Conmemoración do Moncada e presentación do libro “Nós, contra o Bloqueo. Nós, con Cuba” fronte a estatua de Martí en Vigo

Lina Lobeira – Terra Sen Amos (Vigo)

Un resto de sol debulla nas ponlas deferentes dos salgueiros e no peso que abruma as costas de Martí, no xardín de Montero Rios de Vigo, e a voz de María e os acordes de Pedro e José, invitan a parroquia internacionalista a honrar 26 de xullo do 53 e o tesouro de solidariedade patriótica e xustiza igualitaria gardado por Cuba dende aquela data. En nome da Francisco Villamil, Luisa Cuevas Raposo recorda a entrada da Revolución na Habana en Xaneiro de 1959 e o cerco do Imperio tan cruel e largacío coma verdadeiro era o desafio independentista. Presentado o libro Nós, contra o Bloqueo, Nós con Cuba, contribución da Villamil a Campaña Internacional contra o Bloqueo, interviron Xosé Luis Méndez Ferrín e o cónsul xeral de Cuba en Galiza, José Antonio Solana.

Ferrín fala sobre o a pedagoxía internacionalista de Cuba. A súa beira, Luisa Cuevas Raposo, presentadora do acto.

Lembra Ferrín que no 1 de xaneiro de 1959 celebrara naquel mesmo entorno, entre amigos, “a entrada dos revolucionarios na Habana, cando Fidel Castro formal, definitiva e totalmente derrubou a tiranía xunto cos seus compañeiros armados da serra, e os seus compañeiros insurrectos do llano, entre os que faltaba Frank Pais, de Marín¸ que fora asasinado”.

O autor de Arraianos considera privilexio poder ser solidário con Cuba neste intre no que a Revolución instálase de forma definitiva, coas medidas razoábeis tomadas ultimamente polo goberno, que interpreta como recursos de adecuación aos tempos de construcción da sociedade socialista.

“A miña memoria –comenta– ven doutros tempos, do dia no que Fidel Castro houbera de preguntar as masas que nome lle darían ao partido e as asociacións revolucionarias integradas na Revolución e a resposta foi estentórea: Comunista! Ese dia, en todo o mundo, moitos rapaces e rapazas que non eramos comunistas, decidimos seguir o camiño do comunismo”.

Centra Ferrín o seu discurso no que chama a dimensión pedagóxica de Cuba. “Non só foron os compañeiros iniciais do movimento 26 de xullo e depois do PCC, capaces de facer a revolución armada, social, política, senón que tamén levaron a cabo a revolución cultural, da expresión, e da arte e a literatura, que ultrapasaba as fórmulas do social-realismo; abriron os ollos a nosa xeración sobre todos os problemas da sociedade, e mesmo a persoas máis vellas ca nós: regresando con Simone de Beauvoir dunha visita a Cuba, Jean Paul Sartre dicia que tiñamos que aprender de novo, coa Revolución Cubana, a sermos comunistas. A Revolución aprendeunos a sermos internacionalistas, de forma prática e realista, e a visión e Cuba sobre os movimentos de liberación nacional de Africa abriría camiño a moitas independéncias en todo o mundo”

O primeiro poeta contemporáneo de Galiza, di que Cuba ensináranos a pensar e demostrou que a Revolución “é factibel, está nas nosas mans, e so fai falta un pobo que queira facela e unha clase obreira implicada; decisión, corazón e factores racionais. Por moito que queiran silenciar estas ideas, o sistema económico do capital durará o que dure o imperialismo. O mundo xa non é unipolar coma hai anos, senón multilateral: ábrense fendas, maniféstanse contradicións. A Vella Toupeira asoma aquí e acolá. A clase obreira e os pobos demostran que sempre se pode dar un paso adiante. Non sendo asi, estariamos na prehistoria. Se caeu o escravismo e o feudalismo, por que o capitalismo non vai cair definitivamente en todo o mundo? Eis a grande lección da Revolución Cubana: que sí se pode facer. Saúde.” Un cachón de aplausos acolleu o final do discurso de Ferrín.

José Antonio Solana, cónsul xeral de Cuba en Galiza, dixo que 26 de xullo era unha data maior de lembranza na longa loita de Cuba pola independencia, que atinxira a súa hora o 1 de xaneiro de 1959 e recordou que a nación cubana militaba ainda no 26 contra o intento da dereita internacional de sometela con desprezo reaccionario e imperialista do esforzo do goberno revolucionario para pór ao dia as leis e a Carta Magna de Cuba, dacordo cos desexos do pobo. Contestando as manipulacións procedentes da propaganda imperialista sobre a realidade do proceso cubano coñecido co nome de actualización, recordou que Cuba procura avanzar, cumprir a vontade do pobo e realizar a revolución. Con gratitude referiuse a solidariedade internacional que cualificou de ben necesario para realizar o legado de Martí e Fidel e honrou o coincidente Dia da Patria de Galiza para rematar a súa interención con vivas a Galiza, a Cuba e a Revolución Cubana que coron coreadas polo público.

Durante o acto, púxose a venda o libro “Nós, contra o Bloqueo, Nós con Cuba”, número inaugural da Biblioteca Galego-Cubana Herminio Barreiro editada pola Asociación Francisco Villamil, como aportación da solidariedade de Galiza a celebración do Ano Contra o Bloqueo, como expresión da indignación internacional contra o cerco a Cuba que atravesa a fronteira de 58 anos depois de ser vetado por aclamación pola Asemblea Xeral da ONU a causa do dano producido, da ilegalidade cometida polos seus arbitrarios executores e coma anacronismo inxustificábel da Guerra Fría. A filla de Herminio Barreiro, dixo sentirse honrada por ver o nome do seu pais nunha colección pensada para render xustiza a Revolución Cubana que tanta importancia tivera na vida do fundador da Francisco Villamil e mestre de mestres.

Á cita diante da estatua de Martí obra de René Negrín, nos xardíns de Uxio Montero Rios de Vigo, asistiron tamén o Cónsul Xeral da República Bolivariana de Venezuela en Galiza, Martín Pacheco e a cónsul Mónica Sánchez Morles; Rubén Pérez Correa, concelleiro de As Mareas de Vigo; Ana Miranda, deputada do Parlamento da UE polo BNG, Manuel Caride, responsábel da Comarca de Vigo polo BNG  e Xacinto Barreiro, irmán de Herminio Barreiro.

Engádegas de Sonia Barreiro e Manolo Pipas a conmemoración do Moncada en Vigo

ANT 29.07.18

A efeméride do Moncada, celebrada pola solidariedade nun parque de Vigo, cun programa de actuacións musicais e intervencións políticas, abertas por igual ás persoas invitadas e aqueloutras que, por estaren de paso no lugar público, puideron sentirse atraídas ou somentes curiosas pola natureza do encontro, contou cunha  intervención da filla de Herminio Barreiro para agradecer a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil a elección do nome do seu pai para a Biblioteca Galego-Cubana presentada na ocasión. Tratándose dunha intervención fóra de programa, reproducímola integramente a seguir, xunto dun poema escrito para a ocasión por Manolo Pipas e doutra composición do mesmo autor que recorda a participación de Pedro Trigo na Xesta do Moncada.

Palabras de Sonia Barreiro

“Un par de figuriñas de artesanía, unha pequena toalla de praia, un colorido chapeu de palla, algúns discos de Joseíto Fernández, Carlos Puebla, e obxectos que viñan periodicamente a casa como lembranza do vínculo que Heminio tiña establecido con Cuba e a súa Revolución: almanaques, cartaces, e máis e máis exemplares de revistas como Bohemia, ou Casa de las Américas… O noso fogar estaba cheo de cultura material e de publicacións cubanas… Herminio, admirador e estudoso do proxecto revolucionario cubano, sempre atento ás súas evolucións e progresos, o mesmo que ás súas dúbidas e rectificacións, cumpría exactamente vinte dous anos cando os barbudos entraran na  Habana, así que Cuba foi un referente constante no seu desenvolvemento como intelectual galego nos seus anos madrileños. Un estudo sobre o proceso revolucionario valeulle un premio de Radio Habana Cuba: unha viaxe ao país, en 1971, co que ese interese que xa tiña desde 1959 salvou a distancia física e xa trouxo consigo un chisco de Cuba ao noso fogar, para sempre, en forma de todas esas cousas que había por casa, e das periódicas entregas por correo. Primeiro a Madrid, e despois á Galiza, onde formou parte activa da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil”.

“A enfermidade de Fidel, primeiro, e a súa propia, despois, impediron unha segunda viaxe de Herminio a Cuba, unha viaxe que desexaba, para seguir de cerca os progresos da Revolución, as novas dinámicas sociais e políticas da Cuba do século XXI. A saber que tería traído desta segunda volta… Para nós, de calquera xeito, unha iniciativa como esta é un orgullo e unha honra, porque estamos certos de que el, que non era moi amigo de ser homenaxeado, estaría feliz deste novo paso adiante da Asociación que con tanto entusiasmo fixo formar parte da súa vida, das nosas vidas… Por todo isto, estamos fondamente agradecidos. De corazón”.

Martí Moncada Solidariedade

Poema escrito por Manolo Pipas para a presentación do libro “Nós Contra o Bloqueo. Nós con Cuba”.

neste parque
entre as árbores
no día do moncada
corre un pouco de aire
pero entre usa e cuba
corre aire viciado
polos yanquis 

neste parque
música e palabra
un libro a solidariedade

as árbores coidan da escultura
do político martí e de nós
e o poeta josé martí coida
de nós e das árbores 

Pedro Trigo e o Moncada

a pedro trigo de cuba
polas rías coñecín
entre barbudos e cravos
nun rebelde mes de abril
falando do seu moncada
que axudóu a combatir

cairon julio e abel
asaltando o hospital
preso e xulgado fidel
la historia me absolverá
loita clandestina e gramma
mais trigo se ten que exiliar

pedro non pudera estar
cos seus compas pola serra
e cando trunfa a revolta
volta e súmase a tarefa
alfabetizando ao pobo
que tiña negado as letras

e cumpriu noventa anos
pedro trigo de viveiro
de barcelona a la habana
anda agora o abuelo
os pes lentos gran memoria
deste home tan modesto

pedro trigo do moncada
amigo de conversar
e un viveiro é un criadeiro
para logo ir a plantar
e ben sementóu o trigo
co moncada moito pan

(no aniversario ao asalto
do cuartel moncada
pedro trigo co 25 de abril)

Máis información gráfica sobre o evento:

http://www.cubainformacion.tv/index.php/solidaridad-con-cuba/80254-en-vigo-se-presento-el-libro-contra-o-bloqueo-nos-con-cubaa-en-acto-solidario-por-el-26-de-julio-fotos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará