A Revolución converte a ameaza antillana das inundacións nun proxecto hidráulico integral para o futuro

Salvador Capote – ALAINET

Anunciou o goberno que en Cuba non se perdera vida ningunha nas inundacións causadas pola tormenta tropical Eta, unhainformación que pasou sen atención, en boa parte por moitos medios de información calar sistematicamente todo o que puider contribuír a unha imaxe favorábel de Cuba e, tamén porque, desde hai varias décadas, adoita suceder que son moi poucas ou ningunha as mortes que os desastres naturais producen no arquipélago cubano.

O ciclón tropical Eta encheu as canisas do sistema hidrálico de Cuba, que desde a Revolución multiplica por 200 a súa capacidade. O goberno busca evitar os danos dos ciclóns e valerse do tesouro da auga para rego agrícola e outros usos económicos e sociais. Na fotografia, o encoro Zaza, en Sancti Spriritus, ao 91% de capacidade despois do recente paso do Eta. (Foto Escambray.cu)

Non sempre fora así. Como fito que separa dúas épocas distintas, o furacán Flora de 1963, deixara 2.000 mortes, amais de enormes danos materiais. Aos que vivimos aqueles días terríbeis, co Cauto feito un Amazonas, non se nos borra a imaxe de Fidel, á fronte dun grupo de transportadores anfibios, nos lugares de maior perigo, resgatando aos sobreviventes que buscaran refuxio nas copas das árbores e outros lugares altos. De non ser por Fidel e os heroicos homes que o acompañaran, as perdas de vidas humanas terían sido moito maiores. Non esquezamos, por certo, que aproveitando a situación de emerxencia causada polo Flora, a CIA, arteiramente, lanzou un ataque pirata por Cayo Güin, en Baracoa, destruíndo un importante serradoiro.

Nunca máis volvería repetirse unha situación como a do Flora, dixo Fidel, e, de feito, a partir daquela promoveu unha política integral de defensa contra desastres naturais, perfeccionada de de xeito sostido a través dos anos. Antes de máis, a Revolución non releou esforzos para equipar Cuba con modernos servizos meteorolóxicos e unha rede de radares da máis avanzada tecnoloxía.

Perfeccionar os servizos meteorolóxicos foi só o limiar da rede integral de defensa que hoxe abrangue toda a nación. Orgullo dos cubanos é o Sistema de Defensa Civil, o mellor do mundo en opinión de moitos, que estrutura por zonas o mapa do  arquipélago cubano, integra o poder político, militar e económico da nación e coordina a participación de todo o pobo no obxectivo da defensa. A súa extraordinaria eficacia fundaméntase nese trazado integral.

Coa Lei No. 75 de Defensa Nacional (DN) aprobada pola Asemblea Nacional do Poder Popular 21 de decembro de 1994, produciuse, desde o punto de vista xurídico e institucional, un salto cualitativo. A experiencia acumulada permite a intervención sen perda de tempo empregando un mínimo de recursos. Nas emerxencias por desastres naturais ou doutro tipo, non se producen apuros na poboación porque todo o mundo sabe o que ten que facer, onde acudir, e recibe minuto a minuto toda a información que necesita; a certeza de que mesmo nos lugares máis apartados do país haberá sempre un médico que atenda a saúde e defenda a vida, confire plena confianza no sistema. Pase o que pase, ninguén quedará abandonado á súa sorte.

Os recursos hidráulicos aumentaron 200 veces

Non menos importante foi a creación do Instituto Nacional de Recursos Hidráulicos (INRH) e a construción, a longo e ancho de Cuba, do programa Vontade Hidráulica impulsado por Fidel, dunha extensa rede de encoros que, antes da Revolución, era practicamente inexistente. En 1959 a capacidade de almacenamento era soamente de 47.8 millóns de metros cúbicos de auga, en 13 presas mal distribuídas; arestora excede os 9.000 millóns e continúa crecendo; é dicir, é 200 veces maior, cunhas 250 presas e máis de 700 micropresas. Hai máis presas (14) na Illa da Juventud que as que existían anteriormente en todo o territorio nacional. Tamén os acuíferos subterráneos, 101 identificados, contribúen á subministración de auga.

Os encoros, entre outras valiosas funcións, constitúen un factor fundamental na prevención das inundacións. Por exemplo, as intensas choivas do Eta elevaron as reservas nacionais en estanques superficiais en 7.080 millóns de metros cúbicos de auga, o 77 % da capacidade de embalse, un volume de auga que agora, en lugar de causar danos, atesóurase para o rego agrícola e para outros usos económicos e sociais.

As choivas en Cuba, cuxa media anual é de 1.335 mm, non se distribúen uniformemente nin no tempo nin por rexións. Existen só dúas estacións: unha de seca e outra de choivas, e mentres nalgunhas rexións son abundantes as choivas, noutras escasean. O goberno acometeu un eficiente e completo sistema de transvasamentos de auga entre encoros das distintas provincias para poder trasladar grandes caudais e atender as necesidades de cada área.

O Transvasamento Leste-Oeste, situado na rexión oriental de Cuba, orixínase na presa do río Zaza, preto de Sagua de Tánamo. O seu primeiro tramo diríxese cara ao oeste regulando varios ríos coas súas respectivas presas e interconectándose por medio de túneles até alcanzar a presa do río Mayarí. O seu obxectivo é trasladar grandes volumes de auga desde as concas dos ríos que nacen no macizo montañoso Nipe-Sagua-Baracoa até as chairas fértiles de Holguín, Las Tunas e Camagüey. Un segundo tramo comeza na presa de Mayarí, a máis alta do país, que almacena 354 millóns de metros cúbicos de auga, continúa cara ao oeste mediante túneis, canles e levadas, e verte as súas augas na presa Birán, 12 quilómetros augas arriba da presa Nipe, preto de Marcané, que mediante a canle Birán-Banes regula a entrega das augas para o seu destino final atravesando grandes áreas de canaval.

Outra canle, o Birán-San Andrés, ten como destino o norte da provincia das Tunas, mentres que un túnel desde a presa Birán ao río Cauto leva as augas á provincia Granma. A presa Mayarí evita as inundacións que antes provocaba o río do mesmo nome. En todo este sistema, as chamadas “augas abaixo” ou “derivadas”, xa se utilizan para xerar electricidade. Este Transvasamento Leste-Oeste consta de seis etapas, tres delas foron terminadas e trabállase nas restantes.

Os transvasamentos forman parte do Plano Hidráulico Nacional, continuación da Vontade Hidráulica exposta por Fidel e impulsada por Raúl Castro, e polo actual presidente Miguel Díaz Canel, para integrar e regular o uso da auga. No Transvasamento Leste-Oeste trabállase asemade noutros sistemas críticos e de grande complexidade como o de Centro-Leste que abarca os territorios de Agabama, Zaza, Ciego de Ávila e Camagüey, o de maior nivel de execución. Entrementres, foi rematada a parte primeira do sistema Norte-Sur, que leva as augas de Yateras a Guantánamo e rega o vizoso val de Caujerí. Constrúense tamén encoros reguladores e canles de infiltración que permiten cargar o manto freático cando é necesario.

Nas provincias occidentais leváronse a termo outros transvasamentos de importancia, como o que parte do río San Agustín, a 8 quilómetros da cidade de Matanzas e serve as necesidades das ricas terras do concello de Güines, onde conecta co Complexo Mampostón-Pedroso a medio dunha levada de 78 km.

 Estas obras xigantes de enxeñaría hidráulica, con centos de quilómetros de quenllas, canles, acuedutos e túneles que atravesan montes, con investimentos multimillonarios, realizáronse malia longos anos de cruel bloqueo económico imposto por EUA. A ilegal interferencia do veciño do norte, contraria ao dereito internacional, obriga a realizar colosais esforzos para adquisición de materiais básicos coma tubaxes de diverso tipo, maquinaria, equipos de bombeo e aveños para reparar as redes de acuedutos e sumidoiros, manter sistemas de rego e atender con plena eficiencia o tratamento de augas, etc.

O país avanza malia furacáns e secas (entre 2016 e a primeira metade de 2017, Cuba sufriu a peor seca dos seus últimos 110 anos) da pandemia e, sobre todo, do bloqueo. Sen pecar de optimismo, non demorará o tempo no que todos os encoros estean interconectados formando un colosal sistema de captación e distribución da auga, de suma importancia para o fomento da agricultura, a gandaría, a silvicultura, a xeración de enerxía e a acuicultura, sen que esquecer o turismo e outros campos, de forma que poda soerguer decisivamente o benestar social da poboación.

Colateralmente, o INRH leva adiante un programa de plantas desalinizadoras de auga con excelentes resultados naqueles lugares, principalmente costeiros, con limitada dispoñibilidade de auga. Sendo o proceso relativamente custoso, opérase mediante réxime de traballo intermitente e enerxía fotovoltaica,  ou como complemento doutras fontes de auga, principalmente en períodos de elevada demanda é, en determinadas épocas do ano, nos polos turísticos.

Comezaron a utilizarse en Cayo Largo del Sur, cunha planta con capacidade de 40 l/seg. e o seu uso estendeuse logo a sectores da industria e do turismo, como a Termoeléctrica de Santa Cruz del Norte e hoteis da cayería. A situada na zona de Cabanas, en Santiago de Cuba, ten unha capacidade de 50 l/seg. A planta desalinizadora situada en Punta Maisí, doazón de UNICEF, procesa a auga extraída de pozos de auga salobre de 40 metros de profundidade, con capacidade de producir 2 metros cúbicos de auga potabel por hora. Outras moitas plantas xa se instalaron ou están en construción.

Restaurar a vexetación arbórea

o bosque A Política Nacional de Auga en Cuba, aprobada polo Consello de Estado en decembro de 2012, que rexe o uso racional deste vital recurso, inclúe entre os seus principios reitores “incrementar a cobertura boscosa en concas hidrográficas”. Cando triunfou a Revolución, os bosques desapareceran case completamente. Dunha cobertura boscosa superior ao 80 % na chegada de Cristóbal Colón, a República conservaba en 1902 un 53 % que diminuíu aceleradamente nas seguintes décadas debido á corta indiscriminada e ao saqueo realizado nomeadamente por empresas dos EUA para a creación de grandes canavais, polo que, en xaneiro de 1959, só quedaba de superficie arbórea apenas un 14 %, incluíndo os manglares. Case todos os bosques que sobrevivían presentaban, ademais, un nivel avanzado de degradación, e gran parte da fauna silvestre estaba en grave perigo de extinción.

O propósito de recuperar a riqueza forestal do país pertence a véspera da Revolución e madruga tanto coma o 10 de abril de 1959 coa creación do Departamento de Repoboación Forestal do Exército Rebelde. Logo viría un longo proceso de creación e perfeccionamento de institucións de silvicultura: Departamento Forestal e Froiteiro do INRA, INDAF, Proxecto Cuba-3 executado por INDAF-FAO, Instituto de Investigacións Forestais (IIF) cunha rede de centros de investigación que cubriu todo o país e un amplo programa de formación de cadros técnicos e profesionais.

Cuba conta hoxe con máis de 40.000 traballadores forestais, dos cais uns 1.500 son graduados universitarios. Dispón dunha ampla rede de centros de investigación en todas as ramas da silvicultura. A meta de deter a deforestación para o ano 2000, que os organismos especializados da ONU consideraban ambiciosa, foi incumprida pola maioría dos países, mais Cuba non só a atinxiu depleno senón que está próxima de alcanzar o nivel óptimo de cobertura boscosa.

Nos programas de reforestación, sementáronse centos de millóns de árbores nas concas hidrográficas. Cuba é o país de América Latina con maior crecemento forestal nos últimos 50 anos. O seu índice de boscosidade, ou sexa, a súa cobertura boscosa, mantívose en constante crecemento e sitúase xa ao redor do 32 %. Este indicador sitúa a Cuba entre os países do mundo cunha situación máis favorabel. É un dos poucos países en desenvolvemento que logrou un crecemento sostido dos seus bosques. Actualmente posúe máis de 1 millón 500 mil hectáreas de árbores madeireiras o que lle permite xa, sen deixar de crecer, serrar cada ano un 130 mil metros cúbicos de madeira. Conta, ademais, cun corpo de gardas forestais que evita a corta ilegal de árbores e un sistema de protección integral que minimiza a ocorrencia de incendios.

Cuba ocupa tamén un lugar prominente na protección e conservación da natureza e na investigación para o seu uso sustentábel. Seis zonas naturais foron declaradas pola UNESCO como Reservas da Biosfera, onde se promoven investigacións científicas para o manexo adecuado dos recursos naturais, o seu uso sustentábel e preservación. Estes lugares son: Sierra del Rosario, que abarca zonas das provincias de Pinar del Río e Artemisa; Península de Guanahacabibes, en Pinar del Río; Cuchillas del Toa, na rexión nororiental, con áreas pertencentes ás provincias de Holguín e Guantánamo; Baconao, ao sur das provincias de Santiago de Cuba e Guantánamo; Ciénaga de Zapata, en Matanzas; e Buenavista, no centro-norte do arquipélago cubano, que comprende parte das provincias de Vila Clara, Sancti Spiritus e Ciego de Ávila, e inclúe un sector do pedride (área de illotes rasos e anegadizos, cubertos adoito de mangle) de Sabana-Camagüey.

Dise que moi logo a auga será máis prezada ca o petróleo. De feito en moitas rexións do mundo xa o é. No escudo da República represéntase a Cuba como a chave do Golfo. Traballando como o pobo de Cuba traballa para que nin unha pinga de choiva se perda no mar, terán tamén, coa auga, a chave do futuro.

Traducido ao Galego por Augamarina Rosón, para TSA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará