Palabras solidárias de Fidel no 90 aniversário

Terra Sen Amos – Cubadebate

Terra Sen Amos reproduce as verbas de agradecemento de Fidel polas expresións de afecto recibidas de todo o planeta. Organizacións de base do mundo enteiro recoñecen as aportacións da Revolución Cubana ás loitas contra o imperialismo. Fidel volve os parabéns en palabras de solidariedade e consellos a prol da paz.

Fidelfala na Praza da Revolución, febreiro de 2006. Foto de Javier Galeano/ AP-
Fidel fala na Praza da Revolución, febreiro de 2006. Foto de Javier Galeano/ AP-

“Mañá fago 90. Nacín nun territorio chamado Birán, na rexión oriental de Cuba. Con ese nome coñécese, endebén non figure nos mapas. Pola súa boa sona era coñecido por amigos próximos e, xa que logo, polos representantes políticos e inspectores interesados por calquera actividade comercial ou produtiva propias dos países neo-colonizados do mundo.

Tendo obra de 9 anos acompañei meu pai a Pinares de Mayarí.  Como lle gustaba conversar cando saía da casa de Birán! Alí era o dono de terras de canabal, prado e outros cultivos. Pero nos Pinares de Mayarí non era dono, senón arrendatario, como moitos españois que foron donos dun continente en virtude dos dereitos concedidos por Bula Papal, de cuxa existencia non sabia ningún dos pobos e seres humanos deste continente. Os coñecementos transmitidos eran xa en grande parte tesouros da humanidade.

A 500 metros chegan os cumes desta terra, outeiros pendidos, de predegullo, onde mal crecen as prantas e por veces ten caborcos enfeitos. Árbores e rocha entullan o tránsito; de arrebato, a unha altura determinada, iníciase un planalto de 200 quilómetros cadrados, con xacimentos fastos de níquel, cromo, manganeso e outros minerais apreciados. Aquela terra chá produce a diario decenas de camións de piñeiros de gran tamaño e calidade.

Noten que non fixen mención do ouro, o platino, o paladio, os diamantes, o cobre, o estaño, e outros que deviron en símbolos ben prezados na etapa actual de desenvolvemento.

Poucos anos antes do triunfo da Revolución, finou meu pai. Antes, padecera abondo.

Dos seus tres fillos varóns, o segundo e o terceiro estaban ausentes e distantes. Nas actividades revolucionarias un e outro cumprían o seu deber. Eu xa avisara que sabía quen podía substituírme, cas do adversario ter éxito nos seus plans de eliminación. Dábame case risa dos plans maquiavélicos dos presidentes de Estados Unidos.

Vintesete de xaneiro de 1953, tralo golpe alevoso de Batista en 1952, escribiuse unha páxina da historia da nosa Revolución: os estudantes universitarios e organizacións xuvenís, xunto ao povo, realizaron a primeira Marcha das Antorchas para conmemorar o centenario do natalicio de José Martí.

Era da opinión de non termos ningunha organización preparada para a loita que estabamos a dispor. O desconcerto dos partidos era total de esquerda á dereita e o centro, fartos da politiquería que reinaba no país.

Tiña eu obra de 6 anos, cando unha mestra chea de ambicións, que daba aulas na escoliña pública de Birán, convenceu á familia para viaxar a Santiago de Cuba acompañando á miña irmá maior para ingresarmos nunha escola de monxas con bo prestixio. Incluírme a min foi abeléncia da propia mestra de Birán. Ela, espléndidamente tratada na casa de Birán, onde se alimentaba na mesma mesa que a familia, convenceuna da necesidade da miña presenza. O caso é que a miña saúde era mellor ca do meu irmán Ramón, finado hai meses, durante moito tempo compañeiro de escola. Non quero ser extenso:  foron moi duros os anos daquela etapa de fame para a maioría da poboación.

Enviáronme, logo de tres anos, ao Colexio La Salle de Santiago de Cuba, onde me matricularon en primeiro grado. Pasaron case tres anos sen me levaren a a un cine.

Así comezou a miña vida. Se cadra escribo, se tempo houber, sobre iso. Escúsenme de non facelo até agora. Teño ideas do que se pode e debe ensinar a un neno. Considero que a falta de educación é o maior dano que facer se  pode.

A especie humana enfróntase hoxe ao maior risco da súa historia. Os especialistas nestes temas son quen máis pode facer polos habitantes do planeta, cuxo número era de mil millóns fins de 1800, e chegou a sete mil millóns a comezos de 2016. Cantos terá o noso planeta cabo duns anos máis?

Os científicos máis brillantes, que xa suman varios miles, son quen poden responder esta pregunta e outras moitas de gran transcendencia.

Desexo expresar a miña máis profunda gratitude polas mostras de respecto, os saúdos e os agasallos recibidos nestes días. Danme forzas para contestar a medio de ideas que transmitirei aos militantes do noso Partido e aos organismos pertinentes.

Os medios técnicos modernos permiten esculcar o universo. Grandes potencias como China e Rusia non poden ser sometidas ás ameazas das armas nucleares. Son pobos de grande valor e intelixencia. Considero que lle faltou altura ao discurso do Presidente de Estados Unidos cando visitou Xapón, e faltáronlle palabras para escusarse pola matanza de centos de miles de persoas en Hiroshima, malia coñecer os efectos da bomba. Foi igualmente criminal o ataque a Nagasaqui, cidade escollida ao chou polos donos da vida. É por iso que hai que martelar sobre a necesidade de preservar a paz, e que ningunha potencia poda arrogarse o dereito a matar millóns de seres humanos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará