Comeza a campaña polo 1.000.000 de asinaturas para a liberdade dos Cinco

O 12 de setembro de 1998, foron detidos e encarcerados en EEUU cinco cidadáns cubanos -René, Gerardo, Fernando, Ramón e Antonio- residentes naquel momento nese país.

Un proceso xudicial sen as debidas garantías e falto de probas condenounos a inxustas penas, que van desde os 15 anos ata dúas cadeas perpetuas. Dita carencia de probas foi recoñecida pola propia Fiscalía de EEUU (2001). Aínda así, os CINCO seguen cumprindo as súas duras penas de cárcere en distintas cadeas norteamericanas.

É unha opinión amplamente compartida que os CINCO foron vítimas dun xuízo político e que a xustiza estadounidense demostrou que, nese país, ser cubano e revolucionario é elemento suficiente para ser encarcerado.

Comeza a campaña polo 1.000.000 de asinaturas para a liberdade dos CincoO Comité de Detencións Arbitrarias da ONU interesouse por este caso e comparte o cuestionamento das condicións en que se celebrou o xuízo que os condenou.

Tras 12 anos de inquebrantable defensa das súas conviccións, os Cinco teñen gañado un recoñecemento global como loitadores contra o terrorismo que se está dirixindo contra Cuba. O seu único crime é que informaron sobre accións terroristas que algunhas persoas estaban planeando en territorio estadounidense contra o pobo cubano, e que denunciaron situacións nas que terroristas opostos a Cuba e as súas organizacións poñían ao propio pobo estadounidense en perigo.

Desde a súa detención, aos CINCO téñenselles aplicado medidas de especial rigor nas condicións do seu encarceramento: internamentos de illamento no chamado “burato”, continuas negativas por parte do goberno estadounidense para que sexan visitados polos seus familiares, tendo sido violadas en numerosas ocasións as propias leis estadounidenses e os máis elementais dereitos humanos.

O presidente de EEUU pode e debe ordenar a liberdade dos CINCO; desde os pobos de Europa, os abaixo asinantes, esiximos xustiza e pedimos a súa liberación inmediata.

Os Cinco

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *