Bloqueo redobrado, caida do turismo e desabastecemento, aprazan de novo a unificación da moeda cubana

Mario Muñoz –Prensa Latina

Alejandro Gil Fernández, ministro de Economía  comentou que a Estratexia Económica e Social de Cuba non ten previsto incrementar ofertas en Moeda Libremente Convertibel (MLC)  Gil Fernández participou dia 19 pasado nunha palestra xunto ao xefe da Comisión de Lineamentos, Mariño Murillo Jorge, para responder as opinións e inquedanzas da poboación sobre o previsto ordenamento.

O Peso convertíbel está morto e ainda non enterrado mais o  asañamento do Bloqueo retrasa a tan esperada unificación monetaria.

A pregunta de por que tendo anunciada a unificación monetaria, aparecen novos comercios en MLC, o ministro explicou que a razón é o complexo contexto financeiro e de abastecementos que vive Cuba, especialmente, desde 2019. O ministro culpou ao asañamento do bloqueo, a falta de combustibeis e ao descenso dos ingresos do turismo, sen voos e sen cruceiros, e dixo que a dolarización parcial era unha medida «necesaria mais non desexabel».

Cuba precisa divisas para producir produtos que logo vende en pesos cubanos e CUC. Para reaprovisionar mercados require divisas. E se non as hai, aínda habendo demanda, é difícil reabastecer mercados ao tempo que prolifera a economía informal. O ministro sinalou que os mercados desabastecidos non son fonte de ingresos e a  industria nacional, con capacidades produtivas instaladas e sen poder producir por falta de financiamiento, non participa da economía informal ou paralela e corre asemade o risco de non desenvolverse.

Gil Fernández  dixo que a coincidencia das fronteiras pechadas desde marzo, os impactos sobre os ingresos xerados polas exportacións e o redobrado bloqueo dos EUA, eran pezas dun escenario insólito que só se poderá paliar contando coa axuda consciente da  poboación.

Acrecentou que o fito do ordenamento monetario é que o país traballe co Peso Cubano coma moeda única o que significa que as tendas en MLC son transitorias, necesarias e non desexabeis a medio prazo, malia permitiren que a industria nacional participe, os mercados conten con recursos propios e recádense divisas.

“A estratexia non é dolarizar a economía, senón quedar cunha soa moeda: o CUP, que é a moeda na que se pagan os salarios e na que se venden os produtos polo miúdo e aos armacenistas. Ora, non podemos predicir até cando durarán as tendas en MLC porque estamos nun momento excepcional”.

Debate sobre a morte do CUC

 O ordenamento monetario en Cuba, coas medidas complementarias e a previsíbel pegada na vida doméstica, foi novamente debatido na illa a partir dun artigo publicado no diario Granma 19 de agosto, co título Unificación monetaria no horizonte de Cuba. Especialistas do Banco Central de Cuba trataban neste texto a necesidade de eliminar a dualidade monetaria e cambiaria, prioridade presente hai anos nos documentos rectores da política económica e social da nación.

A seguir, apareceran inquéritos sobre o cámbio monetário nos que a poboación expresábase encol da reforma, e, no entanto, podíamos ler nas redes sociais opinións a prol ou en contra da importante reforma.

“Sería oportuno que economistas e outros especialistas explicasen ao pobo as consecuencias previsíbeis deste proceso, positivas e negativas”, pediu no Facebook o internauta Abel Tablada. Na mesma rede, o profesor e académico cubano Julio Carranza dixo que a reforma cambiária sería a parte máis difícil deste proceso.

Non é a primeira vez que inzan en Cuba rumores desta caste, depois de o Consello de Ministros anunciar 25 de outubro de 2013 que comezaría a traballar no proceso de unificación. Co gallo deste anúncio, non foron poucas as persoas que trocaron nos estabelecementos de CADECA (Casas de Cambio) os seus pesos cubanos convertíbeis (CUC) en pesos cubanos (CUP). Cuba conta con estas dúas moedas oficiais e un CUC equivale a 25 CUP.

O CUP foi proclamado oficialmente moeda funcional en marzo de 2014, a partir de tres resolucións do Ministerio de Finanzas e Prezos,con vistas a desaparición do CUC. Desde esa data e ao longo de 2015, moitos economistas anticiparon o chamado Día Cero da unificación monetaria, mais a reforma non deu chegado e até 2017 non reapareceron comentarios sobre o tema. Nesa altura falouse da constitución de equipas de expertos encargados de afinar pormenores da reforma, na previsión de o seu saldo ser positivo para o país, malia anticipar custos económicos e sociais.

Tamén a finais do 2019 circularon rumores dun cambio inminente do valor do dólar con respecto ao CUP de un por 50, decontado desmentidos polo viceprimeiro ministro Alejandro Gil, en declaracións a Prensa Latina.  Negóu Gil, que é asemade ministro de Economía e Planificación, a data de 1 de xaneiro de 2020 para a entrada en vigor da reforma.

Coicidindo cun feixe de medidas para enfrontar a crise global ocasionada pola Covid-19 e o asañamento do bloqueo dos EUA contra Cuba, soaron novamente  os sinos da reforma económica.

O pasado 16 de xullo, o presidente cubano, Miguel Díaz-Canel, anunciou, ao cabo do Consello de Ministros, que o goberno estaba a ultimar detalles para completar en breve a unificación monetaria e cambiária. Falando na Televisión Cubana, precisou que a unificación eliminaría case a totalidade das trabas que gravan o desenvolvemento das forzas produtivas.

Máis unha vez, cubanos e cubanas maniféstanse verbo da posíbel proximidade das medidas. Sobre o asunto, o xornalista cubano Ariel Terrero, analista económico e colaborador da prensa impresa e televisiva, adiantou dous acontecimentos previos á reforma: o Día Cero e a nova tasa de cambios. Terrero é tamén director do Instituto Internacional de Xornalismo José Martí.

A demanda popular de máis información sobre os cambios previstos, aumenta arredor destes comentarios. Ariel Terrero transmite seguridade sobre a reforma que desta parece certa: “non nos deixaremos provocar”.

Traducido ao Galego para Terra Sen Amos, por Erea del Rio Iglesias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *