Anisia Miranda, militante revolucionaria de Cuba e Galiza

Foi enterrada o dia 23 en Gres.

Só unha cativa parte das persoas que tiveron a sorte de tratar en vida a Anisia Miranda, estiveron presentes na súa despedida no cemiterio de Gres (Vila de Cruces) no mediodía de venres 23. Por vontade da familia, non se deu publicidade á nova da súa morte nen houbo lugar para a manifestación protocolar de dóo.

Entre o reducido grupo que foi canda Xosé Neira Vilas no sepelio da súa compañeira Anisia, estaba o presidente da Asociacion de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” da que Neira é Socio de Honra.

Anisia MirandaA Directiva da Asociación fixo público o seguinte comunicado de condolencia pola morte de Anisia Miranda:

“Anisia Miranda militante revolucionaria de Cuba e Galiza

A Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” recordará sempre a Anisia Miranda como exemplo da implicación política e afectiva de Galiza na loita de liberación dos povos de América e nomeadamente na longa batalla de Cuba contra o colonialismo.

Xosé Neira Vilas, compañeiro na vida e na militancia comunista de Anisia Miranda, inventou o termo “Galego-Cubano” para definir a converxencia entre o compromiso da identidade nacional e o da erradicación das inxustizas que cruza as dúas nacionalidades e que está mellor representado no lado galego pola Xeración do Exilio e en Cuba pola Xeracion do Centenario protagonista da Revolución.

Nos anos primeiros da Xeración do Exilio, Anisia Miranda fundara con Neira Vilas a editorial “Follas Novas”, un título que resume a crucial intervención emigrante na reivindicación nacional de Galiza, precisamente dende unha Habana solidaria coa loita dos emigrantes galegos polo seu lonxano País, e atenta tamén á intervención de moitos deses mesmos emigrantes na guerra de liberación de Cuba.

En agradecemento a Anisia Miranda e a Xosé Neira Vilas, a Asociación de Amizade Galego-Cubana quere lembrar que o nome do mambís galego Francisco Villamil, como símbolo de revolución e de irmandade das dúas nacións, foi recuperado por eles dous dentro do seu invaluable labor de investigación da pegada dos Galegos en Cuba.

Anisia Miranda deixa na Cuba da Revolución e na Galiza dos seus antergos, un luminoso compromiso de ilustración e cultura, mellor probado nos seus libros de contos portadores dunha pedagoxía de proveito para todas as idades en todos os xéneros. Esa narrativa mal chamada infantil que Anisia Miranda elevou en consecuencia coas súas firmes ideas de emancipación e de xustiza universal.

Na Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, ficamos con esta imaxe dunha Anisia Miranda que fai pedagoxía de esquerdas baixo formas literarias de comprensión doada, coa lembranza do seu irrenunciabel compromiso coa Revolución, co recordo da colaboración fundamental na obra de Neira Vilas, e coa derradeira intervención dende a “Fundación Neira Vilas” en Gres para facer da biblioteca un centro de irradiación de cultura verdadeira e universalmente accesibel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará