Todalas entradas de Terrasenamos

O deputado Alberto Pazos ofrece axuda do Parlamento Galego ao rapeiro cubano Yotuel, contra o que non se segue causa nin ameaza

Rosa Bentraces –TSA

Alberto Pazos Couñago, deputado fraguista no Parlamento Galego,  ven de reclamar alarma preventiva con intervención emerxente a prol do rapeiro cubano Yotuel,  para  defendelo dende Galiza de opinións críticas aparecidas na Rede contra o cantante.  O rapeiro non ten denunciado  ás autoridades do seu país maltrato nin ameaza en concreto, mais o deputado de Redondela, moito máis informado que a presunta vitima, di que o artista está “acosado, perseguido, amenazado e insultado” polo que ofrece “a nosa solidariedade desde o Parlamento Galego”, un plural que implica a toda a Cámara sen que poda o universo votante saber se esta demanda auxilio desde o Parlamento fala en Comisión, interpela co permiso do seu grupo ou actúa como voceiro da bancada dos conservadores.

Alberto Pazos, deputado do PP, debería identificar ao causante do delicto que dinque cometen contra o seu protexido o rapeiro cubano Yotuel

Segundo informacións seguras obtidas por Terra Sen  Amos, o rapeiro Yotuel non está detido nin denunciado; non se lle segue causa ningunha e non ten sido obxecto de reconvención, aviso ou recomendación cautelar de parte das autoridades do seu país, o que poderia facer sen dúbida do rapeiro habaneiro a envexa de Pablo Hasél, que vivindo na idílica Unión Europea está na cadea por reclamar xustiza en letras airadas que os xuices do Supremo consideraron pública gabanza de métodos violentos (terrorismo, na cualificación da xustiza) e ainda está na espera doutra sentencia por  se ter manifestado en 2018 diante da Subdelegación do Goberno.  Para información do deputado Pazos e do seu protexido Yotuel,, o rapeiro Hasél está na cadea por facer uso de dous dereitos centrais: o de expresión e o de manifestación.

Para comprendermos de donde son os cantantes coma Yotuel, e a razón de o partido de Alberto Pazos, o PP tan afogado de procesos por sobres de cartos con chantaxe, vivir baixo ameaza de revelacións de delictos que comprometen ao seu mesmo consello de venerábeis, debemos saber que o rapeiro fora invitado antes a unha sesión do Parlamento Europeo pola bancada da dereita, para que volvan os tempos famosos de Aznar nos que o asunto cernal e imperioso da política da UE consistía nunha estratexia emerxente para acabar co goberno lexítimo de Cuba.

Como un Parlamento que representa a 320 millóns de persoas do Norte Rico, dá protagonismo a un ninguén que afirma falar en nome de toda Cuba, non se comprende sen identificar o temor de Miami de quedar aparcado por  unha política de diálogo con Habana, de parte de Biden. O desafío das dereitas ricas de Europa é probar que son máis combativos coa esquerda que as beiras de Le Pen, de Vox, dos neo-musolinianos do Norte, do goberno racista de Budapest e dos fundamentalistas de Varsava. Eis a cara de abraio de Borrel, como se lle aparecese de súpeto un cabalo voador, cando nunha comparecencia indica que o risco do mundo está no goberno de Caracas, ou na independencia sagrada de Cuba que sabe atender a Pandemia mellor que a presidenta Ursula von der Leyen e o seu coro de asesores ben pagos que anda a couces cos bancos secuestradores de vacinas.

Sabían que Yotuel , famoso por decreto de telexornais reaccionarios, dixo no Congreso  de Madrid, tamén invitado polos coroneis de Alberto Pazos, que a súa formación verdadeira en liberdades democráticas procedía dos tribunais luminosos da Coroa, luz de Occidente, xusto no intre de a deusa da xustiza erguer a venda e chiscar un ollo aos carcereiros de Hasél?

O sitio Cubainformación recorda que a fronte dos que reclaman nos EUA arriar o Bloqueo é ben máis importante en número e credibilidade que a aparición tramposa de meter como primeiro da lista dos máis vendidos un sermón de Yotuel co título Patria y Vida, ben doado de entender nungrupo de tanxedores desesperados de non poder levar un mal cooncerto a boca durante a pandemia, e tentados como non, polos rañaceos da acumulación colonial, do anticomunismo e da moral do reparto desigual de vacinas.

O embaixador da UE en Cuba chamado a consulta por dicer que o bloqueo e ilegal e inmoral

Axencias – Terra Sen Amos

Alberto Navarro, embaixador da Unión Europea en Cuba, foi convocado a consulta a Bruxelas por ter respaldado un escrito de máis de 790 asinaturas contra o Bloqueo que puxo de cuñas a bancada da dereita da cámara de Bruxelas, encirrada polo PP español. Respondendo as alporizadas preguntas da información da Hispanidade, o diplomático, que ten máis de 40 anos de experiencia, dixo que o Bloqueo era inmoral e contrario ao dereito internacional, e que el, como diplomático con máis de 40 anos de experiencia, sempre se declarou contra o asedio dos EUA a Cuba. O embaixador acrecenta que a UE non pode dar clases de democracia a ninguén.

Vinte cadeas de hoteis da UE en Cuba están baixo ameaza de sanción por leis extemporáneas aprobadas por Trump no final do seu mandato.

“Nós partimos da base de que no hai sociedades perfectas e non queremos darlle leccións ao resto do mundo –manifesta Navarro a redación do sitio Cubanet– . Xa abonda de guerras no continente europeo, que nós chamamos guerrras mundiais malia que fosen guerras nosas exportadas ao resto do mundo. A experiencia das relacións internacionais vista desde Europa, invítanos a compartir experiencia con outros paises e ver como podemos mellorar na prática e aprender uns dos outros”.

O embaixador dí que non lle corresponde a UE interferir no goberno de Cuba porque iso é competéncia do pobo cubano. “Como socios e amigos, temos un Acordo de Diálogo Político e Cooperación asinado hai pouco máis de tres anos e intercambiamos experiencias. Temos acordos deste teor con máis de 60 paises do mundo. Con a China, por exemplo, imos xa polo acordo número 35”.

É a primeira vez que un diplomático da UE pon en dúbida o dereito de Europa a sancionar terceiros pola súa maneira de se gobernaren. “Nós –afirma- non somos xuizes nin damos clases de política porque iso sería impropio dunha organización coma a UE que ten relacións con todos os países dun mundo onde non existe unha sociedade perfecta. Podemos, por exemplo,  non estar dacordo coas penas de morte nos Estados Unidos ou noutros paises, mais nós non as mencionamos nos diálogos que mantemos con eles”.

Entre os asinantes da carta de protesta,coa que se solidariza o embaixador , hai persoas directamente agredidas pola aplicación do Título IV da Lei Helms Burton en todo o mundo, considerado inaplicábel mesmo entre empresarios dos EUA con negocios na illa.

Novos capítulos da permanente guerra cultural contra Cuba (I)

Misión Verdade, 12 de febreiro de 2021.

Máis do 70% da poboación cubana naceu baixo o bloqueo de Estados Unidos cara a Cuba, único do seu tipo no mundo pola súa duración pero tamén pola capacidade do pobo para resistir e sortear unha agresión continua. Iso moldeou o ser e facer da sociedade cubana. Costumes, hábitos, modos de vida, condutas, percepcións, creación e referencias da cultura cubana foron anotados a pé feito polo goberno dos EUA, nomeadamente na interacción cos novos elementos de comunicación centrados en Internet e as redes sociais.

A arañeira de medios de comunicación e propaganda ben pagos polo goberno dos EUA para intoxicar Cuba, traballa arreo nas redes sociais da illa para vender insolidariedade, individualismo, monetarismo e privilexios para os ricos.

O Movemento San Isidro (MSI) aparece na escena política logo de o goberno de Cuba publicar, en xullo de 2018, o decreto 349/2018 que regula a actividade artística e aparecer obxeccións entre artistas cubanos. O instrumento legal entraría en vixencia 7 de decembro, pero foi criticado por figuras que apoian ao goberno revolucionario, como Silvio Rodríguez, e recibiu forte oposición doutros artistas, entre os que se contan algúns que participan do mercado artístico global.

As protestas contra o decreto, algunhas violentas e levadas a cabo con desafío das leis, ocasionaron detencións a persoas vinculadas ao MSI que buscaron escalar o conflito antes que dialogar, mesmo despois de seren liberados.     O debate e diversos encontros entre autoridades e sectores da cultura, precederon a decisión do goberno de suspender o decreto e sometelo a revisión.

A campaña do MSI buscou involucrar a quen apoian criticamente o novo estatuto e xerar polémica entre activistas e profesionais da cultura, apoiados pola embaixada dos EUA na Habana que, no seu momento, publicou chíos en defensa da liberdade artística, cun lema ben pouco diplomático: Non ao Decreto 349. O persoal da embaixada ten intervido nos medios de difusión que o seu propio goberno finanza, para criar opinión sobre detencións e incidentes. Membros do MSI protestaron 9 de novembro de 2020 pola detención do rapeiro Denis Solís, que fora sentenciado a oito meses de cárcere por agresión a un oficial de policía. Seguiron protestas en nome da liberdade de expresión e  a liberación de Solís.

Pasaran tres meses destes sucesos, e foran convocadas no mesmo lugar tres persoas relacionadas cos feitos de novembro anterior para abrir un espazo de diálogo. Un grupo de 30 concentrouse fronte ao Mincult (Ministerio da Cultura cubano) para protestar contra varias detencións ocorridas ese mesmo día. O vice-ministro de Cultura, Fernando Rojas, invitounos a dialogar mais o grupo recusou a oferta.

A seguir, o ministro de Cultura, Alpidio Alonso, presentouse na reducida concentración e, logo de un dos manifestantes achegarlle o teléfono celular á cara, Alonso apartou o aparato que lle estorbaba a conversa co grupo, e o portador aproveitou a escusa de ter perdido o control do móbil para detonar un espectáculo mediático ao que se sumaron determinados medios dixitais difundindo o relato dunha “arremetida violenta contra os pacíficos manifestantes fronte á sede da institución”.

Tres persoas foron convidadas a dialogar na sede do Ministerio de Cultura cubano pero o MSI optou por unha manifestación para avivar o conflito e a opinión demagóxica de o Goberno dos EUA.

O presidente cubano Miguel Díaz-Canel denunciou as accións promovidas contra funcionarios e entidades do Estado, en actuacións provocadoras que parecen ignorar o asañamento do Bloqueo contra Cuba (1)

De xeito sincronizado, en Miami, a sucursal do MSI, manifestouse a prol dos detidos e os supostos agredidos. Como é sabido, os feitos de novembro tiveron eco mediático ao se declararen algúns membros do MSI en folga de fame para reclamar a liberdade de Solís.

A novidade, que non o é tanta, é que se circunscriba a polémica en torno ao Mincult; iso dá unha idea da axenda en curso. Non se trata só de combater unha decisión legal senón de negar o diálogo, ofrecido en múltiples ocasións, para atizar o conflito. As transmisións en vivo en redes sociais (coma Facebook Live) evidencian que o fin é a propaganda, tal como aparece ás claras no chío da Embaixada de Estados Unidos en Cuba.

Xaneiro 29, medios como Cibercuba aseguraban a detención dos rapeiros Maykel Osorbo e Omar Mena do MSI ao saíren das súas casas na Habana e Santa Clara, respectivamente. Outro detido sería o artista Luís Manuel Otero Alcántara cando se dirixía a manifestarse ao Capitolio.

Outras denuncias foran as da detención do rapeiro Maykel Castillo, integrante do MSI á saída da súa vivenda, e do artista Yasser Castellanos fronte á escaleira do Capitolio. O mesmos medios que deron a nova, indicaron que os detidos foron liberados horas despois; con todo, a narrativa vitimista persiste.

Febreiro 2, un reporteiro do sitio ADN Cuba, administrado desde Estados Unidos, recoñecía nun vídeo que circulou polas redes, recibir entre 150 e 200 dólares para cubrir a información.

Cubalex, unha ONG que funciona con fondos provenientes da National Endowment of Democracy (NED) e que en Cuba ten como voceira a Tania Bruguera, chamou a tomar o Capitolio da Habana, coma na recente incursión en Washington.

Quen quere ser mercenario? O negocio dos fondos

A propaganda viral busca mostrar ante o mundo un clima de ingobernabilidade en Cuba respondido polo goberno mediante un escurantismo incurabel o que estaria dando lugar a un clima xeral de desconfianza e descrédito de cara ao goberno.

En 2013 un informe publicado pola Oficina de Responsabilidade Gobernamental de Estados Unidos (GAO polas súas siglas en inglés) dixo que a administración Obama impulsara unha rede social equivalente a Twitter chamada Zunzuneo que pretendía construír unha audiencia cubana, na súa maioría persoas novas, que logo sería inducida a disidencia. Así o recoñeceu o entón administrador da USAID, Rajiv Shah.

En xuño de 2017 o expresidente Trump volteou os sinos a rabear contra políticos, xornalistas, escritores e artistas defensores da Revolución Cubana creando a O Comando Especial para Internet por vía dunha disposición da Presidencia, co obxectivo de contratar netcenters (manexadores de bots), cibermercenarios e youtubers organizados a traveso dos medios creados, organizados e pagos por Washington.

Orixinal publicado por Misión Verdad e traducido ao Galego para TSA por Rosalía Eiras.

Nota

1 https://platform.twitter.com/embed/Tweet.html?dnt=false&embedId=twitter-widget-0&frame=false&hideCard=false&hideThread=false&ide=1354610865664909312&lang=é&origin=https%3A%2F%2Fmisionverdad.com%2Finvestigaciones%2Fnuevos-capitulos-de-a-permanente-guerra-cultural-contra-cuba&theme=lixeiro&widgetsVersion=889aa01%3A1612811843556&width=550px

The New York Times cualifica de alarde científico conseguir a vacina cubana “Soberana 2” baixo o encarnizado bloqueo de Trump

Terra Sen Amos – Axencias

O diario The New York Times salienta esta semana que Cuba está na soleira dun avance científico sensacional: a produción a grande escala dunha singular vacina contra o Coronavirus, ideada e realizada na illa. O xornal recoñece que un alarde científico e técnico desta magnitude, debe considerarse heroico ao estar Cuba baixo un bloqueo dos EUA que, durando xa  60 anos, nunca tanto se agravara coma coas multas do goberno Trump a calquera fabricante do mundo disposto a vender equipa ou material de laboratorio aos centros de investigación da illa.

O paso da Soberana 2 para a terceira fase, é recibido e en todo o mundo con xuizos positivos para o a eficiencia da biotecnoloxia cubana. A imaxe recolle unha administración controlada da Soberana 2 en Cuba, durante a segunda fase de probas.

Respondendo a preguntas do NYT, científicos dos laboratorios cubanos, contan que o bloqueo non lles permitira acceder a materias primas nin a instrumental coma reactivos ou espectómetros para control de calidade.

O xornal parece celebrar que unha das catro vacinas logradas pola investigación cubana estea a piques de pasar todos os controis internacionais e situar a illa en condicións de vacinar toda a poboación e iniciar a exportación.  O nome da vacina, Soberana 2, parécelle aos reporteiros estadounidenses “un chiscar de ollo ao orgullo patriótico de Cuba que resiste décadas de encarnizado asedio de parte do seu veciño do Norte”.

Richard Feinberg, cubanista da Universidade de California en San Diego, intervén na reportaxe para advertir que “para alén do fito médico e científico e do humanitarismo internacionalista de Cuba, é lícito esperar unha extraordinaria recompensa económica,  amais do recoñecemento universal para a biotecnoloxía farmacéutica da illa, que verá outros mercados abrírense aos seus produtos médicos”.

O diario sitúa o lanzamento da biotecnoloxía cubana a comezos da década de 1980, e recorda que foi compromiso de Fidel, quen, como líder da Revolución, quixo dotar a Cuba de autonomía médica para protexela do terrorismo estadounidense que atrancaba a obtención de medicamentos  producidos no estranxeiro. “O investimento público en saúde –engade a reportaxe- dotou a Cuba de medios para investigación e capacitación de médicos até un nivel que permite a illa compartir brigadas médicas con todo o mundo”.

O diario cifra en 5. 400 millóns de dólares os ingresos do país por servizos de saúde en 2019, o dobre do turismo, outro dos motores da economía, e sinala que a proba da capacidade cubana no sector bio-tecnolóxico está no feito de fabricar oito das 12 vacinas que administran á poboación infantil.  Cuba exporta vacinas a máis de 30 países.

O artigo cita a Gail Reed, directora de MEDICC Review, que cualifica a Cuba de xigante da biotecnoloxía, e recorda a importancia da vacina para pacientes de cáncro de pulmón , que está a experimentar o Roswell Park Comprehensive Cancer Center, de Nova York. A presidenta deste centro, Candice Johnson, ironiza sobre os que din que os medicamentos de Cuba  carecen de garantía, “pois é un feito probado que operan cos níveis de excelencia doutros países competidores neste campo de investigación”.  Johnson dí que, sen esas condicións,  non terían levado o específico cubano ao centro  Roswell.

Cuba, Irán, México

Superadas con pleno éxito dúas fases, a Soberana 2 entra nun terceiro treito de probas no que vai ser administrada a máis de 150.000 persoas en Cuba e Irán, interesada na vacina; é probábel  que México participe tamén nesta terceira fase.

A Soberana 2, é unha vacina de base proteiníca do Coronavirus e require tres doses administradas en intervalos de dúas semanas. A diferenza das de Moderna ou Pfizer, non precisa conxelación o que pode ser de interese para os países máis pobres que carezan de sistema de conservación a temperaturas extremas, condición que o artigo do NYT considera unha vantaxe de importancia.

O diario comenta o valor para a exportación desta vacina con tan baixo nivel de incompatibilidades e alude que podería ser administrada aos turistas en Cuba, unha circunstancia que fontes da investigación cubana supeditan ao fin principal de difundir  saúde e protección. “A nosa prioridade e a saúde e calquera outro beneficio  das vacinas deberá  vir a maiores de termos conseguido ese obxectivo”.

A reportaxe do NYT , profusamente citada polas grandes cadeas do norte, ven ao tempo no que medios de Cuba denuncian novos actos delictivos cometidos dentro da última campaña promovida dos EUA contra a illa. A TV cubana cita testemuñas de dúas mozas da provincia de Guantánamo que recibiran subornos de axencias  estatais norteamericanas para atentaren contra instalacións públicas cubanas.

A consulta e participación do pobo é parte básica do goberno de Cuba

O ministro de Relacións Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez recorda que no goberno da illa intervén decisivamente o debate cidadá

A asemblea da Unión de Escritores e Artistas de Cuba (UNEAC) debate co presidente Diaz Canel o papel da crítica na programación cultural e na promoción de cadros, en outubro de 2019.

A sociedade Cubana ten unha decisiva participación nas resolucións do Goberno e mantén e desenvolve desde as orixes da Revolución un hábito de consulta horizontal que xa é parte do acervo democrático revolucionario. O ministro de Estado de Cuba comentou na súa conta oficial de twitter que en cada proposta da comisión de reforma económica participaran máis dun millón 600 mil cubanas e cubanos e para a redacción do novo Código de Traballo o goberno incorporara 2.000.802 opinións. A participación democrática conforma as opcións capitais do sistema de goberno de Cuba a partir do principio de manter sempre aberta a comunicación e non permitir que ningunha opinión poda perderse.

O presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, afirmou nunha mensaxe enviada á Asemblea Xeral das Nacións Unidas no seu 75 período de sesións, que a illa conta cunha sociedade con elevado grao de participación popular para tomar decisións e revolver problemas. Un exemplo recente, é a entrada en vigor da actual Constitución da República tras un amplo proceso de consulta. De feito, a Carta Magna foi sometida a referendo en febreiro de 2019, e ratificada polo 86,8% dos votos.  

Resumen Latinoamericano, 13 de febreiro de 2021