Con Cuba sempre, agora e en calquera circunstancia

Farruco Sesto – Nós Diario

Amo a Cuba. Pois ela forma parte da modesta casa da miña vida, como unha das súas pedras fundacionais.

A cousa podo explicala así: de Cuba souben e por Cuba intereseime moi cedo, en plena adolescencia, coas historias e noticias de rebelións e de combates liberadores, que nos ían chegando nos avatares daquela longa noite de pedra na que nos moviamos aprendendo a ler entre liñas e a pensar a contracorrente.

Logo, co paso de tempo, funme sentindo cada vez máis unido espiritualmente a ela, puidésemos dicir que representado por ela, pola Cuba revolucionaria, na complexa aventura de vivir e, sobre todo, de vivir en sociedade cando un está sensibilizado, vaia vostede a saber por que, ante os demos da inxustiza. Cuba presentáballe ao mundo como proxecto, un xeito propio e moi persoal de confrontar colectivamente eses diaños desalmados da desigualdade, a explotación, a opresión, a exclusión, e eu permitinme facer meu ese proxecto que me cativou. Sumeime a el. Convertino nunha guía para explorar os horizontes do posibel.

Ao longo de todas as miñas militancias, digamos, intelectuais, universitarias, sociais, políticas, Cuba non deixou de estar presente como unha referencia fundamental. Sabendo, como sempre souben, que a política é contexto, porque a loita por transformar a realidade dáse nun mundo sumamente diverso, non deixei de mirar a Cuba como o exemplo de que, en calquera caso, sexan cales sexan as circunstancias, e por suposto con diferentes modos de facelo, sempre é posibel lograr avances significativos nesa loita que nunca termina por construír un mundo mellor.

Así, estiven moi contento cando en 1974 presentouse a ocasión de poder viaxar a Cuba. E aínda que aquela era unha viaxe moi persoal, hai que aclaralo, desligado de toda relación política, serviu para construírme unha primeira idea real, unha imaxe concreta por así dicilo, do que era aquel país en revolución que procuraba edificar unha sociedade de iguais. Percorrendo a Illa por terra, toda ao longo, desde Santiago ata a Habana, reforzou  meu agarimo por Cuba e pola súa xente. Xa na capital, visitei a Casa das Américas onde tiven a sorte de coñecer persoalmente á lendaria Haydée Santamaría e compartir con ela.

Pasaran máis de dúas décadas, cando a finais de 1997 tiven a oportunidade de viaxar novamente a Cuba formando parte dunha pequena delegación de catro persoas, esta vez nunha viaxe de claro contido político. Reunímonos co comandante Fidel Castro, ao longo dunhas 12 horas durante dúas xornadas cuxo recordo forma parte indelebel da miña memoria política, coa conciencia de que ese foi un dos momentos máis importantes da miña vida.

Foi precisamente nesa viaxe onde coñecín tamén o comandante Manuel Piñeiro, quen estivo presente nas reunións con Fidel, e que como se sabe foi un dos revolucionarios máis emblemáticos, polas súas tarefas moi particulares no seo da revolución cubana. Tiven a oportunidade de preguntarlle polas súas orixes e confirmoume que si, que tanto a súa nai como o seu pai eran galegos emigrados a Cuba.

O meu conto sobre Cuba, como pode supoñerse sería longo, pois a partir de 1999, e xa no cumprimento de distintas tarefas como funcionario do goberno bolivariano, correspondeume o privilexio de visitar a Illa infinidade de veces para participar en múltiples reunións e actividades, que unha detrás doutra foron desenvolvendo e fincando na miña alma, por así dicilo, un especial amor por Cuba, que é amor polo seu pobo e a súa revolución, que vén sendo o mesmo.

Pero como a lonxitude desta nota non dá senón para unha breve pincelada, déixenme rematala puntualizando que ese incondicional amor por Cuba que confeso, ademais do compoñente pasional ten tamén moito de admiración e sobre todo de agradecemento. Por ser Cuba o que é, por estar alí, por resistir ao mais grande e xenocida dos imperios, por ser exemplo de dignidade, de coraxe e de humanidade.

Con Cuba sempre, agora e en calquera circunstancia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *