Todalas entradas de Terrasenamos

O presidente do ICAP pediu en Compostela solidariedade contra a Helms-Burton e o Bloqueo

Merchi Santiago – Terra Sen Amos (Compostela)

O presidente do Instituto Cubano de Amistad con los Pueblos (ICAP) Fernando González Llort pediu a solidariedade con Cuba en Galiza para acrecer a denuncia do Bloqueo e do esperpento xurídico da lei Helms-Burton, cuxo fin “non é tanto sancionar a investidores actuais, canto disuadir investimentos futuros e levar a economía de Cuba a un entalo; o  que procuran é afogar a nosa economía mediante a asfixia total. Porén,  resistiremos”.

Fernando González compartiu en Compostela cunha representación da solidariedade Galega con Cuba e chamou a incrementar a denuncia contra o Bloqueo e a Helms-Burton e a defender Venezuela.

Representantes de colectivos e partidos da Galiza, directiva e integrantes da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, e equipa do Consulado Xeral de Cuba en Galiza, compartiron en Compostela con Fernando González  Llort, presidente Instituto Cubano de Amistad con los Pueblos (ICAP) e un dos Cinco Héroes Cubanos que estiveron 17 anos presos nos EUA.  González chegou a súa cita coa solidariedade, acompañado por Yahima Martínez Millán, Cónsul Xeral de Cuba en Galiza, e por Joaquin Lacke, funcionario da sección de Europa do ICAP.

“¿Qué vai ser do mundo se os EUA saen adiante na súa na guerra contra Venezuela?”, pregunta González. “O imperio impón sen vergoña un mundo sen regras, a lei do abuso e da forza bruta en política internacional, na que o Dereito e a Soberanía parezan desertados. Para o Heroe cubano, na agresión a América Latina -Venezuela, Nicaragua, e Bolivia retentando, o morango da torta é Cuba, a Revolución cubana, a máis radical do continente, e levamos 60 anos. Trump di que somos unha ameaza, e  leva razón, pero no somos unha amenaza militar nin de seguridade: a nosa ameaza é o exemplo e dóelles porque somos unha alternativa”

O presidente del ICAP referiuse con orgullo ao proceso de participación democrática que sancionara a nova Constitución de Cuba: “Se nos EUA realizaran un proceso coma o de Cuba, con todo o pobo mobilizado en proceso constituinte, Trump non duraría cinco días”.

Comentou González a súa impresión de visitar Láncara precisamente na data do aniversario da creación do Ministerio do Interior,  que tanto significa para el. “A historia de Cuba tería sido outra de non ter emigrado Anxo Castro a Cuba”.

Logo de oferecer seus parabéns á Francisco Villamil por ter cumprido 35 anos de traballo solidario con Cuba, González salientou que a opinión contraria ao Bloqueo refórzase en todo o mundo o que encirra a actual administración ianqui que fai por desmantelar todo o que se conseguira durante o goberno de Barack Obama, que non sendo moito, deitaba alicerces para unha relación normal.”Trump leva agora a guerra económica á extremos que mesmo Reagan non ousara atinxir”.

Cualificou de absurdo o título III da lei Helms-Burton que pretende revisar ás expropiacións, máis que xustificadas no caso de Batista e a súa familia e axentes. Francia, Gran Bretaña, Canadá, entre outros, aceptaran  compensacións do Goberno Cubano que so EUA recusou de plano. “A Lei Helms-Burton é tan absurda que mesmo establece as cadras do que debe suceder en Cuba para cesar o Bloqueo, na hipótese de ser derrocada a Revolución. “Na súa visión colonial, non lles abondaría con implantar un goberno á súa imaxe e semellanza para arriar por fin o bloqueo, tanto é o odio que teñen á Cuba. Antes precisaría liquidar forzas armadas, CDRs, pioneiros, partido,etc. Algo que o pobo non o permitirá, coa solidariedade dos amigos de Cuba”.

González Llort  reclamou solidariedade para Venezuela poder resistir a guerra que se lle está facendo ao goberno lexitimamente electo nunhas eleccións de transparencia incomparábel, segundo James Earl Carter.  “Os EUA desprezan a consulta e defenden o protagonismo dun seu axente, só pola cobiza do petróleo e por afogar o pensamento bolivariano”.

Tamén condenou en nome do ICAP os ataques do Imperio contra Nicaragua, o encarceramento de Lula, co propósito de frustrar o proxecto do PT que librara da miseria a tantos brasileiros; a perseguizón de líderes populares de América Latina ou, xa fóra do Continente, o desprezo de Trump polo pobo palestiniano ao mover a embaixada dos EUA en Israel a Xerusalem.

A lei Helms-Burton non respecta nin o propio ordenamento legal dos EUA

J.L. Toledo Santander (Granma) – Redacción de TSA

A Helms-Burton que o goberno de Trump emprega coma un ariete contra Cuba, non cumpre as garantias procesais básicas do sistema xurídico que a produce nin o dereito internacional. Trátase dun instrumento de agresión específica contra Cuba, dirixida a pór de xeonllos un pobo digno e acabar cunha revolución que conmove ao mundo pola súa valentía ao tempo que representa universalmente unha opción certa para defender  a soberanía e pechar o paso ao imperialismo.  A Helms-Burton fala de propiedades confiscadas e de bens  confiscados e non de nacionalización, pola que un Estado, seguindo un proceso legal, pode dispor razoadamente de propiedades privadas precisas para o ben público.

Martirena, en Granma.

Mediante diálogo e respecto a igualdade soberana dos Estados, o Goberno cubano abordara un procedemento para indemnizar as propiedades nacionalizadas, segundo ficou patente o 24 de decembro de 1996, ao aprobar a Lei 80 de Reafirmación da Dignidade e Soberanía Cubanas. Logo de declarar  a Helms-Burton extemporánea, allea, ilícita e inaplicabel e sen valor nin efecto xurídico algún en Cuba, a Lei 80 establece aspectos de especial significación, como son: considerar nula toda reclamación formulada en virtudes da Helms –Burton, con independencia da cidadanía de quen a faga; reafirmar a disposición do Goberno da República de Cuba a unha xusta compensación dos bens expropiados ás persoas naturais ou xurídicas que nese momento ostentaban a cidadanía dos EUA; considerar a indemnización por propiedades nacionalizadas a estadounidenses como parte dun proceso negociador entre os gobernos de Cuba e dos EUA; establecer unha comisión bilateral para examinar as compensacións a que o Estado e pobo cubanos teñen dereito,para resarciren danos e prexuízos causados polo bloqueo e agresións de toda caste, cuxa responsabilidade corresponde ao Goberno os EUA.

Nestas negociacións non poderá intervir calquera persoa, natural ou xurídica dos EUA que se acolla aos procedementos establecidos na Lei Helms-Burton, ou trate de empregalos en prexuízo de terceiros.

De porparte, a Lei Helms-Burton recoñece o dereito a establecer demandas, ao amparo nos seus tribunais, a persoas que no momento da nacionalización non eran cidadáns dos EUA e adquiriron esta condición con posterioridade.

Chama a atención outra reserva legal da Helms-Burtos, que no Apartado 6 da súa Sección 302, prevé que «ningún tribunal dos EUA poida invocar intereses de Estado para absterse de pronunciar unha sentenza sobre o fondo dunha acción emprendida. Onde ficará a independencia xudicial dese país perante tan rechamante intromisión do lexislativo nos ámbitos de competencia do poder xudicial en detrimento da súa independencia de actuación.  Estamos diante dunha violación palmaria da orde constitucional e do complexo sistema de salvagardas e contra-medidas que garante a separación de poderes e a súa independencia.

 James Madison, un dos pais fundadores dos EUA e da súa Constitución, preguntaba que outro recurso poderia existir para manter na práctica a separación necesaria dos poderes prevista na Constitución. A vista do rematado fracaso todas as cautelas, Madison avisaba que non habia mais remedio que armar unha estrutura interior do goberno, na que as distintas pezas contasen coa garantía dun regulamento relacional que defendese as súas funcións.

A Helms-Burton desafia o mesmo acervo establecido polos tribunais de casación dos EUA, unha doutrina que se converte en precedente de xustiza dende a sentenza de 1946 (o caso Underhill-Hernández) que deixou sentado que todo Estado soberano está obrigado a respectar a independencia dos demais Estados soberanos, e que os tribunais dun país non poden reunirse en sesión para xulgar os actos de goberno doutro país realizados dentro das fronteiras de seu, de xeito que a reparación de agravios por mor deses actos debe procura polos medios de que poden facer uso os poderes soberanos nas súas relacións entre si.

O Tribunal Supremo dos EUA, ditara en 23 de marzo de 1964 sentenza sobre a apelación de Sabbatino contra o Banco Nacional de Cuba coa argumentación de que mellor se serve tanto ao interese nacional como ao progreso do Dereito Internacional entre as nacións, mantendo intacta a doutrina do acto de poder soberano.

Detrás da lei Helms-Burton, é tan dominante a intención de destruir a Revolución Cubana que non respecta o propio ordenamento legal dos EUA nin a legalidade internacional, entre outros casos, cando despreza as Resolucións 2625 (XXV) e 1803 das Nacións Unidas, aplicadas ás  nacionalizacións do Goberno cubano en base a utilidade pública, seguridade e interese nacional, previstos no texto como argumentos superiores.  As indemnizacións leváranse a cabo conforme ao Dereito Internacional e as normas en vigor no Estado, que debe resolver en exercicio da súa soberanía, coa guarda de solventar  litixios conseguintes na xurisdicción nacional do Estado que adopte esas medidas ou por arbitraxe xudicial internacional.

A pretensión do goberno dos EUA de limitar o proceso de investimento de capital estranxeiro é outra vulneración da orde legal internacional, recoñecida como recurso para o desenvolvemento dos pobos, quer polas Nacións Unidas quer na Organización Mundial do Comercio.

Cuba normaliza a conexión dixital remota e o uso de redes privadas de datos

Axencias – Terra Sen Amos

Cubanos e cubanas poderán facer uso de redes privadas de dados, acceder a Internet con conexión remota dende seus fogares e importar equipa de tecnoloxía sen fíos acomodada a estas utilidades, dacordo con dúas normas que entrarán en vigor no prazo de 60 dias. O Ministerio de Comunicacións da República de Cuba deu a coñecer esta semana dúas novas formas de uso das Redes Privadas de Dados e o emprego de Sistemas Sen Fio de Alta Velocidade. Os regulamentos establecen as normas técnicas para cadanseu tipo de banda de frecuencias. Como parte do Bloqueo, os EUA estorbaron o acceso de Cuba ao sinal de Internet ao tempo que atribuian á censura o atraso dixital da illa.

O Bloqueo estorbou o acceso de Cuba ao sinal de internet, un retraso que os EUA atribuian mentireiramente á censura.

As  leis 98 e 99 son fundamentais para o proceso de informatización que se desenvolve en Cuba, así como para o progreso material do pais, á defensa da soberanía, e a evitación de interferencias no espectro radioeléctrico. Deste xeito garántese a prevención contra efectos nocivos de radiacións non ionizantes, e multiplícanse as canles de comunicación entre as persoas e o acceso do pobo ás novas tecnoloxías.

Atrás quedan as regulamentacións 127/201, que sentaran as normas para a Banda de frecuencias 2,4 GHz; a 128/2011, dirixida a regular a Banda de 5,7 GHz, usada en Redes privadas e a 156/2011 correspondente ao Regulamento de Redes Privadas de Datos. As novas entrarán en vigor nun prazo de 60 días posteriores á data de publicación na Gaceta Oficial. Trala súa posta en práctica estas tres serán derrogadas, pois entre outras cuestións, están dirixidas só a persoas xurídicas.

Estas novas instrucións habilitan a importación para persoas naturais, sen carácter comercial, de equipa de tecnoloxía inalámbrica que cumpran as normas establecidas. Para iso, deben realizar unha solicitude antes da súa entrada ao país ou posteriormente, no caso de que o equipo sexa retido por autoridades aduaneras. A autorización pode solicitala a través do portal informático do Ministerio de Comunicacións, correo electrónico, ou persoalmente nas Direccións Territoriales da Unidade Orzamentar e Técnica de Control do Espectro Radioelectrónico (UPTCER). Paulatinamente prevese comercializar na rede minorista os equipos homologados.

Os usuarios poderán coñecer nas páxinas do ministerio as normas técnicas para a frecuencia establecida para o uso de persoas naturais (2400-2483.5 MHz e 5725-5850 MHz), o enlace a eses produtos e a marca do equipo. Tamén será posibel posuír e utilizar antenas exteriores ao domicilio por persoas naturais e as súas redes privadas para enlazarse coas redes públicas (áreas WIFI de ETECSA). Para iso, é necesaria a licenza de operación para o uso da antena en exterior, a cal terá un valor de 10 pesos (CUP) e unha vixencia de cinco anos. Como requisitos para tramitar esta licenza as persoas naturais deben ser propietarias do predio. No caso de traballadores por conta propia, nos locais onde exercen as actividades aprobadas, rexerá a autorización previa do arrendador, propietario ou utente do inmoble.

Habilitase a licenza de operación de redes privadas de datos (terrestres ou sen fio) para persoas naturais, en exteriores ao domicilio. No caso da conexión sen fio, esta pode alcanzar as vivendas dun edificio e outras dentro da mazá onde se atopa o núcleo da rede, sen atravesar vía pública. Para chegar a outras persoas que pertenzan á rede privada doutra mazá poden facer uso da conexión sen fio con antena exterior que non exceda dunha  potencia radiada efectiva de 100miliwatts (aproximadamente 300 metros). Xa que logo, unha comunidade de amigos ou veciños poderá conectarse para compartir información. A licenza de rede ten un valor de 10 pesos (CUP) e unha vixencia de dous anos.

Os usuarios que posúan redes privadas no interior dos seus domicilios, coñecidas como RPAN (sen fins de lucro) non necesitan licenza,  sempre que non excedan os 100mW  (300 metros).

A Revolución Cubana desenvolveu xa dende a guerra, comunicación activa para solidariedade cos pais do sur, malia dispor no interior dun sinal de radio, TV e telefone interferido polos EUA. A posta en marcha de Radio Martí dende Miami en 1985, non cumpriu ningunha das metas trazadas, e o imperio duplicou a dose en 1990 coas antenas de TV Martí, que transmitian 1.800 horas semanais, a un custe de máis de mil millóns de dólares en pouco máis de tres décadas. A invasión de sinal contra a soberania de Cuba,  foi a operación máis custosa, corrupta e inútil na longa historia de propaganda dos EUA. Radio e TV Martí non se viron nunca nin en Cuba nin nos EUA pois unha equipa de enxeñeiros de telecomunicación de Cuba bloqueou efectivamente o sinal.


Coincidindo coa renovación e o acceso universal da rede dixital  de Cuba, o director da Oficina de Transmisións cara a Cuba (OCB) dependente do goberno dos EUA, recoñeceu que as emisoras que transmiten para a illa dende a outra beira do Estreito da Florida precisan un cambio radical. En declaracións ao Novo Herald , Tomás Regalado, director da OCB, deu conta dun informe gobernamental sobre o labor de Radio e TV Martí, no que se cualifica de pésimo e inútil o  xornalismo que producen. A revisión de obxectivos destas redaccións, xenerosamente pagadas polo goberno dos EUA, comezou depois de as estacións transmitir unha serie de reportaxes manifestamente anti-semitas sobre o millonario George Soros. Mentres o goberno de Cuba normaliza o acceso dixital remoto, a artilleria da calumnia e o insulto contra a Revolución Cubana entra en fase de liquidación por problemas cos seus propios patrocinadores.



“América está a beira de grandes vitorias, se resiste como Cuba e Venezuela” (Jorge Arreaza na Habana)

Cubavisión – Axencias – Terra Sen Amos

“Debemos resistir con forza, para realizarmos as grandes vitorias que están en portas da nosa América, un territorio en disputa entre o imperialismo norteamericano e os pobos”, asegurou Jorge Arreaza, chanceler de Venezuela, no acto de solidariedade celebrado na tarde da Segunda na Universidade das Ciencias Informáticas de Cuba (UCIC). “Nós non estamos a espera de que nos disparen: estamos na ofensiva e sorprendendo ao imperialismo”. Na opinión do ministro de Estado, todo o vivido ao longo da historia de Venezuel, son capítulos dun asalto ás reservas de petróleo máis importantes do planeta. No encontro transmitido en directo por Cubavision participaron alumnos, profesores e o rector do centro Walter Baluja e asistiron a vice-ministra cubana de Estado, Anayansi Rodríguez Camejo; o secretario executivo do Alba, David Choquehuanca;  o embaixador da República Bolivariana de Venezuela, Adán Chávez, e representantes do corpo diplomático latinoamericano acreditado na Habana.

Jorge Arreaza durante o seu parlamento na Universidade de Ciencias Informáticas de Cuba.

Arreaza comezou dicindo que antes, os recursos estaban gobernados polo imperialismo mais se hoxe preguntamos onde está o petróleo, a resposta é: na atención médica, nas escolas, na educación; o Comandante Chávez investiuno no pobo.


O Chanceler fixo sumario das agresións lanzadas contra Venezuela nos últimos anos, con atención especial ao sucedido dende 20 de Maio de 2018, data da reelección de Nicolás Maduro por sufraxio democratico, da que se cumpria un ano no intre do discurso. Explicou que en 2017 desatouse a violencia da dereita: “o que chamamos guarimbas, terrorismo político, destrución da propiedade e de vidas, o intento de queimar vivos 29 venezolanos, 9 dos cais faleceron. Todos eran negros, mulatos ou morenos, pois aquelas turbas do estrago e a destrucción, cando vían a unha persoa de pel escura, quizais un traballador ou obreiro, dicían: Eis un chavista. A algúns queimáronnos e mallaron a moitos outros. Maduro deu co remedio: estudou a Constitución e deseñou unha fórmula de paz: convocar ao pobo á Asemblea Nacional Constituinte (ANC) mais a oposición, lonxe de sumarse ao proceso democrático, inzou máis violencia.


“Instalada a ANC, remata a violencia”, dicía Maduro, porén, o Chanceler non puña a man no lume. “Mais, meu dito meu feito: fomos ás eleccións 30 de xullo e ese mesmo día ocorreu a última expresión de violencia daquela fase. A oposición falaba de que só 2 millóns e medio de venezolanos irían ás urnas. Os nosos expertos dicían que 5 millóns e finalmente tivemos máis de 8 millóns de votos. Gañamos 19 de 23 Gobernacións. Unha malleira electoral. Nas seguintes, municipais, a oposición non quixo participar: sabía que perderían outravolta”.

No entanto, comezaba a mesa de dialogo na República Dominicana. Á oposición non lle quedara outra que sentar a negociar. Prevendo comicios presidenciais en decembro (por costume de facelos acair no mes terminal do mandad) teimaron por causa de negociaren un candidato, mais en xaneiro, o subsecretario de Estado dos EUA John Sullivan, dixo que o seu país non recoñecería ningunha elección en Venezuela.

“Para 7 de febreiro, fixemos coincidir a asinatura do acordo cunha cea cos embaixadores da Unión Europea, algúns deles afervoados compromisarios da oposición venezolana. Pois ese dia, diante do acordo que eles reescribiran unha chea de veces, a oposición negouse a asinar.
Deseguida tivemos novas de nesa mesma data o Secretario de Estado dos EUA, Ted Tillerson, conferenciar co presidente de Colombia naquela altura, Juan Manuel Santos. Déranlle contraorden á oposición de non asinar. No primeiro pediron 4 semanas máis e finalmente non se inscribiron ás presidenciais e boicotaron a Henry Falcón, quen hai pouco censuráballes non habelo apoiado como candidato ás eleccións do 2018. De feito, determinaran sabotar as eleccións e por iso desde un mes antes, a Unión Europea, Canadá e EUA falaban de fraude”.

“Xaneiro, na elección anual da directiva da Asemblea Nacional en desacato, sae Guaidó, chamado Guiado polos propios norteamericanos que non lle daban acertado co nome. Guaidó ou Guiado, procedente da formación política máis violenta, a de Leopoldo López, auto-nomease presidente de goberno nunha avenida de Caracas e o vice-presidente de EUA Mike Pence, recoñéceo minutos depois; a seguir fíxoo Mike Pompeo, actual Ministro de Estado de Trump, e un nada depois, os presidentes de Colombia e Chile, Iván Duque e Sebastián Piñera. Donald Trump avaliouno horas máis tarde. Así comeza un novo acto do golpe de Estado”.

O Chanceler Arreola dixo que calquera visitante de Venezuela entre 2006 e e 2012 repararía nos beneficios entregados ao pobo, e mesmo ironizaban que o país avanzaba cara ao consumismo e non ao comunismo. Que a Revolución cometeu erros? Certo. Que hai corruptos? Hainos, e que caia sobre eles o peso da lei. Ante o Consello de Seguridade afirmamos que o golpe de Estado fracasou, e cal foi a resposta do representante dos EUA?: “Agora imos arruinar a súa economía”.

“No primeiro confiscaron CITGO (corporación petroleira encargada de refinar e comercializar gasolina, lubricantes e petroquímicos venezuelanos nos EUA, con central no Corredor Energético de Houston (Texas) e gasoliñeiras por todo o país) CITGO está valorada nuns 30 mil millóns de dólares. John Bolton (asesor de seguridade de Donald Trump) anunciou que Guaidó ten lista unha lei para as petroleras estadounidenses poder investir na faixa petroleira venezuelana, algo que non permite a Constitución da República Bolivariana”.


Recordou Arreaza a declaración do ministro español de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, cando dixo que convenceran (ao Governo de Madrid) de que “derrubar o goberno de Nicolás Maduro ía ser cousa de horas”. Preguntáronlle quen os convencera e respostou con claridade: “Os norteamericanos”.

“O globo do golpe perde gas e del non vai quedar mais que un mal recordo -di o Chanceler- ainda que a loita continúa. Benvido sexa o dialogo, a paz, o entendemento. O mellor sería que os EUA asuman un proceso de achegamento. A mala folla dos seus asesores levaos de fracaso en fracaso. Aprendan da experiencia e sentémonos falar como Gobernos de países civilizados”.


Agradeceu a firmeza de Cuba contra o chamado Grupo de Lima, do que dixo que en xustiza deberian dar o nome de Grupo de Washington, e asegurou que Venezuela ten 215 mil activos, entre oficiais e soldados, e máis de 2 millóns e medio de milicianos bolivarianos. “Bolton fala de que deben regresar 20 mil soldados cubanos. A quen se refire?: aos médicos, aos docentes da arte e do deporte, aos que fan terapia, aos que ensinan a ler e escribir?”

Sobre o arrecho bloqueo económico contra a súa nación, citou que o NovoBanco de Portugal bloquea 1.547 millóns de euros e que hai outros 1.323 millóns en igual condición en bancos ingleses. En total son case 6 mil illóns de euros propiedade do Estado Bolivariano dos que non pode dispor.

Arreaza asiste en Cuba a reunión consultiva, a nivel de ministros de Estado  dos países da ALBA-TCP (Alianza Bolivariana da nosa América- Tratado de Comercio dos Pobos)  “Os procesos de integración estan na ruina:  UNASUR está no conxelador; non morreu, acordarémolo en calquera momento. CELAC ten cativa actividade. Queda o ALBA, hai que defendelo porque é o corazón da integración rexional.  ALBA é a MISIÓN MILAGRE, a loita contra o analfabetismo, é PETROCARIBE para o petróleo venezolano asistir ao desenvolvemento dos pobos irmáns do Caribe.
Estamos ás portas dun proceso histórico distinto, de grandes vitorias, e veremos como a correlación de forzas regresará aos pobos e como se revirte a onda conservadora, xa sexa a través de eleccións ou doutros procesos”.

“Só hai que resistir como fixo o pobo cubano, e loitar –dixo Jorge Arreaza ao termo da súa intervención-. Eles (a oposición venezolana e o goberno dos EUA) están seguros de Maduro ter dias abondo por diante e o propio Trump tivo que recoñecer que o presidente de Venezuela era un top player, un xogador excepcional, un óso duro de roer. Temos forzas espirituais e históricas que chegaron ao poder para defender a nosa capacidade de soñar”.

Historia dun fuxido con sede de vinganza

Rosa Miriam Elizalde – La Jornada

Esteban Ventura Novo era dono da finca El Rosario, sur da Habana, un muro de manposta encerrando unha devesa con casa grande arrodeada de outeiros con herba lanzal peiteados polo alisio.



Esteban Ventura Novo, o asasino do traxe branco, nunha foto publicada en Paris Match en 1957

A foto en branco e negro que retrata ese paradiso instantáneo ten máis de sesenta anos. Ao entraren os rebeldes (1 de xaneiro de 1959)o propietario voaba cara a República Dominicana no mesmo avión no que fuxia cos seus homes de confianza o dictador Fulgencio Batista. A revista Bohemia contaba o que foron atopar os barbudos dentro da mansión campestre do torturador de máis sona de Cuba: unha cámara de música con mobles taraceados en ouro, dormitorios climatizados, piscinas, bar, unha sá de xogo, merendeiros e rendeiras para nenos nos xardíns, unha caixa forte con contas de banco (a máis modesta de un millón de dólares) un canón antiaéreo de calibre 30, fusís M-1, 171 granadas, 6 ametralladoras co parque disposto e varias pistolas. Non había biblioteca. O único impreso en toda a mansión era unha guía telefónica.

Ventura Novo era coñecido popularmente como o asasino de branco, sempre de chaqueta e pantalón de dril 100 ou de liño albal inglés. Fachendeaba de aristócrata, malia ter nado na miseria e ser o seu oficio coñecido o de cortador de cana antes de apuntarse de voluntario no Exército. Chegou a coronel da policía e, elegantemente vestido, sentenciaba tortura e morte co mesmo desapego burocrático de quen dicta unha ficha, a distancia para non manchar a roupa.

No depósito de cadáveres da Habana, un bloque de dous andares no arrabaldo, entraran máis de 600 corpos de homes e mulleres mortos por electrocución, golpes, forca ou bala, entre marzo de 1952 e decembro de 1958, anos de gloria da carreira policial do asasino de branco. A cifra equivalía ao cinco por cento dos asasinados neses anos polas forzas represivas da ditadura de Fulgencio Batista, segundo o cálculo do director da instalación, publicado tamén por Bohemia en febreiro de 1959. Moitos máis aparecerían despois en enterramentos clandestinos; outros nunca serían atopados. A meirande parte eran vítimas inocentes ás que lle tocaba pagar, sen motivo ningún, pola explosión dunha bomba, o atentado contra un uniformado, ou calqueroutra manifestación contra a ditadura.

Ventura Novo morreu de vello en Miami, con 87, no 2001. Nos seus anos de desterro, voluntariou en varios grupos terroristas. Por causa da súa nomeada carreira, recibia protección do goberno dos EUA, que ignorou todas as demandas de extradición de criminais ao servizo de Batista, en virtude dun acordo existente dende 1906. Novo vivia coa esperanza de recibir compensación polas súas propiedades en Cuba e agardou até o último día da súa vida que se producise a intervención imperial na illa, e a esperada licenza para matar esquerdistas. Un dos seus admiradores, Esteban Fernández, lendo a esquela de Novo nun programa de radio na Florida, pediu a invasión de Cuba cos métodos do celebrado asasino: “E se non hai forcas abondas, que tiren con eles ao mar porque ao pais cómprelle unha boa limpeza xeral!”.

A Lei Helms Burton veu dar soporte legal e atribucións ao Bloqueo, dende 3 de marzo 1996, mália a reserva aplicada ao máis rechamante dos seus artigos xusto até 2 de maio pasado. Dende esta data permítese aos antigos propietarios na Illa e aos seus herdeiros con nacionalidade estadounidense, entablar demandas en tribunais de Estados Unidos. Tamén aos herdeiros de Esteban Ventura Novo, que non ven chegada a hora de regresar a El Rosario e demandar en virtude do Título III da Helms Burton, indemnización de terceiros países cuxos negocios en Cuba interesaran propiedades nacionalizadas e confiscadas polo goberno r ao abeiro da Constitución cubana de 1940.

William Clinton, George W. Bush, Barack Obama e mesmo Donald Trump conxelaran esta disposición sen precedentes na xurisprudencia internacional. A partir do pasado 2 de maio, o Emperador Laranxa franqueou as demandas en tribunais, sen distinguir entre ladróns, asasinos en fuga, ou empresarios de seu que fixeran capital na Illa e á súa hora negáranse a cobrar compensacións do goberno cubano -como si fixeron suizos, franceses e españois?- porque levedaba ainda a invasión de Praia Girón (1961) ideada para restablecer a nosa colonia de Cuba, como dixera o historiador da Universidade de Columbia Leland Jenks.

A finca El Rosario, a 40 quilómetros da Habana, é hoxe un Fogar de Anciáns. As avóas e avós que viven alí, escoitan o nome de Esteban Ventura Novo cun debeño de noxo, mais nin se aquelan cando o vento do Norte morde outra vez con cairos longos. Como se for a ira, a vinganza, a tolemia e a traizón moral en Hamlet, só que nunha dramaturxia repetida sen éxito dende hai máis de medio século.