Creatividade e dilixencia para combatir o cerco dos EUA e superar o “bloqueo interior”

Axencias Cubanas – Terra Sen Amos

Miguel Diaz-Canel di que Cuba enfronta un bloqueo xenocida  e ao mesmo tempo vive unha loita contra outro bloqueo interior, expresado na mentalidade importadora, inimiga da creatividade, o endebedamento excesivo, os atrancos na xestión, a corrupción e ilegalidades como  o roubo de combustibel, que declara incompatibeis cunha nación recoñecida en todo o mundo polo seu nivel de educación e a súa cultura política.  Falando na Asemblea da Asociación Nacional de Economistas e Contadores de Cuba, ratificóu o anuncio de Alejandro Gil, ministro de Economía e Planificación, de que sexan os traballadores e traballadoras da empresa pública quen no prazo dun ano elaboren os programas de produción propios. O presidente chamou a superar formas de administrar burocráticas que favorecen a corrupción e frean a efectiva solución dos agudos problemas causados polo Bloqueo e invocou o exemplo da Xeración Histórica fronte os desafios do Periodo Especial.

Diaz-Canel intervén na Asemblea dos economistas de Cuba, celebrada 14 de xuño na Habana.

Recordou o Presidente que sendo a defensa a tarefa primeira da Revolución, a seguir en importáncia está a economía. “Vai a máis o Bloqueo, cruel, inmoral, xenocida, que compre enfrontar cunha creatividade á altura da profesionalidade do pais” . En palabras de Diaz-Canel, Cuba non vai renunciar á prosperidade e sostibilidade, mália ter unha economía  pequena e cercada dende hai  60 anos. Falando na Asemblea anual da Asociación Nacional de Economistas e Contadores de Cuba, presidente ratificóu o anuncio de Alejandro Gil, ministro de Economía e Planificación, de a partir do ano vindeiro o Goberno propiciar que traballadores e traballadoras elaboren os programas de produción das súas empresas.

Para pór en prática o novo sistema de direción, o presidente concordou con Alejandro Gil en que compriría un cambio de mentalidad para facer efectiva a medida, demandada de vello polos traballadores. “Unha medida nova para un tempo novo, e unha decisión que non chega dende arriba; unha medida ousada e revolucionaria que, como dixo o ministro, esixe obxetividade, realismo e conciencia”.

COMO REPARTIR O QUE FALTA

Apelando a colaboración das economistas, dixo que compartia o malestar de quen quer honradamente apurar solución para os problemas principais e leva sempre conta de algunhas avaliacións superficiais que descualifican duramente todas as decisións do Goberno. Recordou que para poderen facer realidade esas ideas, compriría dispor duns recursos que ainda non existen e garantir asemade a xustiza social conquistada. “Pensamos en todas e todos ao enfrontar o dia a dia e tomar decisións sobre onde e cómo situar os recursos financeiros que o solimán do Boqueo non nos dá roubado. O dilema de cada día é como empregar mellor o que temos que, a diario, é quince ou vinte veces menor ca o demandado. Neses momentos penso particularmente naqueles que aparentando ter unha solución rápida para cada problema, deberian poder dicirnos como repartir todo o que nos falta.”

Reparou o Presidente na obviedade do argumento, no lugar no que estaba a pronuncialo. “Na América Latina temos exemplos abondo de partidários de desentendérense das responsabilidades do Estado con toda a sociedade e deixar as solucións ao mercado. Mais o noso non é un Estado calquera, é un Estado Socialista de Dereito, comprometido con garantir os dereitos fundamentais a todo o pobo. Esta segue a ser unha Revolución dos humildes, cos humildes, para os humildes.”

Dixo que non estaba en mans do Goberno decretar o fin do Bloqueo, atranco fundamental para o progreso do país, ferozmente agravado pola actual administración dos EUA que busca asfixiar a economía cubana por todos os medios. “Debemos concentrarnos, xa que logo, no que si depende de nós: a intelixencia, a creatividade, o esforzo. Como recoñecen os expertos, a xestión do coñecemento xa non é un factor máis na contribución ao desenvolvemento, senón que pasou a converterse no factor principal e determinante da productividade. De feito, as economías máis adiantadas están baseadas no coñecemento. Por iso insistimos tanto no vínculo vivo das Universidades coa economía e a sociedade. Ese vínculo faranos avanzar tan axiña como nolo permita unha das nosas maiores fortalezas: o coñecemento.”

O Presidente dixo que os 79.000 membros da Asociación Nacional de Economistas de Cuba (ANEC) eran unha peza básica na guerra contra os problemas que, por causa do Bloqueo ou de erros propios, comprometen o obxectivo de facer próspera e sostibel a economía. “En primeiro lugar, está ese perverso e cada vez máis numeroso conxunto de problemas que xera o Bloqueo, é dicir, perseguizón financeira, contracción do crédito por presións da administración dos EUA, porta pechada do mercado máis a man, ataque inclemente ás fontes de ingresos e ameazas con sancións ou as sancións mesmas contra todos os que teñan mentes de comerciaren con Cuba”.

“SI, PÓDESE2

Cuba revólvese farta contra o renovado cerco imperial, e o Presidente recorda que a Xeración Histórica fora quen de enfrontar creativamente a guerra económica durante 60 anos e abrir vias onde o inimigo chantaba atrancos.”Nas duras circunstancias do Período Especial, o Xeneral de Exército Raúl Castro Ruz, Primeiro Secretario do Comité Central do Partido Comunista de Cuba, convocáranos ao si, pódese, e si se puido, e desta tamén se poderá. Erguéranse deste xeito formidabeis solucións que agora permitennos enfrontar a nova xeira da mesma guerra en condicións melloradas. Cando dicimos Somos Cuba, Somos Continuidade, non expresamos unha consigna baleira”.

O compromiso que propón  Diaz-Canel consiste en buscar, desenvolver e aplicar iniciativas xeradas polo pobo de Cuba para facer imposibel o regreso de necesidades e apuros, tan agudos coma os que houberan de enfrontar nos noventa e, deporparte, identificar e destrabar os atrancos do que algúns adoitan chamar o bloqueo interno. “Revisando as principais actividades económicas, percorrendo o país, intercambiando con dirixentes e traballadores, profesores e estudantes, investigadores e creadores, manexamos un listado de problemas económicos principais no que salientan un alto nível de endebedamento, insuficientes ingresos por exportacións, débedas por cobrar e o predominio dunha mentalidade importadora letal para a iniciativa e a creatividade; corrupción e ilegalidades que propician delictos coma o roubo de combustibel e, tamén, un ruin nível de aforro, inaceptabel nunha nación que o mundo recoñece polo seu nivel educacional e a súa cultura política. A batalla económica consiste, xa que logo, en xerar unha actitude máis resolta, intelixente e concreta dos dirixentes, convocados a pular por solucións seguras e concretas, a reforzar estruturas e equipos de dirección e xestión económica e non a sementar atrancos e demoras”.


Obxectivos como a mellora da empresa estatal, a sinerxia produtiva co investimento estranxeiro, as empresas mixtas, o turismo, o resto da economía nacional e o sector non estatal, foron tamén abordados na intervención. “Queremos pór orde na actividade do sector privado, mais evitando trabar ou frear seu desempeño; cómpre favorecer as mellores práticas até lograrmos a erradicación da ilegalidade, a sub-declaración e outras malas práticas. O reto é integrar a todos os actores, formas de propiedade e de xestión presentes na contorna económica e social nacional, incrementar as fontes renovabeis de enerxía, facer máis eficientes os procesos de investimento, fomentar un ambiente de confianza e seguridade en quen apostan por Cuba asumindo riscos e ameazas”.

Dentro do longo memorando de asuntos por resolver,  Diaz-Canel establece prioridades “De certo, resulta vital incrementar as exportacións e a sustitución de importacións, cortar impagos, fortalecer nosa capacidade negociadora, modernizar o sistema bancario, impedir pagos superfluos na actividade administrativa e lograr real control dos escasos recursos. É comprida a lista do que debemos e podemos resolver para que medre a produción nacional, mellore a calidade dos servizos, aproveitemos todas as oportunidades de ingresos e fagamos crecer a economía dende a raíz, potenciando o desenvolvemento local. Citei só unha parte do extraordinario desafío, revolto por conflitos comerciais, intervencionismo, prepotencia dos poderosos, abuso de poder, crise ética, desprezo do Dereito Internacional, é dicir, unha Helms-Burton global que se propón implantar a lei do máis forte con desprezo absoluto pola supervivencia da especie humana. Mais como dixemos máis dunha vez, ningunha ameaza vai distraernos do noso deber de defender e soster a invulnerabilidad da Revolución Cubana”.

SOMOS CONTINUIDADE

O presidente recordou a Asemblea un discurso de Fidel de 1988: “Os nosos inimigos – dicia o Líder Histórico- asexan nosas verdades, e contra esa obra de todo un pobo calumnian por todos os medios posibeis, intrigan e tratan de subvertir e matar a esperanza, de sementar o pesimismo. Para que queren senón ese indecente bloqueo? Para crebar a moral do noso pobo que, con carácter case exclusivo no mundo, está sufrindo afago, guerra económica e non económica tamén, guerra política e ideolóxica da máis poderosa potencia que existiu xamais na historia; e, por primeira vez, unha potencia hegemónica a nivel mundial (…) O Imperio ten seus teóricos e ideólogos formados en universidades, aínda que xusto é dicir que alí tamén hai persoas intelixentes e sensibeis, non todos pensan exactamente igual; persoas que non comparten os métodos do Imperio, nin as políticas do Imperio ou o criminal procedemento de bloquear un país pequeno, de facer por rendelo por fame e por enfermidade. O Imperio ten seus teóricos e seus medios de divulgar o que pensan, e os pobos dominados por ese imperio global, deben ter tamén teóricos que han saír das filas dos intelectuais; en primeiro lugar, dos economistas. Dos economistas cun sentido político, non economistas para servir ás transnacionais, ou economistas para exerceren o simple papel de asesores. Economistas que desenvolvan ideas e as transmitan ao seu pobo a partir de fundamentos profundamente científicos, a partir da ciencia e da experiencia humana acumulada durante tanto tempo; economistas do pobo, que deben ser economistas políticos. E os políticos que non entendan, ou non queiran entender, ou que non devezan por aprenderen economía, non son dignos de exercer funcións políticas”.

Rematando a súa intervención, o Presidente dixo que a beleza do aporte e das realizacións, está en relación co tamaño dos desafíos que nos impoñen os peores momentos.”Traballemos no sentido de instalar a eficiencia e a cultura do detalle como prácticas de vida que nos libren da inercia, a preguiza, as trabas, a burocracia, a falla de sensibilidade e inquietude revolucionarias, a chafallada e a demora nas repostas e a acción; venzamos a inercia dos cansos e contaxiemos de entusiasmo aos comprometidos. Espérannos tempos de loita, pero tamén de esperanzas e de conquistas, de vitorias, porque: Somos Cuba! Somos Continuidade!”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará