“Con criatividade revolucionária, o xornalismo cubano pode vencer nos novos media” (Diaz-Canel no congreso da Unión de Periodistas)

Cubadebate – (Resumo e edición de Terra Sen Amos)

O xornalismo cubano pode vencer nos novos espazos mediáticos, traballando sen temores, creativamente, á ofensiva, con talento e criatividade revolucionária para superar as vantaxes tecnolóxicas das plataformas colonizadoras, propuxo Diaz-Canel na clausura do X Congreso da Unión de Periodistas de Cuba. O presidente de Cuba veu dicer que con máis de medio século de experiéncia anti-imperialista, o socialismo pode contestar a ofensiva privatizadora e denunciar a falsidade dun xornalismo invasivo que se presenta coma opción de esquerda mália estar pagado polo capital.

Ricardo Ronquillo, novo presidente da UPEC, a beira de compañeiros e compañeiras da directiva recén electa: Rosa Miriam Elizalde, Raúl Garcés, Ariel Terrero e Jorge Legañoa (Foto de Ladyirene Pérez/Cubadebate)

Non é a primeira vez que o recén eleito presidente expresa a súa confianza na inventiva revolucionaria, tantas veces invocada por Fidel coma reserva da resistencia dende tempos de Martí. “Os xornalistas cubanos –recordou- teñen o mérito indiscutibel de soster a voz da nación nas circunstancias e as horas máis adversas, con admirabel lealdade, elevado sentido de responsabilidade, talento, intelixencia e paixón contaxiosa que xera sempre interesantes propostas”.
Contra o agoiro pesimista do dominio das novas tecnoloxías da comunicación gobernadas polo capital, comentou que mália a tiranía das empresas que dominan o negocio das comunicacións, o país non se someteu ás regras do adversario nin deitou soberanía aos pés do progreso. “Por máis que chovan intentos de devolvernos a un pasado de sensacionalismo e prensa privada baixo máscaras novas, nin os medios públicos cubanos nin os seus xornalistas están en venda”. Aclarou que estaba a referirse “á aberta guerra que se nos fai desde medios que, baixo o garda-chuvas de mellores tempos nas sempre fráxiles relacións co veciño poderoso que nos despreza, atacan cada dia con máis xenreira todo o que nos une, o Partido que nos defende e a nosa Prensa, con ataques que procuran fracturar e separar o que vén dunha mesma raíz e crece nun mesmo tronco”.
Diaz-Canel referiuse a sorprendente articulación orgánica dos chamados novos revolucionários que adoitan gabarse de superioridade da independencia fronte a prensa de Cuba, e citou a M. H. Lagarde, que debuxou con ironía a nova clase de líderes promovida dende eses espazos.
“Eses novos revolucionarios xuran e perjuran que non son asalariados do pensamento oficial, mália aceptaren bolsas en universidades de EUA ou matrículas en cursos de xornalismo en Holanda, onde a non dubidalo ensínanlles a defender o socialismo en Cuba. Podemos presupor que tales cursos e becas son de balde”.
Citando a Lagarde, o Presidente recordou que “os novos revolucionarios chaman á desobediencia cando máis falta fai a unión; para eles, expertos tamén en política, nada teñen que ver con Cuba a persecución xudicial dos líderes de esquerda en América Latina, os intentos de golpes brandos e invasións en Venezuela e Nicaragua. Os novos revolucionarios son democráticos e respetuosos das opinións contrarias, por iso quen non comparta as súas posicións son: sumisos, carneiros, mansos, mediocres, talibanes, xemers vermellos, estalinistas, oficialistas e represores. A principal misión, xa que logo, dos novos revolucionarios é a de dividir, algo que sen dúbida, por veces, conseguen”.
Na súa intervención, o Presidente concordou co trato dado no Congreso á “batalla sen fin, entre a lóxica do capital, egoísta e excluínte, e a nosa lóxica socialista e martiana, fidelista, solidaria e xenerosa, porque, mesmo que queiran vendernos outra versión dos feitos, a teimuda realidade está demasiado á vista, pasando dolorosa factura aos que coidaron que o lobo era un año”.
Non deixou de citar as demandas salariais da profesión: “unha paga insuficiente administrada consonte vellas resolucións que é preciso superar e a situación material precaria dos medios e dos xornalistas, tema no que xa comeza a verse a luz ao final do túnel das nosas eternas escasezas”.
Lembrando que a unión de xornalistas (UPEC) e a Facultade de Comunicación da Universidade da Habana foran parte activa da elaboración da política e do seu axuste aos momentos actuais, dixo que a case totalidade do gremio participara en discusións fundamentais para a súa posterior aplicación. “Hai entusiasmo no Congreso polas portas que abre a preocupacións históricas e recentes do sector –recordou-, coma os sistemas de xestión que outorgan maior autonomía aos medios e o seu fortalecimiento, ordenamento e renovación tecnolóxica. Entendo que rabien os que non están invitados á análise porque non son parte da UPEC, nin da sociedade cubana que gañou con sacrificio e esforzos o dereito exclusivo a discutir seu futuro”.
Dixo non sentir sorpresa polas intrigas de parte dos asalariados do pensamento único mundial, na súa versión criolla ou estranxeira contra o Partido e o sistema de medios de Cuba. “Que esperaban? Se cadra que entregaramos as nosas axencias de noticias ao mercado e aos seus xornalistas á rúa? Pois non. A nosa Télam (rede de información pública arxentina) non será desangrada. O Fondo Monetario Internacional (FMI) non manda en Cuba”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *