A solidariedade con Cuba honra en Madrid o legado internacionalista de Fidel

Alina Maceda  (Madrid) para Terra Sen Amos

A solidariedade con Cuba recordou en Madrid o legado internacionalista de Fidel como proxecto de futuro da Revolución Cubana e vieiro para as revolucións do século XXI. So o lema Fidel Vive, la Revolución Sigue! a homenaxe, sábado 25, no Auditorio Marcelino Camacho, contou con senllas brillantes aportacións de Belén Gopegui e Anxeles Diez, secundadas por Alfredo Catalá en representación do ICAP; Eugenio Martinez Henriquez. embaixador de Cuba; o eurodeputado Xabier Couso, Lázaro Oramas, de Cubainformación e os cantautores Ismael de la Torre, Manuel Gerena, Juanjo Anaya, Orlis Pineda e Raul Torres.

“O legado internacionalista de Fidel é un vieiro para as revolucións do século XX”, dixo a profesora Angeles Diez na homenaxe a Lider da Revolución en Madrid.

A escritora Belén Gopegui dixo sentirse fóra de lugar por ter que falar de Fidel e da Revolución dende un espazo coma Europa onde a palabra Revolución non vale ren. “Xa saben: aquí, en Europa, mal uso lle poderemos dar á Revolución, ao sentido do momento histórico ou a mudar todo cando compre mudar, como dicía Fidel; non mentir nunca, non violar principios éticos, díganme que necesidade ten o Vello Continente de todo iso? Aliás, quen de nós vai cair nesa parvada de procurarmos homes e mulleres novas? A nós, na Europa, tanto nos ten o de construir un mundo no que as persoas poidan desenvolver as súas capacidades para darmos lugar a un xeito diferente de convivéncia. Na Europa o censo é de varóns (por veces non) capitalistas, ben mandados e riquiños. Tanto que cando un parlamento aproba unha lei para o patrono podelo botar do traballo cando lle pete, mesmo que estea de baixa, o home capitalista humilla a cabeza e confórmase”.

Unha forte ovación interrompeu as palabras de Belén Gopegui que retomou asi o seu discurso: “E cando o seu país faise rico co comercio de armas e o bombardeo e destrución doutro estado, o Home Europeo maniféstase de sete a oito e media, fala, escribe un par de chíos ou de columnas moi críticas. Mais ese home vello sabe, porque o sabe, que tanto lle ten porque as as bombas seguirán caendo e as armas seguiranse vendendo”.

“Moito lle gustan as palabras impotentes ao home europeo vello!” dixo Gopegui para contrastar esa postura coa proposta de Fidel: “a Revolución consiste en acurtar a distancia que vai das palabras aos feitos”. Salientou Belén Gopegui que o benestar do home vello europeo, coas súas rúas e os seus grandes edificios, fíxose co diñeiro procedente da suor e os cadáveres doutros pobos.

“Por iso agora, cando Europa xa non pode explotar tanto ás súas antigas colonias, o home europeo está como asustado, berra, protesta, dinque se volveu populista, porque o benestar do que gozaba non o construíu él e está a derrubarse. Pola contra, para Fidel, a revolución é emanciparse co propio esforzo e é así como Cuba chegou a vivir cun alto índice de desenvolvemento humano, cuxo custo non o paga a suor allea”.

“Quen din que isto sucedeu no pasado, esquece que hoxe hai millóns de persoas formadas en Cuba grazas á súa Revolución; millóns de persoas que, podendo optar por un proxecto de triunfo persoal, de lotería capitalista, de ascenso privado a costa do descenso de moitos, elixen seguir traballando a ferro e fouce por un proxecto de xustiza”.

“Hainas que abandonan, é verdade, e outras sentiron a necesidade de marchar. Nunha revolución hai problemas que non só veñen de fóra, isto tamén o dixo Fidel. A mellor besta dá coa carga no chan e un erro calquera o ten”.

“É máis doado errar cando o capitalismo amola a diario a Cuba para dicer ao mundo: non vedes que a revolución é un soño? Viver sen amos e sen pagar, era soñar; cuidados, comida e curas sen diñeiro, non pode ser verdadeiro”.

“Cuba non é un país do primeiro mundo, mesmo que o pareza por veces e mália que algúns opinadores fagan trampa xogando a tratar a Cuba coma se fose Suecia; algúns indices son heroicos mais Cuba non puido desenvolver toda a súa capacidade e vive, de certo, con carencias. Isto tamén o contou Fidel: o atraso non é unha fase do desenvolvemento. Son os países desenvolvidos os que viven do atraso doutros”.

“Eles queren crer e facernos crer que a revolución non foi mais que un soño. Non lles vai a ser fácil. Inténtano cada día. Para iso contan coa axuda do home riquiño europeo que vai dicindo: mágoa de revolución, mágoa de tantos anos estragados en termar e resistir. É ben hora de preguntarlle a ese home vello por que a revolución ten que resistir e non se lle permite, simplemente, existir. Qué responsabilidade ten niso o home capitalista? Por qué o home europeo coas súas grandes institucións e as súas grandes palabras, a súa democracia tan ilustrada e as súas letras de fino gume non dei aplicado nin sequera un dia a resolución aprobada na ONU, ano tras ano, por 191 países? Seica non estmos a viver, como eles din, nun doce mundo globalizado onde o imperialismo xa non existe? Como é que o home vello europeo puido consentir a tortura de Cuba polo suposto delito de escoller un camiño diferente? Qué liberdades europeas e estadounidenses son esas que non autorizan a escolla de ser revolucionario?”

“Na loita contra a opresión non hai vitorias nin derrotas absolutas: o que hai é unha relación de tensión constante e haberá que preguntarse canta forza puxeron Fidel e Cuba, canta están poñendo, e canta puxemos e imos poñer nós. Até sempre, comandante. Até sempre, Fidel”.

A profesora Ángeles Diaz centrou a súa intervención no valor político das ideas de Fidel e da resisténcia e solidariedade de Cuba nun mundo ameazado de destrucción polo capitalismo. “No mesmo intre da súa entrada na Habana no 59, Fidel sabia que defender a Revolución era desafiar o imperialismo e por iso deberia escoitar o chamado de Arxelia, de Angola e do Congo; sabia que o imperialismo non é o resultado casual dun momento histórico nin da actuación de privilexiados sen conciéncia, senón o a consecuéncia necesária do capitalismo, do poder global do capital ou, como diria Sartre, dun sistema de servidume e de explotación”.

“O capitalismo non poderia funcionar sen colaboradores aos que promete cotas de pillaxe en troco de manter a raia as súas propias poboacións, ou sexa a nós. Dende a acción e o pensamento, coma antes fixeran Martí, Marx, Rosa Luxemburgo ou o propio Lenin, Fidel soubo desenmascarar a lóxica do capitalismo, a guerra imperialista. No primeiro faise a guerra para a explotación, depois ven a explotación para facer a guerra. Na II Declaración da Habana (1962) Fidel preguntaba: que é a historia de Cuba senon a historia de América Latina, e qué ven sendo a historia de América Latina senón a historia de Asia, Africa e Oceania? E que outra cousa ven sendo a historia de todos estes pobos senón a historia da explotación máis férida e caroal do imperialismo no mundo?”

“Para Fidel, a natureza do imperialismo non era un mistério: sabia que co imperialismo non se pode contemporizar; que é delusório pensar que os imperialistas poidan deixar de selo en calquera momento; que compria chamar ao imperialismo polo seu nome; que compria facerlle fronte coma á barracuda, non lle dando nunca as costas. O actual receso de algúns paises latinoamericanos coma Brasil e Arxentina e a fúria coa que o imperio arremete contra Venezuela, Bolivia ou Ecuador, danlle a razón. Fidel sabia que un sistema coma o capitalismo, que non pode sobreviver sen vampirizar todos os recursos do planeta, naturales, humanos, e nomeadamente culturais e ideolóxicos, mal poderia tolerar un pais soberano”.

“Fidel aprendeunos a localizar e entender as intencións verdadeiras do capital e das armas que emprega. Ao capitalismo compre darlle batalla corpo a corpo, como Fidel facía e para iso precisamos entender as facianas da economia capitalista para elixirmos os lugares de actuación política e as oportunidades para abrirlle unha fenda revolucionária”.

“Nin o capitalismo nin o imperialismo son reformábeis. Preséntannos o imperialismo coma a orde natural do mundo que habitmos e dinnos que esta catástrofe non é reformábel e non ten responsábeis coma se non puidésemos facer cousa contra ela.” “Quérennos vencidos e convencidos dan nosa impoténcia. Mais como sabemos, Fidel e Cuba deron substituido esa pedagoxia da catástrofe pola pedagoxia do imposíbel realizado: a do internacionalismo é a lección heroica do povo cubano e de Fidel, é a continuidade da guerra popular contra o imperialismo”.

“Na prática do internacionalismo, da loita pola liberación dos povos, Fidel proxectou o futuro da Revolución Cubana, trazou un vieiro polo que transitar cara a Revolución para as revolucións do século XXI. O imperialismo fai o imposibel por manipular ou silenciar a historia de Cuba. A historia do internacionalismo é a historia das vitórias cubanas, é o mal exemplo cubano que nos di que non se pode ser libre se non se é soberano, que non se pode ser digno cando se loita contra os demais”.

“Fidel morreu loitando contra o racismo, o fascismo e o apartheid; morreu en campaña pola iindependéncia, a soberania e o dereito ao benestar e ao desenvolvemento de todos os povos da terra, para non haber no mundo famentos e esmolantes, doentes sen médico, nenos sen escola, persoas sen teito e sen alimento”.

O pensamento antiimperialista e internacionalista do líder histórico da Revolución Cubana tamén foi salientado nas intervencións do embaixador cubano en España, Eugenio Martínez; o eurodiputado Xabier Couso, o representante do ICAP Alfredo Catalá e Lázaro Oramas, xornalista de Cubainformación TV.

http://homenajefidel.org/madrid/el-acto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará