“Canda falta a luz, a opción e contar a verdade de como se está a solventar o problema” (Iroel Sánchez)

Iroel Sánchez – Cubadebate

É moi duro o que estamos a pasar en Cuba. Procurar culpábeis no medio dos apuros é unha tentación que ben se comprende, mesmo que non adoite ser xusta. Non hai solucións sen chata, e nomeadamente cando se está a buscar solución no medio dunha guerra campal, con efectos económicos que fan que calquera erro multiplique as súas consecuencias.

Instantánea da primeira intervención nunha central cubana en Marzo de 2021. Un proceso acumulado de deterioro tecnolóxico das centrais eléctricas, de imposíbel solución urxente, multiplica dende 2021 os problemas no servicio en Cuba.  Os cortes de luz atormentan á poboación ao tempo que dan folgos ao oportunismo político que inza as redes de trolas e alarmas, como conta o autor do artigo.

A razón non quer forza nin a forza quer razón. Para quen sabemos como o noso pobo, guiado por Fidel, loitou e venceu nas máis arriscadas circunstancias,  a escusa non ten lugar. A única opción posíbel, é contar a verdade a ese pobo invencíbel, como eu coido que se está a facer.

Porén, cando vexo como un cubano residente nesta illa pregunta en facha de fiscal cibernético por que non reparáramos as termoeléctricas no 2021, apálpome aínda vivo, tanto coma el, busco a taxa de letalidade por Covid aquí, e comprobo que é a metade da do resto dos países de América. Recordo que sen ingresos por turismo e remesas, con todas as fontes de divisas coartadas polo xenocida Trump e o seu continuador Biden, Cuba gastou o diñeiro que tiña e o que non tiña para facer que el, eu, e os nosos parentes e amigos, tivésemos o dobre de probabilidade de sobreviver á pandemia que calquera habitante doutra nación deste continente. E todo iso preservando empregos e salarios, o que xerou un déficit fiscal maior, que hai que resolver de urxencia, igual que compre atender atender os efectos nocivos dun ordenamento con erros de deseño, como hoxe se recoñece.

E quen son felices porque alguén proclama o que eles queren escoitar, negáronnos nese mesmo ano 2021 até o osíxeno e ofreceron vacinas cando xa estabamos vacinados coma o que máis, sen nos custar un centavo a ese alguén ou a min; a esa economía cercada que non puido reparar as termoeléctricas a tempo, si lle custou, aínda que iso sexa invisíbel.

Comparto lusco e fusco con el, como compartirei o destino das bombas cos opositores que coidan que os mísiles veñen con dirección, número de carné de identidade e un cartaz  ben grande que dirá só para comunistas, se chega o dia no que, grazas a opinións como a súa, os da beira equivócanse e crennos divididos abondo para non poder defendernos.

Pero se iso non sucede, grazas a que Facebook non é Cuba, nin o pobo de Cuba é o que as pantallas din por conta do imperio, e todo este apuro pasa, como xa pasaron outros non menos graves, eu volverei compartir con el médicos e vacinas, aínda que non afectos nin respecto, porque  a pobreza pasa: o que non pasa é a deshonra. Palabra de mestre.

Versión en Galego de Adela Roade para TSA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *