Comeza na Filmoteca Galega un ciclo sobre o movemento documental da Revolución Cubana

SERMOS GALIZA

No Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) comeza hoxe 15 de novembro o ciclo Por un cine imposíbel. Documental e Avangarda en Cuba (1959-1972), que terá como cenário a súa sede da Coruña, na Rúa Durán Loriga, 10 baixo. O programa consistira en oito xornadas con 38 títulos rodados entre 1959 e 1972 e desenvolverase as terzas e cuartas até 14 de decembro. O ciclo está centrado no movemento documental cubano nacido da man da Revolución, responsábel dun legado cinematográfico histórico de referéncia en todo o mundo. A organización é da Filmoteca Galega, coa colaboración da Cinemateca de Cuba e do Centro de Arte Reina Sofía.

Julio García Espinosa teorizou sobre un cine precário, directo e necesário que viraba a necesidade en virtude e chamaba a atención das escolas cinematográficas de todo o mundo.
O director cubano Julio García Espinosa teorizou sobre un cine precário, directo e necesário que viraba a necesidade en virtude e chamaba a atención das escolas cinematográficas de todo o mundo.

O profesor e documentalista londinense Michael Chanan é o comisario da escolma, que arranca 15 terza feira cunha sesión dedicada aos primeiros anos da Revolución Cubana e iluustrada con un dos noticieros semanais do cineasta Santiago Álvarez, coñecido coma o Dziga Vertov cubano e figura indispensábel  neste ciclo.

Nos noticieros, Álvarez conectaba diferentes temas a través dun discurso político concreto ou ben os transformaba en documentais monográficos que nalgúns caasos deron lugar a longametraxes. Unha escola prática  onde os novos cineastas aprenden a crear cine pola via directa e en condicións materiais básicas, con aproveitamento dos materiais dispoñibles. Deste xeito, a metraxe de arquivo convértese nun recurso básico para o documental.

O ciclo do CGAI propón un percorrido cronolóxico e temático polo documental cubano deste período, baixo os seguintes subtítulos: Comezos, Batallas, Loitas Longas, Mulleres, Alleos, Lente Ancha, Perspectivas 1, Terceiro Mundo, Santiago Álvarez, Culturais, Perspectivas 2 e Perspectivas 3.

A panorámica conta o nacemento dun novo cine cubano a partir da Revolución e revela o importante papel político que nela representa o documental. Un dos seus teóricos será Julio García Espinosa, de quen mércores 30 proxectarase Terceiro Mundo, terceira guerra mundia’, rodada en Vietnam en 1968, un dos títulos máis representativos do ciclo e  exemplo desta corrente experimental.

No seu manifesto Por un cine imperfecto, García Espinosa defende de feito o acabado non perfecto deste tipo de cine emerxente e de baixo orzamento que representa o contra-molde das grandes producións de Hollywood e da luzada da grande pantalla á que o proppio Espinosa atribue  a anulación e cousificación do público.

Mália non contar coas novas cámaras de 16mm, que na década dos sesenta favorecen a estética do cine directo e do cinéma verité, o audiovisual cubano experimenta un aumento de proxectos e de cineastas que saen á rúa para narraren a actualidade e o contexto cambiante que os rodea.

Como contrapunto, Por un cine imposible. Documental e Avangarda en Cuba,  inclúe unha selección de filmes realizados na illa por cineastas estranxeiros chegados durante os primeiros anos da Revolución: desde Joris Ivens, que acepta un convite do propio Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC), até Chris Marker e Agnès Vardá, que rodan voluntariamente testemuños puntuais de solidariedade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará