“A transformación da empresa socialista será a chave da reforma da economia de Cuba” (José Luis Rodriguez)

José Manzaneda director de Cubainformación – Edición e traducción de Terra Sen Amos

O goberno de Cuba procura dende 2011 a correspondéncia dos prezos do mercado interior coas condicións reais dos salários e para logralo, as achegas van aos segmentos máis vulnerábeis da poboación antes que aos produtos. José Luis Rodriguez, asesor do Centro de Investigacións da Economía Mundial de Cuba e ex-ministro de Economia, explica nunha entrevista co director de Cubainformación os pasos que se están a dar para estabilizar en Cuba os prezos do mercado de básicos. Ofrecemos un extracto da conversa publicada no número 36 de Cubainformación.

José Luis Rodriguez é asesor do Centro de Investigacións da Economía Mundial de Cuba e ex-ministro de Economia. Foto de Cubadebate.

“O Estado debe estar en condicións de competir cos sectores non estatais –di o economista- Eis a mellor fórmula para estabilizar os prezos. Pouco faremos con avisar un vendedor privado que non sobarde o límite máximo de 3 pesos, porque venderao no mercado informal, no que hai demanda e liquidez para pagar seis pesos pola súa mercadoria. Outro asunto son os custes do sector que produce para o mercado. Na Habana e arredores non hai quen queira traballar no campo por menos de cen pesos diários e,  de porparte, aumentaron os prezos das importacións. Compre sumar a isto a especulación, as práticas de monopólio e a segmentación do mercado, factores que fan medrar os prezos con relación aos ingresos da poboación”.

Recorda o asesor do Centro de Investigacións da Economia que o salário mensal médio no ano 1989 era de 189 pesos e que en 2015 foi revisado a 687 pesos. “Porén ese salário é nominal, e enfrontado aos prezos reais é menor ca o de 1989”.

O elemento cernal da reforma da economía cubana será a transformación da empresa estatal socialista, di o entrevistado: “En Cuba, o sector privado aporta só o 12% do PIB mentres a economia funciona cun 88% de novo valor creado polo Estado, o que quere dicer que serán a economia estatal, as grandes empresas, os grandes investimentos, o turismo, o niquel e a bio-tecnoloxía quen van mover a economia. Estamos a mellorar a xestión do sector estatal, mediante descentralización, maior marxe de mobilidade, de fixación de salários e de autononomia para invertir, ainda que a asignación desta faculdade está a ser  obxecto  de vivo debate. As empresas estatais carecen da facultade de comercio co exterior que, por causa da escaseza de recursos, está centralizado. Que aconteceu o ano pasado? Que empresas que tiñan condicións para cumpriren a súa axenda e dispor os seus aumento salariais e investimentos, non recibiron a matéria prima comprometida. Até que o pais non teña maior nivel de importacións, as cousas non van funcionar a xeito”.

A respecto dos salários, José Luis Rodríguez repara que o 51% dos salários de Cuba están no sector orzamentado e o restante 49% nas empresas. “O 49% ten unha via para revisar seus ingresos mentres o 51% depende da decisión administrativa centralizada. As empresas (estatais) están no bon camiño, con previsións de elevaren os seus ingresos. A parte orzamentária depende de decisións globais. Na Asemblea Nacional do Poder popular díxose que estabamos correndo o risco dos ingresos careceren de engado para un traballo con eficiéncia o que levaria a traballadores e traballadoras de cualificación alta a procuraren mellora de ingresos nos sectores privados ou cooperativos ou ben na emigración”.

Rodriguez concede importáncia central á participación de traballadoras e traballadores na xestión dos centros de traballo. “Cando Raúl na súa primeira alocución de 26 de xullo de 2007  como presidente en funcións falou dun mangado de problemas, as base debatiron e fixeron propostas. A seguir, os debates continuaron e un 68% dos Lineamentos foron derradeiramente modificados dacordo coa opinión das bases. Outro asunto é a importáncia da participación na xestión diária da empresa. A participación é ainda consultiva, non deliberativa. A elaboración dunha axenda a partir da empresa é a que pode dar ás bases percepción de co-propiedade, empoderamento e participación.  Un paso a dar importante que require educación, organización diferente e mentalidade distinta na dirección”.

No remate da conversa, o ex-ministro recomenda a leitura dun libro escrito polo psicólogo cubano Manuel Calviño titulado “El cambio de mentalidad, empezando por los jefes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará