Censuran as revoltas en Porto Rico contra a luz privatizada e dinque os cortes de enerxía en Cuba son un fracaso do comunismo

Lázaro Oramas – Cubadebate

As avarías da rede eléctrica de Cuba e os cortes de luz, son novas de primeira na prensa  internacional. A súa causa é evidente e obxectiva: a precariedade tecnolóxica das centrais eléctricas dun país sen divisas e baixo o bloqueo dos EUA. Mais só lemos que é a expresión do fracaso do comunismo, ou do que chaman Estado falido. Porén en Porto Rico, co servizo eléctrico privatizado, os apagamentos son constantes.  Será culpa do comunismo? Grupos de persoas saen protestar en Cuba, desesperadas polos cortes de luz, e outros afirman que son protestas populares contra o goberno e que se saen ás rúas é para reclamar liberdade. Pola contra, en Porto Rico, a policía dispara a cara de can gases lacrimóxenos contra as protestas polos apagamentos e bate nos xornalistas,  mais os medios nunca usan termos nin parecidos a réxime, represión, liberdade ou Estado fracasado.

Carencias causadas polo bloqueo na termoeléctrica Antonio Guiteras, en Matanzas, foron tratadas na prensa do capital coma un fracaso do modelo público; ao tempo censuraban violentas cargas contra marchas de protestas en Porto Rico pola desfeita dun sistema de luz privatizado.

En tempo de inflación, en Cuba non subira o prezo da luz; en Porto Rico a suba foi de 60%; en Colombia, país petroleiro e con grandes investimentos estranxeiros, hai aínda medio millón de vivendas sen electricidade; a electrificación en Cuba, pola contra, segundo datos do Banco Mundial, é próxima ao 100%.

A retórica do “Estado fracasado” que desta aplican a Cuba, vai sempre unida á petición -directa ou de esguello- dunha intervención humanitaria de parte dos EUA. É o obxectivo que completa sentenza: Washington aperta o bloqueo ao máximo, para provocar estalidos sociais, revoltas e emigración descontrolada; a seguir, o imperio preséntase como a man salvadora ante a crise que eles provocaran. O resto, é sabido. A de Libia, que pasou, de ser o país con maior índice de desenvolvemento humano en África, a converterse –este si- nun verdadeiro estado fracasado, con dous gobernos en guerra civil interminábel; ou a de Siria, onde EUA, logo de inzar unha guerra civil de dez anos, segue a roubar aínda hoxe o petróleo do país, a razón de 66 mil barrís diarios. Os medios non reparan nestes feitos.

Proclamada a independencia dos EUA, o Goberno levou a cabo 400 intervencións militares; promoveu 350 golpes de Estado dende 1982, 150 deles con éxito. Xullo pasado, John Bolton,  asesor de Seguridade Nacional do goberno Trump, confesaba con rexouba a súa participación directa en varios golpes de Estado. Trasnadas antidemocráticas da Casa Branca que a prensa libre comenta con humor.

O bloqueo dos EUA acabou co 99% dos ingresos petroleiros de Venezuela, con consecuencias sociais, igual que para Cuba, catastróficas. Con todo, para este ano prevese que a economía venezolana medre non menos do 10%. O cerco político, económico e mediático contra Caracas, fracasou. Queren unha proba? O diario El  País, que non hai moito recoñecía Juan Guaidó coma presidente interino de Venezuela apoiado por máis de 50 países e que agora degrádao a candidato opositor. Pero as feridas da guerra económica contra o pobo de Venezuela tardarán en sandar. Os culpábeis están na hemeroteca: os gobernos, partidos políticos e xornalistas que recoñeceran un espantallo golpista imposto por Donald Trump.

A vicepresidenta de Arxentina, Cristina Fernández, sofre arestora unha persecución xudicial que tenta impedir a súa candidatura ás eleccións vindeiras. Algo que recorda ao sufrido en Brasil por Lula. Non hai proba contra ela, pero quen ditan sentenza son os medios para os que non rexe a presunción de inocencia. Patricia Janiot, xornalista de Univisión, dicía que os actos de apoio popular a Cristina son insólitos,  pois non existen probas da súa inocencia. Lembra alguén se Patricia Janiot denunciara, anos atrás, o asasinato dos seus colegas profesionais en México ou Colombia? Non. Mais desta si, porque en ambos os países hai gobernantes progresistas que non son do seu agrado.

Xustiza aínda. Recén condenaron en Israel ao palestino Mohamed al Halabi, director para Gaza da ONG World Vision a doce anos , por un suposto desvío de diñeiro á organización Hamas. A ONG, con sede en Nova York, así como o seu patrón, o Goberno de Australia, realizaron senllas auditorías sen que atopasen operación irregular ningunha. Hai un ano, a cooperante española Juana Ruiz foi condenada a 13 meses de prisión polo mesmo motivo. Estamos a falar de Israel. Impune, libre de condenas e de comentarios na prensa.

Por certo, a comezos de agosto, novos bombardeos de Israel sobre Gaza mataron 48 persoas, 17 delas cativos. Acontece en Palestina, símbolo e cifra do mundo no que vivimos, onde cada mísil deitado custa 100 mil dólares, dispárase desde un avión valorado en 20 millóns e custa 6 mil dólares a hora de voo para acabar coa vida de persoas que, alá abaixo, viven con menos dun dólar ao día.

Tradución ao Galego de Lina Sobral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *