Afganistán e Cuba, semellanzas da mesma mentira imperial do “cambio de réxime”

Rosa Mirian Elizalde–La Jornada

Vinte anos de mentiras de Washington, e abondaron dez días para os Pastunes se faceren co goberno do Afganistán. O ramo púxoo Joseph Biden ao tatexar unha escusa mentireira e patética: “A nosa misión en Afganistán non era construír unha nación, nin enferrar unha democracia unida; o noso único interese nacional en Afganistán foi, e segue a ser, previr un ataque terrorista contra os EUA”.

Cubadebate

Quen llo cre? O Washington Post editara hai ano e medio 2.000 páxinas con máis de 400 entrevistas con militares, diplomáticos, cooperantes e oficiais afgáns. Contando co anonimato, os citados falaran a treo dos erros do Exército dos EUA e do engano deliberado á nación que representaban (e ao mundo) ao asegurar que procuraban un cambio de réxime no Afganistán. Leccións aprendidas, chamaron a esta papelería delirante.

Cambiaron cada dato para presentar o mellor cadro posíbel… Bob Crowley, por exemplo, coronel que exercera de conselleiro de contra-insurxencia entre 2013 e 2014, recoñecía que as enquisas apestaban a mentira mais reforzaban a idea de que todo o que estaban a facer era o correcto.  Donald Rumsfeld, ex ministro do Exército e arquitecto da tropa Ciberespacial dos Estados Unidos, acrecentaba: Non teño nin a mínima pista de quen son os malos.

Un exército de 800.000 estadounidenses invadira Afganistán desde 2001. O ministerio da Guerra recoñeceu 2.443 baixas e uns 20.589 feridos. Xunto co ministerio de Exteriores e a Axencia para o Desenvolvemento Internacional (USAID) sen incluír outras instancias coma a CIA ou o Departamento de Asuntos de Veteranos, gastaron desde 2001, 2,26 billóns de dólares, segundo estimacións do documento Custes humanos e orzamentarios da guerra contra o terrorismo, da Universidade Brown, en Rhode Island.

O proxecto tamén estima que morreron 241.000 afgáns como resultado directo da intervención militar. Estas cifras non inclúen mortes causadas por enfermidades, fames, secas, e outras consecuencias da guerra.

Imposíbel non comparar estes datos cos dos planos de cambio de réxime en Cuba e as continuas ameazas dos políticos da Florida.  Nas últimas dúas décadas, axencias federais estadounidenses destinaran arredor de 250 millóns de dólares para o cambio de réxime na illa. Compre aclarar que falamos de caudais públicos, documentados polo Cuba Money Project, do investigador Tracey Eaton. E non se sabe canto diñeiro viaxou polas canles clandestinas, mentres a intervención militar nunca deixa de ser unha opción sobre a mesa dos senadores Marco Rubio e Robert Menéndez, ou a congresista María Elvira Salazar, por citar só a avangarda do fundamentalismo anticubano en Washington.

Ademais do cambio de réxime e do diñeiro, o que une a historia imperial dos EUA con Afganistán e Cuba son as películas de vídeo.  As que vimos nestes días polas redes, parécense a aquela que contara e vivira en primeira persoa Eduardo Galeano. O escritor uruguaio era membro do tribunal internacional de Estocolmo, que xulgaba en 1981 a invasión das tropas soviéticas en Afganistán. Segundo a explicación oficial, a invasión quería defender ao goberno laico que estaba a tentar modernizar o país. “Nunca esquecerei o momento culminante daquelas sesións -escribiu Galeano-. Un alto xefe relixioso, representante dos fundamentalistas aliados, deu unha longa disertación chea de rabia anti-comunista. O freedom fighter pagado polo goberno dos EUA -agora terrorista-, tronóu: Os comunistas deshonraron as nosas fillas: ensináronlles a ler e a escribir!”

Coido que Galeano estaría de acordo comigo en que aquel berro parécese coma unha palla a outra aos que emiten, un día si e outro tamén, os lexisladores da cruzada contra Cuba desde Washington.

Artigo traducido para Terra Sen Amos por Rosalía Eiras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará