ACORDO DE COOPERACIÓN CUBA-BOLIVIA

Ambos países, decididos a loitar pola unidade e integración dos pobos irmáns de América Latina e o Caribe e pola amizade e a paz entre todos os pobos do mundo, como pasos previos a tóma de posesión do Presidente electo Evo Morales, que terán vixencia axiña que o líder boliviano asuma a Presidencia do seu país e con iso as facultades legais e constitucionais do seu cargo, acordaron no inmediato as primeiras medidas de cooperación para a súa ulterior aplicación despois do 22 de xaneiro do 2006:

  • PRIMEIRO: Crear unha entidade cubano-boliviana non lucrativa que garanta a operación oftalmolóxica de calidade e gratuíta a todos aqueles cidadáns de Bolivia que carezan dos recursos económicos necesarios para sufragar os altísimos prezos destes servizos, evitando con iso que cada ano decenas de miles de bolivianos pobres perdan a vista ou sufran limitacións serias e moitas veces invalidantes na súa función visual.
  • SEGUNDO: Cuba aportará equipamento da máis alta tecnoloxía e os especialistas oftalmolóxicos requiridos na etapa inicial, os que, co apoio de médicos novos bolivianos formados na Escola Latinoamericana de Ciencias Médicas (ELAM) en calidade de residentes, ou outros médicos e residentes bolivianos ou procedentes doutros países, ofrecerán atención esmerada aos pacientes bolivianos.
  • TERCEIRO: Cuba sufragará os salarios deste persoal especializado.
  • CUARTO: Bolivia garantirá as instalacións necesarias para brindar o servizo, que poderán ser edificios de uso médico, ou adaptados a estes fins.
  • QUINTO: O Instituto Nacional de Oftalmoloxía, recentemente equipado por Cuba para operacións da vista e dotado por ela de parte do persoal especializado con médicos bolivianos e residentes de igual nacionalidade graduados na ELAM, que xa operaron a 1.536 bolivianos, contará adicionalmente con dous centros de operacións, un en Cochabamba e outro en Santa Cruz. O Centro Oftalmolóxico da Paz terá capacidade para operar a 100 pacientes diariamente, e os centros de Cochabamba e Santa Cruz, a 50 cada un deles, sumando en total a capacidade de operar da vista a non menos de 50 mil persoas cada ano. Estas capacidades poderán elevarse se Bolivia decide ofrecer os seus servizos oftalmolóxicos a pacientes pobres de países veciños próximos aos centros bolivianos.
  • SEXTO: Cuba ofrece a Bolivia 5 mil bolsas para a formación de médicos e especialistas en Medicina Xeral Integral ou outras áreas das Ciencias Médicas: 2 000 no primeiro trimestre do 2006, que xa están recibindo preparación básica en Cuba; 2.000 no segundo semestre dese propio ano, e 1.000 no primeiro trimestre do 2007. Nos anos subseguintes irase renovando a cantidade establecida con novos ingresos. Non se inclúe nestes novos becados 497 mozas e mozos bolivianos que xa veñen realizando os seus estudos de Medicina en Facultades de Ciencias Médicas cubanas.
  • SÉTIMO: Cuba aportará a Bolivia a experiencia, o material didáctico e os medios técnicos necesarios para un programa de alfabetización que abarque a totalidade da poboación apta, esforzándose ambos países por levalo a cabo en 30 meses a partir de xullo do 2006.
  • OITAVO: Cuba transmitirá a Bolivia as súas experiencias en materia de aforro de enerxía.
  • NOVENO: Cuba brindará o máximo apoio ao desenvolvemento deportivo de Bolivia en todas aquelas disciplinas que sexan de interese para o seu pobo.
  • DÉCIMO: Ambas partes explorarán as vías para o máis alto nivel de intercambio académico, científico e cultural entre os pobos de Bolivia e de Cuba.
  • UNDÉCIMO: Outras formas de cooperación beneficiosas, útiles e construtivas entre ambos países serán consideradas. Estes programas xestionarán e aceptarán a cooperación internacional, aínda que ambos países comprométense a realizalos cos seus propios medios. O presente acordo é o inicio dun proceso amplo de integración baseado nos principios de solidariedade e reciprocidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *