtos alimenticios que abasteceron un florecente e rendible mercado negro. A nova medida complétase co pagamento diario de 15 pesos cubanos a cada traballador-a, o que supón un aumento monetario real de entre o 50 e o 100% nas nóminas dos traballadores.

Cara a cambios estruturais

Esta decisión, de aplicación a partir do pasado primeiro de outubro, é aínda experimental e limitada pero, segundo medios oficiais, de ser ampliada a todo o país suporía un aforro en importacións de alimentos subvencionados próximo aos 350 millóns de dólares. Complementando esta liña de actuación, dende fai xa varias semanas na sección “Cartas ao Director” que publica todos os venres o diario oficial Granma vénse formulando a discusión sobre as consecuencias da eliminación da “libreta de abastecementos”, apuntando de xeito evidente á superación dunha distribución igualitaria (nunha sociedade marcadamente desigual como a que representa a Cuba do 2009) da canastra básica. Malia que unha medida como a apuntada posibilitaría unha política social dirixida e reforzada cara a sectores determinados e identificados (xubilados, estratos con menos recursos, consumo social en educación e saúde pública, etc.) e podería elevar a cifra de aforro en concepto de “importacións-subvencións” ata os 1.000 millóns de dólares anuais, as dúbidas respecto a como atenuar as consecuencias negativas desta decisión seguen estando moi presentes en boa parte da poboación partidaria e soporte da propia Revolución: Como se consegue non deixar desprotexidos aos sectores máis vulnerables? Cal debe ser o mecanismo substitutivo dunha canastra básica nunha realidade de salarios claramente insuficientes?… Son preguntas aínda sen respostas mentres parece evidente que entre a racionalidade económica e a conciencia social “paternalista”, promovida dende hai décadas, existe un manifesto baleiro de difícil resolución.

Seguindo no ámbito económico e estrutural, as recentes transformacións no campo cubano e as entregas masivas en usufruto de terras ociosas comezaron a dar os seus froitos mediante un visible aumento da produción de diversos alimentos. Non obstante, a televisión e a prensa nacionais dedican dende hai algunhas semanas amplas reportaxes e imaxes a denunciar como toneladas de produtos agrícolas de alta demanda se acumulan e se podrecen nos centros de abasto. Unha penosa realidade ante a que o aparato burocrático é incapaz de implementar un sistema eficiente de distribución, mentres os prezos minoristas destes mesmos produtos seguen sendo excesivamente altos para a cidadanía.

As barreiras invisibles e o inimigo interno

O caso das producións agrícolas revela a existencia de barreiras invisibles que obstaculizan a vontade de mellora e eficiencia. Transformar unha parte sen afectar o todo aparece a estas alturas como unha tarefa sumamente difícil que atenta directamente contra intereses creados que parece coincidir no obxectivo final de manter prezos altos mediante un abastecemento permanentemente escaso e intermitente.

Pero aos obstáculos pasivos contra calquera cambio económico que tenda á racionalidade, a eficiencia e o sentido común hai que engadir o peso innegable dun “inimigo interno” realmente peculiar: falamos dunha mentalidade administrativa dirixista e vertical, que funciona como inercia social. Ademais da citada “conxestión” de produtos agrícolas, outro bo exemplo deste “mecanismo” pódese atopar no novo curso escolar. Se ben é inequívoca, e sempre hai que constatalo, a firme vontade institucional de manter a educación ao alcance de todos, sen ningún tipo de excepción, a realidade é que os cambios educativos (decididos dende hai meses en ámbitos administrativos e profesionais) parecen esquecer a dous factores educativos esenciais como son os pais e os propios alumnos. Desta forma, o sistema educativo mostra na práctica manifestos niveis de improvisación, fortes desaxustes e múltiples descontentos, que se engaden a un marcado deterioro tanto na base material dos estudios como no ámbito do mantemento físico de boa parte dos edificios dedicados á docencia.

A obrigada lectura destes fenómenos leva a unha conclusión cada día máis inaprazable: gobernar e dirixir só mediante decretos, regulacións e vontade política non responde á realidade da Cuba de hoxe. A Revolución atópase ante o reto de implementar de xeito permanente a participación social e o debate colectivo para consensuar cambios, proxectos e plans de actuación, co fin de que o respaldo, a comprensión e o apoio expreso dunha maioría da poboación, fagan posible calquera trasformación.

O Debate con maiúsculas

Pero se de debates falamos, sen dúbida o máis estratéxico e fundamental resulta nestes momentos o iniciado a partir da intervención do Presidente Raúl Castro na última Asemblea Nacional (1-8-09), que debe culminar coa realización do próximo congreso do Partido Comunista de Cuba, en data aínda por determinar. A dous anos da anterior convocatoria aberta para discutir o futuro e os necesarios cambios do socialismo cubano, que concluíu coa recompilación de problemas e solucións sen a posta en práctica de medidas significativas, unha parte importante dos sectores revolucionarios parece desmotivada e escéptica respecto á posibilidade real de que a Revolución sexa capaz de transformarse a si mesma (característica histórica da dinámica fraguada ao longo de cincuenta anos e impulsada polo propio Fidel). A este escepticismo inicial hai que engadir, ademais, a constatación de que este proceso comezou “orientado” polos instrutores profesionais do Partido en torno a dez puntos xerais a aplicar preferentemente aos ámbitos laboral e local.

As convocatorias realizadas ata o momento amosan unha relativa participación activa tanto nas reunións das células do PCC -núcleos do Partido-, coma nas realizadas a nivel sindical, pero moi pouca motivación nas convocadas a nivel de barrios. Sen dúbida, non son bos sinais para iniciar unha discusión e un debate que se presentan como esenciais para o futuro inmediato de Cuba. Este proceso non obstante apenas comezou e é de supoñer que, dada a súa transcendencia, a busca dunha activa participación e implicación social convértase nun obxectivo prioritario en si mesmo nas próximas semanas.

Este “debate maior” non se circunscribe só ao ámbito do Partido. Tamén outras organizacións de masas como a Unión de Xuventudes Comunistas (UJC), preparan nestes días mediante discusións e debates o seu Congreso Nacional, síntoma da necesidade de articular a todos os niveis sociais un discurso e liñas de actuación axeitadas á nova realidade que vive a Cuba desta primeira década do século XXI.

Continuidade da política estadounidense contra Cuba. Música sen e con Fronteiras

Mentres tanto, a política da nova administración estadounidense cara a Cuba mantén unha liña de continuidade. Os feitos son simples: o presidente Barack Obama acaba de prorrogar por un ano os principais instrumentos do bloqueo. As medidas anunciadas polo propio presidente de Estados Unidos tendentes a eliminar as restricións de viaxes e o envío de remesas familiares, aínda esperan a súa posta en práctica ao tempo que se seguen aplicando fortes sancións económicas e presións ás empresas que comercian coa Illa, sexa a que sexa a súa nacionalidade. Na contrabalanza, os “contactos directos” limítanse polo momento a reunións bilaterais “satisfactorias” para normalizar o correo e os envíos postais ou a concesión limitada de visas a coñecidas personalidades da cultura cubana.

Boa mostra dos obstáculos reais a calquera cambio nas relacións Estados Unidos-Cuba foi a convocatoria polo cantante colombiano Juanes dun Festival de música internacional en La Habana co lema “Paz sen fronteiras”. Celebrada o domingo 20 de setembro na emblemática Praza da Revolución, centenares de miles de cubanos-ás de todas as idades puideron gozar dun concerto gratuíto de varias horas de duración, totalmente alleos a campañas, ameazas, fobias, insultos e descualificacións auspiciadas principalmente (aínda que non só) entre os sectores máis belixerantes da comunidade cubano-estadounidense. Un novo intento por parte do poderoso e ultra reaccionario lobby de Miami de monopolizar na práctica a opinión dunha comunidade que supera o millón de persoas. Os “argumentos” esgrimidos por esta minoría de extrema dereita en contra da celebración dun concerto enmarcado nun concepto de “paz branca” baleiro de contidos e referencias reais, volveron mostrar aos ollos da comunidade internacional o histerismo dunha mentalidade fraguada no odio e o rancor non superado que segue mantendo posturas de extrema agresividade retroalimentada.

Pero se este primeiro concerto puido celebrarse con éxito, as “reaccións” parecen producir efecto. O pasado primeiro de outubro coñecíase a negativa do Departamento do Tesouro de Estados Unidos a autorizar a viaxe que 150 patrocinadores e promotores da Orquestra Filharmónica de Nova York debían realizar a Cuba co fin de preparar varias actuacións da afamada orquestra en La Habana. Os concertos, finalmente, foron suspendidos.

Para completar o cadro desta curiosa “diplomacia musical”, hai que deixar constancia das dúas recentes actuacións multitudinarias do sempre comprometido Manu Chao, (con asistencia dunhas 100.000 persoas) que, fiel aos seus postulados e traxectoria, deu unha tonalidade nada “branca” ás súas presentacións, con referencias expresas e claras á entrañable figura do Che Guevara e ao significado político da Revolución cubana, que segue sendo, malia as súas disxuntivas internas actuais, referencia en América Latina e en boa parte do mundo.

Finalmente, no medio do debate revolucionario, as complexas realidades internas e a continuidade da política de EE.UU. contra Cuba, a recente morte aos 78 anos e por causas naturais do Comandante Juan Almeida, heroe e figura insigne da loita guerrilleira e do proceso revolucionario, volve recordarnos a todos que o natural relevo xeracional e a actualización do proxecto social, económico e político da Revolución ten prazos próximos no tempo e retos urxentes que afrontar. Mentres tanto o reloxo, como en aqueles boleros que tanto gustában a Almeida, segue marcando as horas sen deter o seu camiño.

Fotografia da portada: imaxe dun comedor popular na Habana tomado de rebelión.

Rebelión publicou este artigo a petición expresa dos autores, respectando a súa liberdade para publicalo noutras fontes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará