Todalas entradas de Terrasenamos

A CIA atentou en 581 ocasións contra a representación exterior de Cuba en 41 paises

Angel Guerra – La Jornada

Cuba documenta 581 agresións a representacións diplomáticas en 41 paises. Nestas liñas refírome a persoas amigas que foran vítimas de dous atentados.  Na embaixada de Cuba en Lisboa deflagrou unha bomba faltando minutos para as 5 da tarde, a hora dos fillos dos diplomáticos da legación regresaren da escola. A explosión acabou coa vida de Adriana Corcho Calleja e Efrén Monteagudo Rodríguez, de 35 e 33 anos, funcionarios da sé. Un descoñecido pousara a bomba a beira da porta dunha das estancias do céntrico local.  Sucedeu 22 de abril de 1976, catro meses despois de as tropas cubanas frustrar un ataque preparado ao detalle pola CIA contra a nacente República Popular de Angola. Estados Unidos lanzara, contra o primeiro goberno da independencia, unha potente columna do exército racista sulafricano, axudada por brigadas do Zaire e mercenarios brancos veteranos. Contra o asedio, o presidente angolano Agostinho Neto pedira apoio a Cuba. Traballando en Lisboa como enviado especial á Revolución dos Cravos, coñecera a Adriana; a beira de de onde estalou a bomba conversáramos en máis dunha ocasión e puiden apreciar seu compromiso revolucionario, competencia profesional e personalidade.

Caricatura de Adán, en Resumen Latinoamericano.

A primeira derrota militar ante Cuba en Angola -aínda faltaba outra, esmagadora, en 1988- alporizou o goberno de Gerald Ford e en particular á CIA. Seis meses despois do crime en Lisboa e do atentado contra un avión de Cubana de Aviación en voo, que custou a vida das 73 persoas que nel viaxaban, Fidel expresou: ”Nos últimos meses o Goberno de Estados Unidos, resentido pola contribución de Cuba á de­rrota dos imperialistas e dos racistas en África, xunto a brutais ameazas de agresión, desatou unha serie de actividades terroristas contra Cuba. Unha campaña crecente, centrada nas nosas sedes diplomáticas e nas liñas aéreas”.

O meu amigo Félix García, diplomático da misión de Cuba ante a sé da ONU en Nova York, dirixíase 11 de setembro de 1979 a unha cita no barrio de Queens logo de ter honrado con amigos chilenos a figura de Salvador Allende, asasinado exactamente seis anos antes nun golpe de Estado orquestado pola CIA. Felix non deu chegado ao seu destino. Ao deter nun semáforo seu automóbil, un axente da CIA valeiroulle un cargador dende unha moto. Xa nunca máis iluminaría Félix coa súa rexouba creoula a miña oficina da revista Bohemia.

Félix é o único caso dun diplomático acreditado ante a ONU asasinado en Nova York. O terrorista Pedro Remón reivindicou o crime en chamadas aos medios pero non foi até avanzados os oitenta que houbera de ser xulgado e condenado por un tribunal estadounidense, cando as súas carnificias terroristas prexudicaron intereses de Washington. Endebén, coa condena cumprida, continuou a súa actividade criminal contra Cuba dentro e fóra dos EUA.

A mais destes dous atentados, a representación diplomática de Cuba padeceu outros ataques nos que correra sangue cubano e doutras nacionalidades. En México, o xa mencionado terrorista Pedro Remón participara nun intento de secuestro en 1976 de Daniel Ferrer Hernández, cónsul de Cuba en Mérida, no que resultou asasinado o técnico de pesca cubano Artagnan Díaz Díaz. A historia do terrorismo contra Cuba e, en particular, contra as súas sés diplomáticas, é longa. Hai razóns para temer que a mafia fascista de Miami e seus valedores no (des)goberno de Trump están tentados por volveren ao crime. Que o goberno dos EUA manteña mutismo cómplice sobre o ametrallamiento da embaixada de Cuba en Washington, no abrente do 30 de abril, parece esconder algo inconfesabel. Se o atentado non é investigado e esclarecido conforme ás leis de Estados Unidos e respectando o acordado na Convención de Viena sobre Relacións Diplomáticas, sentará un nefasto precedente.


(http://www.cubadebate.cu/especiais/2020/05/17/falamos-de-terrorismo-cuba-sufriu-centos-de-agresións).







A REDEH arxentina súmase a campaña polo Nobel da Paz para as brigadas médicas cubanas

Cubanismo.be – Terra Sen Amos

A campaña a prol de premiar as brigadas médicas cubanas co Nobel da Paz, lanzada pola asociación solidaria belga Cubanismo.be , salienta no seu manifesto que Cuba mostra ao mundo en pandemia o que é a verdadeira solidariedade, co envío de profesionais da saúde a todo o mundo. Incluso a rexión máis rica de Italia, Lombardía, puido contar axuda dunha equipa sanitaria cuxa chegada a Milán foi celebrada por partidos, sindicatos e medios de comunicación que valoraron altamente a experiencia  internacional das brigadas.  O Capítulo Arxentino da REDEH é un dos primeiros asinantes da iniciativa no continente.

O manifesto da campaña belga, arranca con 170 asinaturas das dúas bandas do Atlántico.

Isabelle Vanbrabant , presidenta da asociación dixo que o manifesto tivera en poucas horas o respaldo de 170 persoas da solidariedade europea e americana que asumiron a responsabilidade e facer medrar o novelo de apoios en todo o mundo. “Non esquezamos – dixo Vanbrabant- que,Cuba ten unha economía dez veces máis pequena ca de Bélxica e que sofre asemade un criminal bloqueo económico e financeiro imposto polo goberno dos EUA, o cal rouba literalmente ao seu pobo o ousíxeno”. Recordou que o bloqueo imperialistas chega a impedir á maior das Antillas a compra de respiradores,  precisos para tratar aos pacientes máis graves.

Para Cubanismo.be, a illa proba coa súa solidariedade que un mundo de cooperación é posibel, e que existe unha alternativa a competencia sen cuartel para beneficio de poucos. O manifesto pon de relevo que Cuba leva axuda a poboacións que son obxecto de exportación de armas de parte da UE e os EUA. “Eis o esforzo de Cuba para a Paz e a convivencia no planeta, que debe ser premiado” engade o breve manifesto.

En 2005, Cuba creou o Continxente Internacional de Médicos Especializados en Situacións de Desastres e Andacios Henry Reeve, e desde entón o seu exército de batas brancas ten asistido en terremotos, furacáns, riadas e andazos en África, América Latina, o Caribe, Asia e Europa. Contra o COVID-19, máis de 1.500 médicos e enfermeiros viaxaron dende Cuba a 25 países para apoiar ás autoridades nacionais e locais na súa angueira pola saúde.

O Capítulo Arxentino da REDEH remitiu unha carta a Trump na que asume o manifesto de Cubanismo.be e reprocha ao presidente estadounidense, que lonxe de axudar a súa propia poboación contra a pandemia, desbarate as súas forzas no odio e volva pendurar Cuba no cartaz  arbitrario de paises que non colaboran contra o terrorismo, cando a actual equipa da Casa Branca, coma as denanteriores por 60 anos, pratica unha política de terror contra Cuba.

Cuba recorda a Trump que manter silenzo sobre atentado da embaixada é ser tolerante co atentado

Prensa Latina – Terra Sen Amos

Cuba reclama do goberno dos EUA unha cabal explicación en termos diplomáticos sobre as circunstancias do ametrallamento da embaixada en Washington, as investigacións sobre o autor ou autores do atentado e as medidas tomadas polas autoridades para a agresión non poder repetirse. Miguel Díaz-Canel Bermúdez, recordou dia 11 que o seu goberno espera ainda información sobre o ataque a representación diplomática cubana de parte do pais hóspede da embaixada presuntamente defendida polas leis federais e dacordo co compromiso internacional representado nos Convenios de Viena. Én termos de dereito internacional, é insólito que o goberno Trump manteña mutismo completo dende o dia do atentado e que o goberno de Cuba que delega a protección da súa embaixada ao pais de residencia, como é preceptivo, teña que saber do ataque armado do 30 por unha pingueira de informacións de medios privados ou de filtracións das forzas de seguridade dos EUA.

Os disparos crebaron cristais de seguridade da embaixada e furaron a figura en bronce de Martí.

Requerindo outravolta a información debida polo goberno dos EUA, o presidente Diaz-Canel dixo que Cuba mal podería esquecer a longa historia recente de atentados terroristas contra os seus diplomáticos e asemade recordou que o Estado socialista defende e salva vidas en todo o mundo e mantén unha política inequívoca contra a violencia.

É esta a segunda ocasión na que o Presidente recorda ao goberno de Washington que non compartir co pais agredido toda a información relacionada cun atentado equivale a ser tolerante co acto de violencia que pasa a formar parte dunha longa historia de terrorismo contra Cuba.”Dende comezos dos 60, grupos criminais desataron o terror contra intereses cubanos, quer no territorio dos EUA, quer noutros 35 paises do mundo, a medio de rapto de persoas, fundimento de barcos de pesca, atentados con explosivos en legacións cubanas, asasinatos, sabotaxes e pragas e inzos de enferminades na illa” entre outros recursos infames no obxectivo de evitar que o pais poida dotarse dun sistema de goberno que corresponda aos seus propios intereses e a defensa da vida en paz e progreso.

“Se globalizarmos a solidariedade e non o mercado, a historia seria outra!” (Diaz-Canel no cumio do MNOAL)

Axencias – terrasenamos.gal

O andazo do Coronavirus inzou nun mundo aberto aos intereses económicos mais pechado a solidariedade, dixo o presidente de Cuba no cume do Movimento dos Paises non Alineados (MNOAL) “A estatística de infestados e as perdas humanas son a proba do esmagador poder da economia globalizada nun mundo inter-conectado mais non solidariamente relacionado, que está a pagar o prezo da súa incapacidade para tratar os graves desequilibrios sociais; falando as verdades: se globalizarmos a solidariedade coma se globalizou o mercado, a historia habia ser ben diferente!”

A xuizo de Miguel Diaz-Canel, solidariedade e cooperación son valores que no poden ser sustituidos polo gaño, motivación exclusiva dos que rendindo culto ao mercado, esquecen o valor da vida humana. O presidente dixo que era preciso denunciar os graves erros das políticas neo-liberais que levaron a reducir a capacidade de xestión dos Estados, ao aumento das privatizacións e a esqueceren as maiorías.

“A pandemia puxo a vista a fraxilidade dun mundo fracturado e excluinte no que nin sequer os máis afortunados e poderosos darian sobrevivido na ausencia dos que co seu traballo crian a riqueza.” –expresou o presidente noutro momento da súa intervención. “A pandemia leva ao límite os problemas angustiosos dun planeta inzado de desigualdades, no que 600 millóns son pobres de pedir e a metade da poboaación non ten acceso a servizos básicos de saúde e, namentres, o gasto militar global supera os 1,9 millóns de millóns de dólares, dos que máis do 38 %, corresponden no 2020 aos Estados Unidos”.

Diaz Canel denunciou na súa intervención o silenzo do goberno dos EUA en relación co grave atentado contra a embaixada de Cuba en Washington, que dixo ser froito da incesante campaña de hostilidade de parte de Trump; solidarizouse expresamente con Nicaragua e Venezuela asediadas polo goberno dos EUA, e lembrando a proposta de Fidel, de criar instrumentos de vida e saúde e non de violencia armada e morte, ofreceu á asemblea do MNOAL e ao mundo enteiro, a paz, a solidariedade e os froitos da experiencia de Cuba levando convivencia e saúde aos confíns do mundo.

“Operación Carlota” en Angola: a escrava rebelde en Cuba simboliza a loita contra o apartheid

O cartaz en Luanda, coas fotos de Agostinho Neto e Fidel, preside a festa de 17 de novembro de 2015 que celebra os 40 anos do fin do apartheid.

Moncho Leal – Terra Sen Amos

O 10 de abril pasado unha brigada de 214 persoas de persoal sanitario cubano, do continxente “Henry Reeve”, chegou a Angola, a requirimento dese país, para combater a COVID 19.

Viñeron á memoria imaxes da historia de Angola. A “Operación Carlota”. En outubro de 1975, un mes antes da independencia angolana, un continxente militar cubano chega clandestinamente ao país africano para axudar na formación militar das forzas guerrilleiras que van tomar o poder. Henry Kissinger, o todopoderoso responsabel da política exterior de EUA, dirixía o plan para impedir que o Movemento Popular para a Liberación de Angola, MPLA, asumira o goberno.

Agostinho Neto, que sería o primeiro presidente de Angola, solicitou axuda internacional, xa que estaba sendo agredido o país polo exército surafricano. Só Cuba respondeu.

Cuba estaría presente até maio de 1991, 16 anos nos que participaron 380 mil combatentes e 50 mil civís que colaboraron decisivamente.

Caeron en combate 2.107. Cuba xa estivera antes, despois do 1 de xaneiro de 1959, en Alxeria, Congo, Guinea Bissau, Cabo Verde e Etiopía. Tamén logo en Namibia.

Estando Nelson Mandela na prisión escribiu para referirse á loita solidaria de Cuba con Angola :”É a primeira vez que un país veu doutro continente non para levarse algo, senón para axudar aos pobos africanos a conseguir súa liberdade”.

Cando saíu da cadea, en 1990, logo de 27 anos preso, e cando fixo a súa primeira saída ao exterior, a Cuba no 1991, Nelson Mandela falou do papel imprescindibel de Cuba na liberación de Angola, Namibia e no fin do réxime do apartheid. Mencionou a decisiva batalla de Cuito Cuanavale, onde un dos principais mandos militares foi Manuel Díaz, galego e cubano que participou nas loitas que deron lugar ao triunfo da Revolución. Nesa batalla foi derrotado o exército de Sudáfrica.

Participaron forzas militares de Cuba, Angola e Namibia na vitoria.

Logo miles de mozos e mozas africanas estudaron en Cuba e Cuba formou nos países respectivos a centenares.

Carlota foi unha escrava cubana, descendente de Angola, que liderou unha sublevación nos enxeños azucreiros en 1843. Todo un símbolo, vitorioso máis dun século despois de que fora despezada polos escravistas.

Sobre Cuba en Angola, tamén en arquivo: https://terrasenamos.org/cuba-e-a-solidariedade-revolucionaria/