Todalas entradas de Terrasenamos

Cuba normaliza a conexión dixital remota e o uso de redes privadas de datos

Axencias – Terra Sen Amos

Cubanos e cubanas poderán facer uso de redes privadas de dados, acceder a Internet con conexión remota dende seus fogares e importar equipa de tecnoloxía sen fíos acomodada a estas utilidades, dacordo con dúas normas que entrarán en vigor no prazo de 60 dias. O Ministerio de Comunicacións da República de Cuba deu a coñecer esta semana dúas novas formas de uso das Redes Privadas de Dados e o emprego de Sistemas Sen Fio de Alta Velocidade. Os regulamentos establecen as normas técnicas para cadanseu tipo de banda de frecuencias. Como parte do Bloqueo, os EUA estorbaron o acceso de Cuba ao sinal de Internet ao tempo que atribuian á censura o atraso dixital da illa.

O Bloqueo estorbou o acceso de Cuba ao sinal de internet, un retraso que os EUA atribuian mentireiramente á censura.

As  leis 98 e 99 son fundamentais para o proceso de informatización que se desenvolve en Cuba, así como para o progreso material do pais, á defensa da soberanía, e a evitación de interferencias no espectro radioeléctrico. Deste xeito garántese a prevención contra efectos nocivos de radiacións non ionizantes, e multiplícanse as canles de comunicación entre as persoas e o acceso do pobo ás novas tecnoloxías.

Atrás quedan as regulamentacións 127/201, que sentaran as normas para a Banda de frecuencias 2,4 GHz; a 128/2011, dirixida a regular a Banda de 5,7 GHz, usada en Redes privadas e a 156/2011 correspondente ao Regulamento de Redes Privadas de Datos. As novas entrarán en vigor nun prazo de 60 días posteriores á data de publicación na Gaceta Oficial. Trala súa posta en práctica estas tres serán derrogadas, pois entre outras cuestións, están dirixidas só a persoas xurídicas.

Estas novas instrucións habilitan a importación para persoas naturais, sen carácter comercial, de equipa de tecnoloxía inalámbrica que cumpran as normas establecidas. Para iso, deben realizar unha solicitude antes da súa entrada ao país ou posteriormente, no caso de que o equipo sexa retido por autoridades aduaneras. A autorización pode solicitala a través do portal informático do Ministerio de Comunicacións, correo electrónico, ou persoalmente nas Direccións Territoriales da Unidade Orzamentar e Técnica de Control do Espectro Radioelectrónico (UPTCER). Paulatinamente prevese comercializar na rede minorista os equipos homologados.

Os usuarios poderán coñecer nas páxinas do ministerio as normas técnicas para a frecuencia establecida para o uso de persoas naturais (2400-2483.5 MHz e 5725-5850 MHz), o enlace a eses produtos e a marca do equipo. Tamén será posibel posuír e utilizar antenas exteriores ao domicilio por persoas naturais e as súas redes privadas para enlazarse coas redes públicas (áreas WIFI de ETECSA). Para iso, é necesaria a licenza de operación para o uso da antena en exterior, a cal terá un valor de 10 pesos (CUP) e unha vixencia de cinco anos. Como requisitos para tramitar esta licenza as persoas naturais deben ser propietarias do predio. No caso de traballadores por conta propia, nos locais onde exercen as actividades aprobadas, rexerá a autorización previa do arrendador, propietario ou utente do inmoble.

Habilitase a licenza de operación de redes privadas de datos (terrestres ou sen fio) para persoas naturais, en exteriores ao domicilio. No caso da conexión sen fio, esta pode alcanzar as vivendas dun edificio e outras dentro da mazá onde se atopa o núcleo da rede, sen atravesar vía pública. Para chegar a outras persoas que pertenzan á rede privada doutra mazá poden facer uso da conexión sen fio con antena exterior que non exceda dunha  potencia radiada efectiva de 100miliwatts (aproximadamente 300 metros). Xa que logo, unha comunidade de amigos ou veciños poderá conectarse para compartir información. A licenza de rede ten un valor de 10 pesos (CUP) e unha vixencia de dous anos.

Os usuarios que posúan redes privadas no interior dos seus domicilios, coñecidas como RPAN (sen fins de lucro) non necesitan licenza,  sempre que non excedan os 100mW  (300 metros).

A Revolución Cubana desenvolveu xa dende a guerra, comunicación activa para solidariedade cos pais do sur, malia dispor no interior dun sinal de radio, TV e telefone interferido polos EUA. A posta en marcha de Radio Martí dende Miami en 1985, non cumpriu ningunha das metas trazadas, e o imperio duplicou a dose en 1990 coas antenas de TV Martí, que transmitian 1.800 horas semanais, a un custe de máis de mil millóns de dólares en pouco máis de tres décadas. A invasión de sinal contra a soberania de Cuba,  foi a operación máis custosa, corrupta e inútil na longa historia de propaganda dos EUA. Radio e TV Martí non se viron nunca nin en Cuba nin nos EUA pois unha equipa de enxeñeiros de telecomunicación de Cuba bloqueou efectivamente o sinal.


Coincidindo coa renovación e o acceso universal da rede dixital  de Cuba, o director da Oficina de Transmisións cara a Cuba (OCB) dependente do goberno dos EUA, recoñeceu que as emisoras que transmiten para a illa dende a outra beira do Estreito da Florida precisan un cambio radical. En declaracións ao Novo Herald , Tomás Regalado, director da OCB, deu conta dun informe gobernamental sobre o labor de Radio e TV Martí, no que se cualifica de pésimo e inútil o  xornalismo que producen. A revisión de obxectivos destas redaccións, xenerosamente pagadas polo goberno dos EUA, comezou depois de as estacións transmitir unha serie de reportaxes manifestamente anti-semitas sobre o millonario George Soros. Mentres o goberno de Cuba normaliza o acceso dixital remoto, a artilleria da calumnia e o insulto contra a Revolución Cubana entra en fase de liquidación por problemas cos seus propios patrocinadores.



“América está a beira de grandes vitorias, se resiste como Cuba e Venezuela” (Jorge Arreaza na Habana)

Cubavisión – Axencias – Terra Sen Amos

“Debemos resistir con forza, para realizarmos as grandes vitorias que están en portas da nosa América, un territorio en disputa entre o imperialismo norteamericano e os pobos”, asegurou Jorge Arreaza, chanceler de Venezuela, no acto de solidariedade celebrado na tarde da Segunda na Universidade das Ciencias Informáticas de Cuba (UCIC). “Nós non estamos a espera de que nos disparen: estamos na ofensiva e sorprendendo ao imperialismo”. Na opinión do ministro de Estado, todo o vivido ao longo da historia de Venezuel, son capítulos dun asalto ás reservas de petróleo máis importantes do planeta. No encontro transmitido en directo por Cubavision participaron alumnos, profesores e o rector do centro Walter Baluja e asistiron a vice-ministra cubana de Estado, Anayansi Rodríguez Camejo; o secretario executivo do Alba, David Choquehuanca;  o embaixador da República Bolivariana de Venezuela, Adán Chávez, e representantes do corpo diplomático latinoamericano acreditado na Habana.

Jorge Arreaza durante o seu parlamento na Universidade de Ciencias Informáticas de Cuba.

Arreaza comezou dicindo que antes, os recursos estaban gobernados polo imperialismo mais se hoxe preguntamos onde está o petróleo, a resposta é: na atención médica, nas escolas, na educación; o Comandante Chávez investiuno no pobo.


O Chanceler fixo sumario das agresións lanzadas contra Venezuela nos últimos anos, con atención especial ao sucedido dende 20 de Maio de 2018, data da reelección de Nicolás Maduro por sufraxio democratico, da que se cumpria un ano no intre do discurso. Explicou que en 2017 desatouse a violencia da dereita: “o que chamamos guarimbas, terrorismo político, destrución da propiedade e de vidas, o intento de queimar vivos 29 venezolanos, 9 dos cais faleceron. Todos eran negros, mulatos ou morenos, pois aquelas turbas do estrago e a destrucción, cando vían a unha persoa de pel escura, quizais un traballador ou obreiro, dicían: Eis un chavista. A algúns queimáronnos e mallaron a moitos outros. Maduro deu co remedio: estudou a Constitución e deseñou unha fórmula de paz: convocar ao pobo á Asemblea Nacional Constituinte (ANC) mais a oposición, lonxe de sumarse ao proceso democrático, inzou máis violencia.


“Instalada a ANC, remata a violencia”, dicía Maduro, porén, o Chanceler non puña a man no lume. “Mais, meu dito meu feito: fomos ás eleccións 30 de xullo e ese mesmo día ocorreu a última expresión de violencia daquela fase. A oposición falaba de que só 2 millóns e medio de venezolanos irían ás urnas. Os nosos expertos dicían que 5 millóns e finalmente tivemos máis de 8 millóns de votos. Gañamos 19 de 23 Gobernacións. Unha malleira electoral. Nas seguintes, municipais, a oposición non quixo participar: sabía que perderían outravolta”.

No entanto, comezaba a mesa de dialogo na República Dominicana. Á oposición non lle quedara outra que sentar a negociar. Prevendo comicios presidenciais en decembro (por costume de facelos acair no mes terminal do mandad) teimaron por causa de negociaren un candidato, mais en xaneiro, o subsecretario de Estado dos EUA John Sullivan, dixo que o seu país non recoñecería ningunha elección en Venezuela.

“Para 7 de febreiro, fixemos coincidir a asinatura do acordo cunha cea cos embaixadores da Unión Europea, algúns deles afervoados compromisarios da oposición venezolana. Pois ese dia, diante do acordo que eles reescribiran unha chea de veces, a oposición negouse a asinar.
Deseguida tivemos novas de nesa mesma data o Secretario de Estado dos EUA, Ted Tillerson, conferenciar co presidente de Colombia naquela altura, Juan Manuel Santos. Déranlle contraorden á oposición de non asinar. No primeiro pediron 4 semanas máis e finalmente non se inscribiron ás presidenciais e boicotaron a Henry Falcón, quen hai pouco censuráballes non habelo apoiado como candidato ás eleccións do 2018. De feito, determinaran sabotar as eleccións e por iso desde un mes antes, a Unión Europea, Canadá e EUA falaban de fraude”.

“Xaneiro, na elección anual da directiva da Asemblea Nacional en desacato, sae Guaidó, chamado Guiado polos propios norteamericanos que non lle daban acertado co nome. Guaidó ou Guiado, procedente da formación política máis violenta, a de Leopoldo López, auto-nomease presidente de goberno nunha avenida de Caracas e o vice-presidente de EUA Mike Pence, recoñéceo minutos depois; a seguir fíxoo Mike Pompeo, actual Ministro de Estado de Trump, e un nada depois, os presidentes de Colombia e Chile, Iván Duque e Sebastián Piñera. Donald Trump avaliouno horas máis tarde. Así comeza un novo acto do golpe de Estado”.

O Chanceler Arreola dixo que calquera visitante de Venezuela entre 2006 e e 2012 repararía nos beneficios entregados ao pobo, e mesmo ironizaban que o país avanzaba cara ao consumismo e non ao comunismo. Que a Revolución cometeu erros? Certo. Que hai corruptos? Hainos, e que caia sobre eles o peso da lei. Ante o Consello de Seguridade afirmamos que o golpe de Estado fracasou, e cal foi a resposta do representante dos EUA?: “Agora imos arruinar a súa economía”.

“No primeiro confiscaron CITGO (corporación petroleira encargada de refinar e comercializar gasolina, lubricantes e petroquímicos venezuelanos nos EUA, con central no Corredor Energético de Houston (Texas) e gasoliñeiras por todo o país) CITGO está valorada nuns 30 mil millóns de dólares. John Bolton (asesor de seguridade de Donald Trump) anunciou que Guaidó ten lista unha lei para as petroleras estadounidenses poder investir na faixa petroleira venezuelana, algo que non permite a Constitución da República Bolivariana”.


Recordou Arreaza a declaración do ministro español de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, cando dixo que convenceran (ao Governo de Madrid) de que “derrubar o goberno de Nicolás Maduro ía ser cousa de horas”. Preguntáronlle quen os convencera e respostou con claridade: “Os norteamericanos”.

“O globo do golpe perde gas e del non vai quedar mais que un mal recordo -di o Chanceler- ainda que a loita continúa. Benvido sexa o dialogo, a paz, o entendemento. O mellor sería que os EUA asuman un proceso de achegamento. A mala folla dos seus asesores levaos de fracaso en fracaso. Aprendan da experiencia e sentémonos falar como Gobernos de países civilizados”.


Agradeceu a firmeza de Cuba contra o chamado Grupo de Lima, do que dixo que en xustiza deberian dar o nome de Grupo de Washington, e asegurou que Venezuela ten 215 mil activos, entre oficiais e soldados, e máis de 2 millóns e medio de milicianos bolivarianos. “Bolton fala de que deben regresar 20 mil soldados cubanos. A quen se refire?: aos médicos, aos docentes da arte e do deporte, aos que fan terapia, aos que ensinan a ler e escribir?”

Sobre o arrecho bloqueo económico contra a súa nación, citou que o NovoBanco de Portugal bloquea 1.547 millóns de euros e que hai outros 1.323 millóns en igual condición en bancos ingleses. En total son case 6 mil illóns de euros propiedade do Estado Bolivariano dos que non pode dispor.

Arreaza asiste en Cuba a reunión consultiva, a nivel de ministros de Estado  dos países da ALBA-TCP (Alianza Bolivariana da nosa América- Tratado de Comercio dos Pobos)  “Os procesos de integración estan na ruina:  UNASUR está no conxelador; non morreu, acordarémolo en calquera momento. CELAC ten cativa actividade. Queda o ALBA, hai que defendelo porque é o corazón da integración rexional.  ALBA é a MISIÓN MILAGRE, a loita contra o analfabetismo, é PETROCARIBE para o petróleo venezolano asistir ao desenvolvemento dos pobos irmáns do Caribe.
Estamos ás portas dun proceso histórico distinto, de grandes vitorias, e veremos como a correlación de forzas regresará aos pobos e como se revirte a onda conservadora, xa sexa a través de eleccións ou doutros procesos”.

“Só hai que resistir como fixo o pobo cubano, e loitar –dixo Jorge Arreaza ao termo da súa intervención-. Eles (a oposición venezolana e o goberno dos EUA) están seguros de Maduro ter dias abondo por diante e o propio Trump tivo que recoñecer que o presidente de Venezuela era un top player, un xogador excepcional, un óso duro de roer. Temos forzas espirituais e históricas que chegaron ao poder para defender a nosa capacidade de soñar”.

Historia dun fuxido con sede de vinganza

Rosa Miriam Elizalde – La Jornada

Esteban Ventura Novo era dono da finca El Rosario, sur da Habana, un muro de manposta encerrando unha devesa con casa grande arrodeada de outeiros con herba lanzal peiteados polo alisio.



Esteban Ventura Novo, o asasino do traxe branco, nunha foto publicada en Paris Match en 1957

A foto en branco e negro que retrata ese paradiso instantáneo ten máis de sesenta anos. Ao entraren os rebeldes (1 de xaneiro de 1959)o propietario voaba cara a República Dominicana no mesmo avión no que fuxia cos seus homes de confianza o dictador Fulgencio Batista. A revista Bohemia contaba o que foron atopar os barbudos dentro da mansión campestre do torturador de máis sona de Cuba: unha cámara de música con mobles taraceados en ouro, dormitorios climatizados, piscinas, bar, unha sá de xogo, merendeiros e rendeiras para nenos nos xardíns, unha caixa forte con contas de banco (a máis modesta de un millón de dólares) un canón antiaéreo de calibre 30, fusís M-1, 171 granadas, 6 ametralladoras co parque disposto e varias pistolas. Non había biblioteca. O único impreso en toda a mansión era unha guía telefónica.

Ventura Novo era coñecido popularmente como o asasino de branco, sempre de chaqueta e pantalón de dril 100 ou de liño albal inglés. Fachendeaba de aristócrata, malia ter nado na miseria e ser o seu oficio coñecido o de cortador de cana antes de apuntarse de voluntario no Exército. Chegou a coronel da policía e, elegantemente vestido, sentenciaba tortura e morte co mesmo desapego burocrático de quen dicta unha ficha, a distancia para non manchar a roupa.

No depósito de cadáveres da Habana, un bloque de dous andares no arrabaldo, entraran máis de 600 corpos de homes e mulleres mortos por electrocución, golpes, forca ou bala, entre marzo de 1952 e decembro de 1958, anos de gloria da carreira policial do asasino de branco. A cifra equivalía ao cinco por cento dos asasinados neses anos polas forzas represivas da ditadura de Fulgencio Batista, segundo o cálculo do director da instalación, publicado tamén por Bohemia en febreiro de 1959. Moitos máis aparecerían despois en enterramentos clandestinos; outros nunca serían atopados. A meirande parte eran vítimas inocentes ás que lle tocaba pagar, sen motivo ningún, pola explosión dunha bomba, o atentado contra un uniformado, ou calqueroutra manifestación contra a ditadura.

Ventura Novo morreu de vello en Miami, con 87, no 2001. Nos seus anos de desterro, voluntariou en varios grupos terroristas. Por causa da súa nomeada carreira, recibia protección do goberno dos EUA, que ignorou todas as demandas de extradición de criminais ao servizo de Batista, en virtude dun acordo existente dende 1906. Novo vivia coa esperanza de recibir compensación polas súas propiedades en Cuba e agardou até o último día da súa vida que se producise a intervención imperial na illa, e a esperada licenza para matar esquerdistas. Un dos seus admiradores, Esteban Fernández, lendo a esquela de Novo nun programa de radio na Florida, pediu a invasión de Cuba cos métodos do celebrado asasino: “E se non hai forcas abondas, que tiren con eles ao mar porque ao pais cómprelle unha boa limpeza xeral!”.

A Lei Helms Burton veu dar soporte legal e atribucións ao Bloqueo, dende 3 de marzo 1996, mália a reserva aplicada ao máis rechamante dos seus artigos xusto até 2 de maio pasado. Dende esta data permítese aos antigos propietarios na Illa e aos seus herdeiros con nacionalidade estadounidense, entablar demandas en tribunais de Estados Unidos. Tamén aos herdeiros de Esteban Ventura Novo, que non ven chegada a hora de regresar a El Rosario e demandar en virtude do Título III da Helms Burton, indemnización de terceiros países cuxos negocios en Cuba interesaran propiedades nacionalizadas e confiscadas polo goberno r ao abeiro da Constitución cubana de 1940.

William Clinton, George W. Bush, Barack Obama e mesmo Donald Trump conxelaran esta disposición sen precedentes na xurisprudencia internacional. A partir do pasado 2 de maio, o Emperador Laranxa franqueou as demandas en tribunais, sen distinguir entre ladróns, asasinos en fuga, ou empresarios de seu que fixeran capital na Illa e á súa hora negáranse a cobrar compensacións do goberno cubano -como si fixeron suizos, franceses e españois?- porque levedaba ainda a invasión de Praia Girón (1961) ideada para restablecer a nosa colonia de Cuba, como dixera o historiador da Universidade de Columbia Leland Jenks.

A finca El Rosario, a 40 quilómetros da Habana, é hoxe un Fogar de Anciáns. As avóas e avós que viven alí, escoitan o nome de Esteban Ventura Novo cun debeño de noxo, mais nin se aquelan cando o vento do Norte morde outra vez con cairos longos. Como se for a ira, a vinganza, a tolemia e a traizón moral en Hamlet, só que nunha dramaturxia repetida sen éxito dende hai máis de medio século.

A opinión pública, a prol dos defensores da Embaixada de Venezuela en Washington

Carme Glenn Ribeira – Albany

Na quarta feria, cando Jesse Jackson, arquetipo da loita polos dereitos civis nos EUA, entregou verbas de ánimo e víveres aos catro activistas norteamericanos que defendían a Embaixada Venezuelana en Washington, un relente debeu pasarlle polas costas a Mike Pompeo, ministro de Estado do goberno Trump, porque a cada que os valedores do dereito internacional contra a soberbia e o abuso de Trump precisaren de novo auga ou alimentos, unha figura pública poderia levárllelos e sería imposibel que axentes do servizo secreto ou do golpe organizado contra o goberno lexítimo de Venezuela de parte da Casa Branca, puidesen evitar que a foto cruzase o mundo tal e como pasou todas as veces que a febre rompeu a compostura dos arrabeados sitiadores do espazo da Embaixada defendida por norteamericanos amigos leais de Venezuela.

Axentes do FBI ocupan a Embaixada Venezuelana en Washington contra toda norma internacional

O arrepio porque a foto con cornos do ministro imperial do golpe falido contra Venezuela puidese correr o mundo, decidiu aos alabardeiros de Trump lanzar a ocupación da Embaixada, mesmo que violasen os artículos 32 e 45 da Convención de Viena, que garante que o Estado receptor debe defender a sede diplomática e, no caso de una ruptura de relacións,  a custodia da embaixada seria responsabilidade dun terceiro Estado aceptado por ambasdúas  partes.

O colectivo que defendeu a embaixada xerou unha onda de simpatía e apareceu como vitima palmaria do abuso do goberno dos EUA e da grea dereitista que debece polo golpe contra o goberno elexido por maoria de votos en Venezuela. O que logrou Pompeo co seu desmande, foi romper o cerco imposto a verdade sobre o que está a acontecer en Venezuela. A fenda que deixa aberta a orde de botar violentamente da Embaixada de Venezuela ao feixe de defensores norteamericanos, mal pode ser pechada. Moitos a comparan ao andacio que padeceron tres presidencias estadounidenses en Vietnam, cando as imaxes do xenocidio imperial brillaron nos media mentres a Casa Branca e o Pentágono miraban de fite o plano de operacións e desprezaban a opinión pública democrática, convencidos de a superioridade armada ser a fin de contas quen escrebe o nome do gañador, un erro capital que ten contraste e sentenza nos anais da historia, mesmo que adoite ser desprezado polas grandes acumulacións de armas e diñeiro.

Trump prepara cinco mil mercenarios para aplicar a Doutrina Monroe

Granma – Terra Sen Amos

A licenza para facer o que se queira en política internacional, outorgada aos EUA por Donald Trump e os seus asesores, dalle ao xefe de a Casa Branca licenza para anunciar que esta semana «habera moitas novidades en Venezuela, algunhas delas dramáticas»; outravolta dixo que «todas as cartas están encol da mesa», un xeito de ameazar que baralla o uso da forza militar. Segundo Trump, Maduro «está a perder o control do país» polo que EUA proxecta un golpe maior ca o orquestado trala liberación de Leopoldo López que durara un santiamén. A axencia Reuters, pola súa banda, contou que a empresa Academi (anteriormente coñecida baixo os nomes de Xe Services LLC, Blackwater USA e Blackwater Worldwide) estaria formando por encarga da Casa Branca un exército mercenario de 5.000 soldados, co fin armar unha guerra civil en Venezuela. Ameaza que foi denunciada polo Goberno bolivariano, como unha proba máis de quen paga e organiza as protestas da oposición.

Enviar ficheiros

O plano dos mercenarios xorde a raíz dos calamitosos intentos de subornar militares da Forza Armada Nacional Bolivariana, un proceso que culminou co lanzamento da falsa nova de o xefe do exército Vladimir Padrino, recibir ordes da Casa Branca. O infundio foi desmentido polo propio oficial en xefe mediante diversos comunicados. «Eles non teñen xente, e no chavismo non van conseguir o que están buscando. Trátase dunha gran campaña mediática internacional para que a xente crea que o pobo está dividido», dixo o xefe da Asemblea Nacional Constituyente Diosdado Cabello, sobre as mentiras lanzadas polo enviado especial dos EUA Elliott Abrams sobre unha presunta conxura entre Padrino e o imperio.

A ARMA NON CONVENCIONAL

Espalladas polo goberno de Washington as trolas inzaran e o ministro de Estado Mike Pompeo, querendo negar seu fracaso do 30 de abril, anunciou que «Maduro permaneceu en Caracas, porque Moscú obrigouno a facelo», unha falsidade que reforzaba outra trola denanterior, tamén lanzada por eles: a da trama rusa en Venezuela.

«Se recordamos todas as afirmacións dos representantes oficiais da administración estadounidense sobre Venezuela, non remtarán as preguntas sobre elas, e a resposta a todas esas preguntas será: non é certo», asegurou Serguéi Lavrov, chanceler ruso.

A tolemia da administración Trump ameaza ao hemisferio e aos propios Estados Unidos, no momento en que o imperio xa está creando un grupo de presión nas Nacións Unidas para impoñer unha axenda de intervención e guerra contra Venezuela, á cal Rusia contrapon outro grupo de países, co fin de que non se viole o xa fráxil equilibrio político internacional. Os planos no seo da ONU servirian de coartada ao exército mercenario que están a formar.

Lavrov explicou que o grupo pode contar cun apoio considerabel na organización, baseado nun obxectivo claro: defender normas e principios fundamentais da Dereito Internacional, fixados na Carta da ONU. O chanceler ruso citou unha conversa de alto nivel con Mike Pompeo, onde lle advertiu sobre a improcedencia da Doutrina Monroe, noo entanto Rusia non interfire nos asuntos internos dos Estados. «Creo que esa intención anunciada de volver a unha doutrina que ten 200 anos reflicte a falta de respecto cara ao pobo venezolano e os países de América Latina», apuntou Lavrov.

A Doutrina Monroe, de 1823, é famosa pola sentenza do presidente James Monroe: «América para os americanos», ou a licenza arrogada por EUA para actuar de xeito impune e exclusivo na área latinoamericana.