Censura na prensa privada e delincuéncia pública no Estado de Dereito

Iroel Sánchez – Al Mayadeen (Edición de Terra Sen Amos)

O xornalista cubano Iroel Sánchez, trata no medio Al Mayadeen da situación das liberdades naqueles Estados que se conforman seguindo os consellos dos paises colonialistas non arrependidos, e atopa unha realidade que non se parece a descrita na propaganda global dominante. O responsábel do medio La Pupila Insomne, o criterio dixital cubano máis prezado dentro e fóra da illa, denuncia medios privados que falsean situacións obxectivas non comparábeis co propósito de salientar problemas en Cuba e refírese en concreto ás diferenzas entre a economia do Viet Nam actual e a cubana, a conta da teimosa recomendación da dereita de os cubanos seguiren  o rego do pais asiático.

A prensa privada silencia a farta reserva de gas e petróleo de Viet Nam, e a súa deficiente asistencia social cando se trata de comparar a súa economia rebordante coa de Cuba sen recursos.

Comentando unha serie de artigos publicados en La Jornada, dedicados ao VIII Cumio das Américas, a celebrar en Quito no mes que andamos, Sánchez observa que 28 dos 84 presidentes que pasaron polo Cumio das Américas dende 1994, están en situación de impunidade, 8 receberan penas menores de cadea, 5 están presos,3 esperan sentenza dos tribunais dos EUA, 2 están fuxidos e 1 regresou ao seu pais logo de prescreber a súa causa.

“Neses mesmos países –explica máis adiante- existe división de poderes, eleccións directas da presidencia, maioría absoluta de medios de comunicación privados e una economía na que as  empresas xestionadas polo Estado son poucas ou ningunha, realidades que esa mesma prensa privada da que xa temos algúns representantes en Cuba, recomenda imitar”. O autor repara que os 28 presidentes citados pertencen a paises con prensa privada e división de poderes.

Aos que puidesen alegar que tanto as sancións coma a impunidade dominante son refrexo da división de poderes e o Estado de Dereito, o xornalista recorda mediacións omiinosas nas contradicións da clase dominante, coma a do Tribunal Supremo dos EUA ao entregar a vitoria a W. Bush no ano 2000, e, contra as maioria populares, praticar golpes de estado parlamentares, verbigracia Paraguai e Brasil, ou a convalidación do fraude escandaloso de Honduras, por non falar da xudicialización do cerco político contra Lula, Cristina Fernández ou Jorge Glass no Ecuador. “Vendo o que está a pasar con Lula na maior democracia de Latinoamérica, o Brasil, os que teiman en que Cuba aplique a suposta división de poderes do estado burgués, como pode lerse na prensa privada que deixou Obama na Illa, ou son parvos ou caralavadas.”

O autor recorda que no capitalismo non se reparte o poder e a clase que o detenta, organiza o exercicio de funcións segundo conveña aos seus intereses. “O poder real está na economía e os medios que interveñen e violentan impunemente as institucións do sistema, case sempre de esguello ou a ferro e fouce cando ven en perigo os seus intereses”.

Iroel Sánchez recorda que a mesma prensa privada que arrabea polo Estado de Dereito, censura a realidade de que a prensa privada non está permitida no Viet Nam, país que tamén algúns -comezando polo ex Secretario de Estado John Kerry, no seu dicurso inaugural da embaixada de EEUU na Habana- prefiren coma modelo para Cuba, mais no económico, non no político. Xa que logo, no político Cuba debe copiar do modelo que Washington impuxo con pólvora e cabezas cortadas durante ben máis dun século en América Latina. “Kerry referíase ao Viet Nam coma un país dinámico, cunha economía crecente, mais agachou, igual ca os analistas da prensa privada, que en Viet Nam moi probabelmente estarían presos ou multados, e que nese país admirábel onde tanto queren aos cubanos, especialmente a Fidel, malia a fortaleza cultural que supoñen miles de anos como nación antes dos EUA existir, con lingua propia e oito veces a poboación de Cuba, a miles de quilómetros do territorio estadounidense, todos os medios de comunicación son de propiedade pública, e as regulaciones sobre a difusión de información por privados a través do Internet son moito máis restrictivas que as cubanas.”

A seguir precisa que no país dinámico, a xestión eficiente da economía e a ampla participación do sector privado no socialismo, non supoñen propiedade privada sobre os medios de comunicación, e o seu colosal salto na a economía depois do estrago da guerra imperialista, non pode facernos esquecer que, a diferenza de Cuba, Viet Nam ten petróleo para o seu consummo e para exportar por máis 7.000 millóns de dólares ao ano (cifras de 2014) e está situado na rexión do mundo onde máis medraron os investimentos e o comercio nas últimas décadas. “E como explicara Fidel –engade- precisamente nunha conversación con Lula, de visita en Cuba: “non existe entre nós a man de obra requirida para aplicala intensivamente na produción de grans, como fan os vietnamitas e chineses, cultivando a pé feito o arroz e extraendo ás veces dous e ata tres colleitas. Isto corresponde de porparte a tradición histórica da terra e dos seus poboadores. Non pasaron antes pola mecanización masiva das modernas colleitadoras. En Cuba hai ben tempo que abandonaron o campo os cortadores de cana e os traballadores dos cafetais das montañas, como era visto”.

“Tamén non din os que recomendan a Cuba copiar de alí –abonda o autor do texto- que pésia o esforzo e transformación económica, no socialismo vietnamita o 25% da poboación non ten asegurada a atención médica, o 10% é analfabeto, a mortandade infantil é catro veces superior á de Cuba e máis do 50% do emprego urbano é informal, ou sexa sen contratos nin xubilación garantida, mentres que a moi imperfecta economía cubana permite que os nados na Illa vivan como promedio oito anos máis ca os seus conxéneres do irmán país asiático”.

Iroel Sánchez regresa a unha importante pregunta que ten suscitado en anteriores artigos: Como seria a economia cubana se o pais puidese dispor dos orzamentos da saúde, a educación e aseguridade social? “Recortando eses recursos, con indiscutibel repercusión negativa nos indicadores antes citados, se cadra poderíanse atinxir os niveis de crecemento económico que moitos coidan necesarios para a economía cubana, arredor do 7% anual, mais se fose así, percibirían os cubanos como socialismo e prosperidade vivir menos anos e que a enfermidade e a morte castigase aos seus familiares mentres unha parte deles tivese maior acceso a bens de consumo? Poderia resistir en Cuba un goberno que fixese tal cousa?”

O director de La Pupila Insomne admite que hai ben que aprender dese Viet Nam que na guerra como na paz segue asombrando a moitos, pois non é só Cuba senón o mundo enteiro quen debe aprender deles, do mesmo xeito que o pobo vietnamita e os seus líderes admiran os avances do socialismo cubano. “O que non debe facerse –conclúe- é pender a información e só dar unha parte con evidentes obxectivos politicos porque, con experiencias diferentes, Cuba e Viet Nam dan exemplo de colaboración cos  pobos do mundo e de preservación da súa soberanía nacional por non teren gobernantes cuxo único compromiso sexan as contas bancarias privadas. Os dous países dinamitaron a estrutura corrupta e corruptora dun aparello estatal ao servizo duns poucos,  que fora presentado interesadamente coma único xeito posibel de organizar a sociedade.”

http://espanol.almayadeen.net/articles/main/247243/lo-que-hay-que-ocultar/

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará