“Non rematou a conxura de EUA e UE contra o exemplo cubano”, recorda a solidariedade en Zaragoza

Cubainformación – Terra Sen Amos

A recuperación de embaixadas con Washington, honra a integridade e coerencia cubana en máis de medio século, mais non cesa a conxura de Estados Unidos e a UE para acabar co exemplo de Cuba Revolucionária, faro dos povos oprimidos. A solidariedade con Cuba reafirmóu en Zaragoza o seu respaldo e asistencia ao exemplo cubano: “En Cuba -precisa a declaración de Zaragoza- Patria significa Humanidade, e a súa man para as causas xustas, non coñece fronteiras: máis de 50.000 profisionais da saúde e a educación repartidos polo mundo, traballando nas extremas da pobreza e o malpasar do planeta, son embaixadores da solidariedade cubana”. A Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, que está a celebrar o seu o XXX Aniversário, estivo representada en Zaragoza.

 
Do 12 ao 14 de xuño, o XIII Encontro de Solidariedade do Estado Español con Cuba, contóu coa presenza en Zaragoza de 182 militantes de 46 entidades solidarias e a compaña excepcional de Fernando González, parte e representación dos Cinco Heroes Cubanos que foran presos en EEUU contra toda razón e xustiza; o Asesor do Consello de Estado e ex-ministro de Cultura, Abel Prieto; o ex-ministro de Economía de Cuba e actual asesor do Centro de Investigacións da Economía Mundial, José Luis Rodríguez; a Directora do Centro de Investigacións Psicolóxicas e Sociolóxicas da Habana, María Isabel Domínguez; o Vicepresidente Primeiro do Instituto Cubano de Amizade cos Povos, Elio Gámez e o embaixador de Cuba en Madrid.

A solidariedad debateu en Zaragoza como contrarrestar a guerra mediática contra Cuba
A solidariedad debateu en Zaragoza como contrarrestar a guerra mediática contra Cuba


A asemblea definiu estratexias políticas e de comunicación do Movimento de Solidariedade con Cuba, con atención especial á defensa e dereito de Cuba contra a guerra propagandística imperial, e a esixencia do urxente remate do bloqueo por parte dos EEUU.

Fernando González chamou a abrir un novo derrego ao caudal solidario internacional dos comités polos Cinco cubanos que inzaron en todo o mundo. A asemblea ponderóu diversas fórmulas de readaptación, entre outras a súa conversión en comités de solidariedade cos países do ALBA, comités contra o bloqueo a Cuba e otras opcións en estudo. O vicepresidente primeiro do ICAP Elio Gámez, levou a primeiro plano a aportación solidaria para conseguir o remate do bloqueo económico, financiero e comercial de EEUU contra Cuba. Invitou a seguir á iniciativa internacional de organizar cada día 17 accións contra a inxerencia e as leis norteamericanas de castigo contra o comercio e intercambio da illa co mundo. Alentou a convocatoria de debates e palestras sobre a causa de Cuba e a solidariedade, respaldar  e fomentar as brigadas a Cuba, como arma de información directa e de convivencia coa realidade revolucionária,  promover a lectura e a colaboración con medios cooperativos coma “Cubainformación” e procurar presenza nos media.

Abel Prieto denunciou entre otros elementos de intoxicación, a especie de Cuba camiñar cara o capitalismo, andrómena que alimenta o argumento do fracaso do proxecto revolucionario. “Hai persoas amigas de Cuba preocupadas pola hipotética imaxe dun McDonalds na Praza da Catedral da Habana Vella”, ironizou  Prieto para pedir unha solidariedade que bloquee semellantes falsidades derrotistas.

José Manzaneda, diretor de Cubainformación e membro da asociación Euskadi-Cuba, fixo en 13 preguntas unha proposta de debate sobre o que pode facer o movimento de solidariedade fronte a guerra mediática e a asemblea acordou celebrar nos próximos meses, un obradoiro específico de comunicación solidaria con Cuba, que sería coordenado pola equipa de Cubainformación.

Na mesa “A muller e a xuventude hoxe”, comparouse a situación dos dereitos das mulleres e da mocidade entre o Estado español e Cuba, con intervencións de Arantza Gracia, do Movimento Feminista de Aragón; de Jorge Sanz, do Movimento da Mocidade de Aragón, e da Diretora do Centro de Investigacións  Psicolóxicas e Sociológicas da Habana, Unha exposición sobre dereitos das mulleres cubanas no eido público e os desafíos e conquistas aínda pendentes, nomeadamente no ámbito privado, describiu Cuba coma un dos poucos países con parlamento paritario -sen lei de cotas- no que o 66 % do emprego profisional é de mulleres.
No remate do encontro, o Embaixador de Cuba en Madrid, Eugenio Martínez, tratóu das novas relacións entre Cuba e os EEUU, un proceso que considerou “irreversibel” e ao que non se tería chegado sen a resistencia do povo de Cuba que, sen ceder principios, sentou a dialogar a Casa Branca en pé de igualdade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará