As sancións de EUA contra Cuba: outro furacán

Iroel Sánchez – Cubadebate *

O furacán Irma golpeou Cuba arreo. O carácter simultáneo dos danos en case todo o país vai facer ainda máis dificil a recuperación e requirirá da cidadanía e das autoridades un esforzo superior aos de ocasións denanteriores. As imaxes dos danos percorreron o mundo enteiro e até gobernos nas antípodas ideolóxicas da Revolución cubana, coma os de México, Arxentina ou Colombia, expresaron a súa solidariedade e disposición a colaborar. Da parte de Washington non houbo silencio, mais as palabras non foron de axuda senón de ameaza. Mentres os ventos de Irma zoaban sobre Cuba, o goberno de Donald Trump reafirmou a aplicación á Illa da Lei de Comercio co Inimigo de 2017 (Trading with the Enemy Act) na que se sustenta o Bloqueo económico e político aplicado dende hai case sesenta anos. Pode a Oficina de Control de Activos Estranxeiros (OFAC) dos EUA anunciar no mes que andamos a aplicación de sancións contra a economía cubana que Trump prometera en Miami o pasado 16 de xuño, diante dun público conformado polo cúmio da contra-revolución acubillada nesa cidade.

As vagas entraron 250 metros na beiramar norte da Habana. A imaxe dá conta do castigo das ondas no Malecón. (Cubadebate)

Mesmo o ultradereitista goberno de George W. Bush, a vista dos danos doutro furacán menos dañino ca o Irma, aliviou unha migalla o Bloqueo pola via de permitir a venda de alimentos, o que naquel momento era un paso adiante, e unha faisca de sentido común que abria unha físgoa comercial, prolongada até hoxe. Porén, nada semellante cabe esperar da actual administración dos EUA, cuxo máximo representante insistiu de a pouco na inexistencia do cambio climático. Un cambio que provocou o incremento en frecuencia e intensidade de furacáns coma o Irma, mália os propios diplomáticos estadounidenses seren testemuña da magnitude dun fenómeno que sulagaba o solar da embaixada dos EUA na Habana. Negar feitos e ciencia, mentres os voceiros de Washington culpan ao goberno cubano por uns ataques acústicos, extranos e imposibeis de probar, contra o seu persoal en Cuba, non parece racional.

Seguirá adiante a OFAC coas novas sancións contra Cuba? Teñen noción a burocracia estadounidense e o seu Presidente -tan pendente sempre da súa imaxe- do impacto negativo que producirían en América Latina, en gobernos aliados, en Cuba, entre os propios cubano-americanos con familiares na Illa, e na opinión pública do seu país contraria na súa maioria a unhas sancións xa ampliamente criticadas?

Non é que se faga máis ou menos dano a Cuba con medidas que van afectar máis aos dereitos dos cidadáns norteamericanos a viaxar a Cuba, os ingresos das aerolíneas norteamericanas que viaxan á Illa e os negocios privados que o goberno de Obama alentou pensando socavar o socialismo cubano. As sancións previstas converteríanse en máis un motivo para a xa crecente impopularidade do actual Presidente, dentro e fóra do seu pais.

Cuba xa ten demostrado que é quen de recuperarse dos danos dun fenómeno que non pode evitar, faga o que faga un Presidente estadounidense, pero Donald Trump non ten por que seguir un vieiro que só van aprobar algúns políticos de Miami e os seus finanzadores. A oportunidade existe ainda de deter unhas medidas consideradas antes contraproducentes, que agora parecerano máis. Un aceno que melloraría a súa imaxe, abondo deteriorada.

*Traducido pola redacción de TSA

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *