A REDEH empraza a “Fundación para la Libertad” a debater sobre a economía do mundo en tempo de pandemia

REDEH – Terra Sen Amos

A Rede en Defensa da Humanidade (REDH) desafía á Fundación Internacional para la Libertad (FIL) a explicar nun debate público as súas descalificación de gobernos democráticos que no medio da grave pandemia esfórzanse por defenderen a saúde física e espiritual dos seus pobos e son solidarios cos 39 paises que padecen sancións e bloqueo dos principais fabricantes de armas que son, de porparte, solar e defensa dos primeiros grupos de presión económica do mundo, manteñen control preferente dos sistemas de comunicación establecidos, teñen bases armadas en todo o planeta e representan un gasto militar que multiplica por 6 o que o mundo enteiro gasta en atención médica e farmacia. A seguir publicamos un resumo do manifesto da REDEH, distribuido en todo o mundo o 24 de Abril.

“A Fundación Internacional para la Libertad (FIL) acusa ofensivamente a gobernos de inspiración humanista que, no medio da pandemia, adoptan decisións en beneficio dos seus pobos; chaman “autoritario”, “populista”, “antidemocrático” ou “ditatorial” a canto gobernante asuma a tarefa heroica de reparar os desastres económicos e sociais producidos polos gobernos que vostedes alcuman de defensores da liberdade, simplemente por se posicionaren a prol da inxusta maxia do mercado; non vacilan en descualificar como “réximes” a gobernos que representan a vontade democrática e procuran a saúde física e espiritual dos pobos, cousa que non fan quen lles serven a vostedes de modelo.

Emprazámolos máis unha vez, como xa fixeramos en foros internacionais dos que sempre fuxiron por careceren de argumentos para xustificar as súas posturas ideolóxicas ou políticas. Liscaran de caralavada, protexidos como sempre polos media establecidos que agachan as feitorías dos membros da FIL e seus mentores intelectuais. Neoliberais de militancia e republicanos de antroido , mal lles dá a capa para taparen os furtos dos gobernos e grupos económicos que patrocinan á Fundación, requitropa ao servizo da corrupción capitalista e a explotación de homes, mulleres e nenos aos que raparan dereitos e dignidade.  A visión do estrago de recursos naturais en nome do gaño, non lles habia apurar o pulso pois gabáronno coma modelo de bon goberno, nin escusaron alaudes ao privilexio económico dunha gandalla de empresarios, croupiers de ruleta don mundo onde o 1 por cento achanda máis riqueza ca o resto da humanidade. A defensa a ferro e fouce do mercado recorda  unha estadea medieval e, no medio da pandemia, é máis inadmisibel xustificar gobernos que atrancan remesas elementais para combater o estado de alarma sanitaria desprezar aos que loitan por salvar vidas e dereitos sociais. Para a súa deshonra, esa conduta ten o nome de Crime de lesa Humanidade.

Nun debate aberto que non poderán recusar, é nosa intención definir que intereses están a defender. Falemos da súa relación cos grupos de presión que dominan a economía mundial; do papel do Estado na  defensa do planeta e da humanidade; do holocausto social e ecolóxico producido polas políticas que vostedes defenden e publicitan; dos méritos comparativos do egoísmo e do individualismo desenfreados, fronte á ética da solidariedade e a economía en defensa da vida; dos modos de produción sustentabeis e das relacións de produción xustas no mundo que vén, que mal será o de antes; de estratexias probadas contra a corrupción, contra a acumulación de riquezas en poucas mans o que multiplica a fame; da democracia plena e participativa, con educación, saúde, vivenda, seguridade social, xustiza laboral e de medios de comunicación democratizados para facermos verdade aquilo de “un só mundo, voces múltiples”.

Cremos no debate e no diálogo até as últimas consecuencias. Debémosllo aos nosos pobos e a todas as vítimas, directas e indirectas, do neoliberalismo. Decidan vostedes o lugar e a data”. REDEH.




Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *