Cara a integración na diversidade da Nosa América no VII Cume da CELAC

A  Patria Grande de Bolivar, Martí e Hugo Chávez e Fidel, renace na nova asemblea da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños que recén aconteceu na capital arxentina. O Manifesto de Bos Aires invita ao multi-lateralismo solidario.

Farruco Sesto – NÓS diario

A idea-sentimento da unidade latinoamericana vén de lonxe e forma parte medular do ideario bolivariano. Formulada inicialmente por Miranda e retomada e impulsada por Bolívar, esa idea permanece no imaxinario colectivo, desde comezos do século XIX, como choiva que non molla pero empapa.

Bolívar expresouno en 1815, na súa Carta de Xamaica: “Desexo máis ca ninguén ver  formar en América a máis grande nación do mundo, menos pola súa extensión e riquezas que pola súa liberdade e gloria. É unha idea grandiosa pretender formar de todo un mundo novo unha soa nación cun só vínculo que ligue as súas partes entre si e co todo.”

Pero non só o expresara senón que, de feito, convocou unha magna asemblea con representantes plenipotenciarios dos distintos países para discutilo, acontecido en 1826 e convertido en historia co nome de Congreso Anfictiónico de Panamá. Porén, seus esforzos foron inútiles. Como inútiles resultaron tamén as distintas versións de integración, xa moito menos ambiciosas, que tiveron lugar dende aquela, ao longo destes dous séculos transcorridos.

E iso foi así, porque esa unión das nacións, entendida como unidade dos iguais, carecía de posibilidade real, baixo a sombra interventora dos EUA que xa desde 1823 proclamaran publicamente seu dereito ao control de todo o territorio continental.

É comprensíbel, pois, que para atender esa materia pendente da unidade americana, un bolivariano como o era Hugo Chávez, xunto cun grupo solidario de presidentas e presidentes de avanzada, expuxesen e desen convencido ao resto de presidentes e xefes de goberno da rexión para integrar e conformar unha Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños, que con ese nome, coñecemos hoxe coma CELAC. Acordada a súa fundación en 2010 nunha reunión que se deu en México, e primeiro cume que consagraba a súa existencia tivo lugar ao seguinte ano en Caracas.

Nel, o anfitrión Hugo Chávez, expresaba con moita claridade: “Até cando? Até cando imos ser nós a periferia atrasada,  explotada e aldraxada? Xa abonda; estamos a poñer aquí a pedra fundamental da unidade, a independencia e o desenvolvemento suramericano. Vacilar sería perdermos (…) Ou facemos unha patria grande ou non haberá patria para ninguén nestas terras, entendámolo definitivamente”

Pola súa banda, Raúl Castro, presidente de Cuba naquela altura, expresaba maxistralmente a importancia dese proxecto de unidade na diversidade: “Temos o privilexio de asistir a un acto fundacional de carácter transcendental (…) reivindicamos máis de dous séculos de loitas e esperanzas. Custounos esforzos chegarmos tan lonxe, pero tamén sangue e sacrificio; as metrópoles coloniais de outrora e as potencias imperiais de hoxe foron inimigas deste empeño. (…) A Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños é a nosa obra máis prezada; simbolicamente, consolida o concepto dunha rexión unida e soberana, comprometida cun destino común. En termos estratéxicos, bríndanos o instrumento político requirido para axuntar vontades, respectar diversidades, resolver diferenzas, cooperar polo ben dos nosos pobos e solidarizarnos uns cos outros”.

Doce anos despois, son agora igualmente outros dous presidentes de Venezuela e Cuba quen nos ratifican aquela visión. Dinos Maduro: “Asumirnos como Patria Grande e asumir a política da Gran Política, a política escrita con P maiúscula, a política da unión na diversidade, respectando as características especificas dos modelos políticos, económicos e sociais de cada país, respectando o programa político de cada liderado que estea á fronte de cada país, de cada goberno, facendo un grande exercicio de tolerancia, de inclusión, que nos leve a unha unión verdadeira na diversidade política, ideolóxica, cultural”. Ao tempo que Diaz Canel afirma: A Celac é obra de todos; fortalecela constitúe unha necesidade inaprazabel e un deber compartido para lograrmos a unidade e integración do que Martí chamou Nosa América”.

Co gallo do recente VII Cume da Celac, celebrada días pasados en Arxentina, é ben lembrar estas orixes, estes propósitos, estas razóns, estes sentimentos, para entender que a tarefa de construción da unidade latinoamericana e caribeña, é un compromiso de longo alento que non debe cesar nin desviarse. Aínda máis, nesta época na que a crise das hexemonías occidentais, correspondente a unha visión unipolar do mundo, comeza a abrirlle paso á imparábel realidade dun novo mundo multipolar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *