A solidariedade denuncia novas agresións contra o local de EusKadi-Cuba

MESC – Redación de TSA

A solidariedade con Cuba condena un novo cerco da ultradereita contra o local da Asociación Euskadi-Cuba en Bilbo, fins de agosto. O MESC (Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba) que representa 60 organizacións do Estado español, denunciou a agresión realizada mediante pintadas que recordan outras de xullo de 2021 contra o mesmo local, e as ameazas de chantar lume ao local de parte dun axente da contra.

O MESC relaciona estes ataques coa mesma xenreira anti-cubana que ven padecendo durante meses o Consulado de Cuba en Barcelona ou os intentos de impedir pola forza actividades solidarias organizadas en diversas cidades do Estado no ano que andamos, mesmo con agresións físicas a militantes da solidariedade.

Estas accións violentas teñen por lema común Patria y Vida, unha divisa que corresponde a divulgada por todos os sistemas de propaganda do bloqueo patrocinado polo goberno dos EUA. O formato censor reproduce o mesmo modelo de actuación dende 2021 contra calquer acto de apoio de apoio a Cuba bloqueada. Un exemplo foi a aparición de reventadores no comezo da intervención do alcalde Ángel García Seoane, na efeméride do 26 de xullo celebrada en Oleiros. Cinco asistentes, un deles embozado , que portaban un lenzo con aldraxes contra o Che e a divisa explícita de Patria y Vida en grandes caracteres, proferiron apupos que foron logo afogados pola protesta indignada das persoas que participaban na homenaxe solidaria aos herois do golpe contra o cuartel Moncada, suceso que marcara o camiño para a vitoria revolucionariada de 1959.

O MESC chama a atención sobre o paradoxo de os contra-revolucionarios reclamar vida e convivencia nacional de Cuba mediante intervencións violentas, o atranco e sabotaxe das relacións libres da illa co resto do mundo e a construción forzada e delincuente de estados de carencia que atentan directamente contra o dereito a vida en Cuba, o que non pode senón recibir o nome de violación sistemática e masiva dos dereitos humanos, tal e como foi definido e expresamente denunciado pola Asemblea das Nacións Unidas en 29 ocasións.

“Non conseguirán ningún dos seus obxectivos –recorda o MESC nun comunicado- e a pesar da dura conxuntura económica que sofre o pobo cubano, produto do bloqueo, as 243 últimas sancións e os efectos da pandemia, sairá adiante. A solidariedade con Cuba no Estado Español acompañará e apoiará, agora e sempre, ao pobo e a Revolución cubana en todas as circunstancias e pese a quen pese”.

O movemento estatal de solidariedade invita a continuar na vital defensa de Cuba Socialista e a protexer dereitos e liberdades da Asociación Euskadi-Cuba, unha das entidades fundadoras da rede de defensa da Revolución Cubana nesta parte do mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará