A UE e Canadá desafian as sentenzas da Helms-Burton contra os seus intereses en Cuba

Berenice Gondar – Bruxelas

A Unión Europea e o Canadá compremétense a defenderen mutuamente os seus contratos comerciais e de negocio con Cuba e a ignoraren as sentenzas dos tribunais dos EUA contra propiedades nacionalizadas pola Revolución e legalizadas dende hai anos. O presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, condenou a escalada do Bloqueo e recordou que o título III é igual de perverso que o I e o II da Lei Helms-Burton que dende 1996 (goberno de Clinton) multa a eito empresas que venden material médico, industrial, bens de comercio ou realizan xiros bancarios a Cuba. “Todas estas normativas anticubanas son arneiradas contra o pobo de Cuba, mais ninguén poderá arrebatarnos, por engado nin por forza, a Patria que os antergos gañaran de a pé para nós. O pobo cubano non se rende”.

Ao relanzar o Bloqueo, o goberno Trump alporiza a UE e Canadá. Un fracaso de máis de 60 anos que agora compromete a parceiros da OTAN.

O ministro de Estado (Asuntos Exteriores) de Trump, anunciou que 2 de maio vindeiro a xustiza dos EUA admitirá demandas contra propietarios de negocios emprendidos en Cuba sobre bens que foran nacionalizados a empresas norteamericanas. O ministro, ao que o exceso mórbido de peso non permite atinxir a lectura das súas notas sobre o fascistol, invitou a negociantes expropiados, sen mirar a data, a presentaren demandas perante a xustiza dos EUA dacordo co rubro III da Lei Helm-Burton, aprobado por Bill Clinton en 1996, porén adiado semestralmente dende aquela data, en evitación de problemas dentro do tratado de comercio con Canadá o nos acordos da Organización Mundial de Comercio (OMC).

A responsábel de Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Federica Mogherini e a comisaria de Comercio, Cecilia Malmstrom, da UE, xunto a ministra de Exteriores de Canadá, Chrystia Freeland, criticaron ao goberno de Trump por recusar a suspensión do noxento título III e ameazaron con demandar perante a OMC. O ministro Borrell anunciara no Cumio da OTAN que o goberno de Madrid non aceptaria a extra-territorialidade das leis dos EUA, en defensa dos intereses económicos de seu e do dereito internacional.

A UE fixo saber asemade, que coa medida lanzada, o goberno dos EUA incumpre os acordos asumidos en 1997 e 1998, cando, a condición de a UE suspender una demanda perante a OMC, o goberno de Washington  comprometera non aplicar o título III.

Reclamantes dos EUA arrogaríanse o dereito de restitución ou pago de casas nas que viven cubanos, predios sobre os que se erguen polígonos, terra agrícola onde cultivan e producen, escolas onde se educan os seus fillos, hospitais ou policlínicos onde reciben servizos médicos, solares de centros de traballo ou negocios particulares; a lei institúe aínda acredores dos EUA polos servizos públicos de electricidade, auga e comunicacións, hoxe subsidiados polo Estado cubano.

Para o goberno de Cuba, esta pretensión é só imaxinábel nas mentes de quen identifica o solo e bens cubanos coma posesión colonial. O Bloqueo económico só podería cesar unha vez atinxido ese obxectivo da Lei Helms-Burton, que descansa sobre dúas mentiras fundamentais: a noción de as nacionalizacións, realizadas a pouco do triunfo revolucionario, seren ilexítimas ou indebidas e a idea de Cuba constituír unha ameaza para a seguridade nacional dos EUA.

Cuba recorda que as nacionalizacións foran amparadas por leis, con estrito apego á Constitución e en conformidade co Dereito Internacional. “Todas as nacionalizacións contemplaron procesos de compensación xusta e conformada, que o goberno dos Estados Unidos negouse a considerar. Cuba honrou acordos globais de compensación establecidos con outras nacións que hoxe invisten en Cuba como España, Suiza, Canadá, Reino Unido, Alemania ou Francia”.

No ano 2015, Obama proclamou que o Bloqueo era unha medida fracasada o que causou grande escándalo ena contra de Florida. Porén, o presidente elevou a máximos históricos as multas por comerciar con Cuba. Todas as forzas comprometidas no remate do inhumano e interminábel cerco contra o pobo cubano, denunciaran a incoheréncia presidencial mentres os republicanos de Washington vian no dobre discurso de Obama un recurso contra a maioría do Congreso, contraria á apertura con Cuba. A Casa Branca procuraba mover a opinión dos grupos de presión mediante un aumento extraordinário de sancións contra empresas de todo o mundo por comerciaren con Cuba.

A banca francesa BNP-Paribas fora obrigada a pagar 6.500 millóns de euros a Estados Unidos por ter servido de intermediaria financeira coa administración cubana nunha transación de plena legalidade; a seguir, o banco Crédit Agricole recibiu unha sanción de 694 millóns de euros por admitir un pago en dólares dende Cuba. O peso da Lei Helms-Burton caeu tamén sobre Banca Morgan, por unha imputación semellante e contra innúmeros provedores.

Tres meses antes do histórico anuncio de 17 de nadal de 2014, o presidente estadounidense renovara a inxeréncia contra Cuba ao amparo da Lei de Comercio co Inimigo, de 1917. Obama repetia de feito un esquema clásico da coerción imperial norteamericana no que convivian a reconciliación formal coa dilación, a escalada e o ultimato, como sucedera por acaso cos criminais Bombardeos de Nadal contra Vietnam do Norte en 1972, cando xa o FNL fora invitado ao diálogo constructivo. Disparando con multas que afectarian ás relacións internacionais dos grupos de capital da maioría republicana do Congreso, Obama atinxia unha posición mellorada.

O ministro de Estado de Trump dixo que “as concesións de Obama para realizar a democracia na illa, fracasaran” e que por iso era preciso aumentar o cerco. Iroel Sánchez recorda que ese castigo pasa xa dos 60 anos e escrebe no sitio Almayadeen: “Os que reclaman democracia a Cuba dende hai 60 anos, recrudecen o Bloqueo cando o pobo de Cuba elabora democraticamente unha nova Constitución”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará