Chomsky e Krugman secundan a alarma de Fidel pola ameaza do capitalismo para a vida no planeta

León Mera – Terra Sen Amos
O mundo está nunha encrucillada entre a vida e a probabel desaparición da espécie humana a causa do capitalismo imperialista. Este xuizo publicado 7 de febreiro no diário de México La Jornada, é do linguista e  filósofo norteamericano Noam Chomsky, de 88 anos, unha persoa respectada pola independéncia da súa opinión. A súa reflexión coincide con outro recente aviso realizado en parecidos termos por Paul Krugman, economista estadounidense, profesor de Economía e Asuntos Internacionais na Universidade de Princeton, quen coida que nas eleccións presidenciais no seu pais está en xogo o destino do planeta. Alarma a Chomsky o desprezo dos republicanos polo quecemento global e a súa desrazoada proposta de aceleralo, asi coma o rearme nuclear de inquedante actualidade. Dúas opinións que fan xustiza ao histórico discurso de Fidel Castro na Conferencia das Nacións Unidas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento, celebrada en Río de Janeiro, no que advertira que a nosa especie estaba en perigro de extinción. A conferéncia fora en 1992.

O Partido Republicano dos EUA despreza a ameaza do quecemento global e o risco nuclear.
O Partido Republicano dos EUA despreza a ameaza do quecemento global e o risco nuclear.

“Vivemos un intre da historia no que a humanidade ten que decidir entre seguir vivindo ou morrer -sinala Noam Chomsky- Eis a nosa disxuntiva. Non se trata da morte de todos, mais si da destrucción das posibilidades de vida digna. Temos unha organización chamada Partido Republicano, disposta a acelerar o quecemento global e non me engano, porque é precisamente o que pretenden facer”. Krugman acusa ao partido de Trump de recusar a intervención sobre as emisións de CO2, depois de o ano pasado rexistrarse un aumento de temperatura sen precedentes. “A verdade -afirma- é que o cambio  climático ponnos máis medo e é o problema de política pública máis importante, para EUA e para todo o planeta”. Para a continuidade da espécie humana, concede Chomsky tanta ou máis importáncia ao aumento do arsenal nuclear e coincide co ex-secretario de Defensa de EUA, William Perry, quen advertira de a pouco que a amenaza dunha guerra nuclear e maior hoxendía ca no tempo da Guerra Fría. “A guerra nuclear estivo a piques de suceder ben de veces”, comenta o filósofo.

Nun artigo publicado en Xaneiro de 2012, Fidel retoma o seu nomeado discurso de Rio e fala da marcha da humanidade cara o abismo “Poderiamos falar mesmo dunha marcha “inexorabel” e coido deber elemental de todas as persoas  con critério, que son millóns, loitar por adiarmos, e no posibel por impedirmos, ese dramático e próximo acontecemento do mundo actual. Ameázannos moitos perigos, mais dous deles, a guerra nuclear e o cámbio climático, son decisivos e ambosdous están hoxe máis lonxe dunha solución”. A única forma de evitar o uso de armas nucleares é suprimíndoas, di Fidel. “Os EUA, nun lugar privilexiado do planeta que lles permite os máis altos niveles de vida e riquezas no mundo, mália un incríbel estrago de recursos non renovábeis, debera ser o máis interesado na información que lle ofrecen os científicos. Cánto espácio adican a esa tarefa os medios masivos de comunicación? A teoría do Inverno Nuclear aprendeunos que se estas armas non existisen, non poderían ser utilizadas. No momento actual non hai nin un só argumento racional para usalas; se non poden usarse, é preciso destruilas para estarmos libres de riscos, a causa de erros de cálculo ou de calquer atitude demencial”.

A mensaxe central do discurso de Fidel no Encontro de Rio aparece matizada, historicamente relacionada e ampliada en sucesivos artigos seus publicados baixo a capitular de  Reflexiones e poden recoñecérselle innúmeros ecos nos foros do ALBA e nas conferéncias de paises do Sul. Non sucede o mesmo coas institucións do hemisfério Norte que declaran unha vocación pacifista e de conservación da natureza. O Instituto Internacional de Estocolmo para a Investigación da Paz (tamén citado coma SIPRI polas súas siglas en Inglés) ocúpase do gasto militar, a produción e comercio de armas, o desarme, e a seguridade internacional. Nos seus comunicados non hai nin suxeréncia, nos últimos 24 anos, dun momento crítico da humanidade.

O Instituto Nobel de Noruega, relacionado co anterior, concedeu o Nobel da Paz a Barak Obama, polo seu “esforzo por librar o mundo de armas nucleares”. A entrega foi uns meses depois da mensaxe de Fidel en Río, e en cinco anos máis, o mesmo presidente lanzou un proxecto de 1 billón de dólares (un trillón anglosaxón) para modernizar as capacidades nucleares dos EUA.

A alarma de dous persoeiros norteamericanos coma Chomsky e Krugman sobre un inminente perigo planetario, deixa as institucións defensoras dos dereitos humanos do Norte na horta dos benditos. Non hai moito, os Nobel da Paz Mairead Maguire e Adolfo Pérez Esquivel denunciaran a relación do Observatorio de Dereitos  Humanos (Human Rights Watch’s) con sede en Nova York, coa CIA e a OTAN. Outras entidades coma o Instituto para o Futuro da Humanidade (FHI nas súas siglas inglesas) domiciliado en Oxford, profetizan un tempo a vir no que ordenadores intelixentes poidan eventualmente resolver os problemas do mundo o que, cando menos, implica un recoñecimiento da impoténcia para entenderen os riscos dun mundo governado pola acumulación do capital.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *